O parque móbil da Xunta foi un dos grandes cabalos de batalla do PP no seu efémero paso pola oposición en Galicia. Como substituto de Manuel Fraga na presidencia do partido, Alberto Núñez Feijóo e o seu gabinete caricaturizaron ata a saciedade aos daquela presidente e vicepresidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG) como "sultáns", amantes do "luxo asiático" e do "desbalde" por, entre outros aspectos, utilizar coches oficiais. A maior parte deles, mercados polos Gobernos do PP, incluído o que vicepresidira o propio Feijóo.
Feijóo cifrara en 6 millóns de euros o aforro no parque móbil na súa primeira lexislatura como presidente; o Consello de Contas di que non é quen de "verificar, de forma precisa" canto foi aforrado
Aquela reiterada campaña dos conservadores incluíra algunhas promesas incumpribles -como a insinuación de que Feijóo utilizaría como presidente un coche fabricado na planta de Citroën de Vigo, o que daquela era sinónimo de monovolumes e furgonetas- e outras, máis factibles, como deixar nun segundo plano os coches marca Audi ou reducir o gasto en automóbiles oficiais. Contra o remate da primeira lexislatura na presidencia (2009-2012), o propio Feijóo cifrara ese aforro en 6 millóns de euros por mandato que, asegurara, se ían acrecentar no futuro.
Eses aforros foron uns dos analizados polo Consello de Contas no seu último informe sobre os gastos correntes da Administración galega, un dos que o organismo fiscalizador das finanzas pública vén de entregar no Parlamento. Mentres que noutros aspectos, Contas si chega a conclusións moi precisas sobre se a Xunta deu ou non cumprido os seus plans de austeridade, no que atinxe aos coches oficiais ten que quedar no que a propia Xunta lle contou. Non é posible "verificar, de forma precisa", canto foi aforrado, asegura. [Só unha cuarta parte dos coches da Xunta son Citroën dez anos despois da campaña de Feijóo a prol da marca]
Así, citando información fornecida pola Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, o Consello de Contas refírese a "medidas para reducir o custo do funcionamento do parque móbil". Entre elas, sinala, figuran "eliminar vehículos", destinar parte deles a "trasladar aos encargados das notificacións xudiciais", a "eliminación" dende 2012 do "traslado a domicilio dos altos cargos residentes en Santiago" ou o "uso compartido para o resto de cargos". "Tan só o presidente, o vicepresidente, os conselleiros e os cinco delegados dispoñen de coche oficial e condutor en exclusiva", resume.
"Coa información dispoñible nas contas xerais da comunidade autónoma, non se poden verificar de forma precisa os aforros acadados coa implantación do plan de axuste do parque móbil".
Sempre coa mesma Consellería como fonte, Contas sinala que, dende 2009 a 2017 -ano ao que chega o informe-, o 35% dos "aforros pola reestruturación do parque móbil" debéronse "a mantemento dos vehículos, combustible e peaxes". Outro 34% procede de "gastos en taxis e axudas de custo dos condutores" e un 31%, a "horas extra e substitucións de condutores" e outros gastos de persoal. Pero, canto foi ese aforro? Contas non é quen de concretalo.
O organismo fiscalizados sinala que a conta xeral da Xunta rexistra conceptos como "material de transportes, combustible, vestiario e transporte" que "conteñen máis gastos que os correspondentes ao parque móbil". Polo tanto, "coa información dispoñible nas contas xerais da comunidade autónoma, non se poden verificar de forma precisa os aforros acadados coa implantación do plan de axuste do parque móbil". No documento tampouco hai referencia ningunha á fracasada poxa de coches oficiais organizada pola Xunta nos primeiros compases do retorno do PP ao poder.
Algúns dos Audi seguiron nos garaxes da Xunta ata 2015, cando cando colocou os 8 que lle quedaban ao Banco Pastor; todos foran mercados en tempos de Fraga
Alén deste informe do Consello de Contas, unha das referencias públicas máis recentes sobre o estado do parque móbil da Xunta atópase na documentación que o Goberno tivo que achegar en 2018 para contratar os seguros dos seus coches. Como informou Praza.gal, unha década despois da súa campaña contra os coches oficiais en xeral, contra Audi e a prol de Citroën, a marca francesa si é a máis numerosa no parque móbil público (que non só se compón de coches de altos cargos), pero apenas representa unha cuarta parte do total. Mentres, algúns dos Audi seguiron nos garaxes da Xunta ata 2015, cando cando colocou os 8 que lle quedaban ao Banco Pastor nunha operación de arrendamento de 84 coches. Todos foran mercados en tempos de Fraga.