Feijóo relaxa o plan de gastar "cero" euros en alugueiros que prometeu en campaña

Treito do programa do PP sobre as medidas de aforro © PPdeG

"Reducir o gasto en alugueres da Xunta de Galicia a cero". O programa co que o PP concorreu ás eleccións autonómicas do 21-O incluía esta concretísima promesa dentro do apartado dedicado á "austeridade en gastos que aínda poden axustarse" sen prexudicar "o servizo público". O cumprimento deste obxectivo implicaría poñer en marcha un segundo plan de "racionalización" de alugueiros, que na pasada lexislatura conseguiu, segundo cálculos da Xunta, aforrar un 25% neste ámbito, pasando de 7,6 a 5,7 millóns de euros ao ano. Apenas tres semanas despois das eleccións o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, xa arrefriaba o compromiso asegurando que "o obxectivo" de aforro aínda non estaba "marcado", xa que se incluiría no devandito segundo plan, que xa preparaba a Consellería de Facenda. O departamento que dirixe Elena Muñoz xa ten aquelado o documento e non se corresponde co programa electoral dos conservadores.

Este xoves o Goberno galego tivo sobre a mesa un bosquexo dese plan presentado formalmente como un informe -mecanismo que adoita utilizar a Xunta para introducir na orde do día da súa reunión semanal asuntos que lle interesa situar na axenda pública pero que non ten valor legal ningún-. Glosado polo presidente ante a prensa, a "segunda fase" do plan prevé aforrar "catro millóns de euros" e facelo "nesta lexislatura" isto é, no mesmo período ao que se refería o programa electoral do PP. "Este aforro", explica a Xunta "súmase ao conseguido na pasada lexislatura", cun "aforro anual de case dous millóns de euros a respecto do que gastaba na anterior", é dicir, na do bipartito.

Se o plan é cumprido a final da lexislatura o gasto será de 1,7 millóns de euros ao ano

Pero, isto implica que a promesa electoral se vai cumprir? Atendendo ao anunciado, non. Dando por bos os datos gobernamentais actualmente o erario destina anualmente 5,7 millóns de euros a pagar arrendamentos. Se se produce o aforro comprometido ao remate do actual mandato, no ano 2016, este concepto detraerá 1,7 millóns anuais dos orzamentos autonómicos. Isto implicará unha notable redución, concretamente do 70,2%, pero no suporá que a Xunta gasta "cero" en alugueiros, tal e como comprometeu a formación política que sustenta o Executivo.

Sexa como for, a Xunta asegura que deixará de pagar estes catro millóns de euros "potenciando a localización dos servizos públicos en edificios que son propiedade da comunidade autónoma". A "primeira fase" do novo plan "centrarase na área de Santiago e permitirá situar nunhas mesmas dependencias departamentos da Administración relacionados entre si". Posteriormente, explican dende o Goberno, o plan estenderase "aos servizos periféricos no resto de áreas de Galicia", xa sexa "resolvendo contratos, aproveitando inmobles propios" ou, cando isto non é posible, "renegociando á baixa a renda" de cada contrato de alugueiro do local que corresponda.

Feijóo, tras un Consello da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.