A durísima campaña electoral de 2009, ao termo da cal o PP recuperou a Xunta con Alberto Núñez Feijóo á fronte, tivo moitos elementos novidosos. Entre eles figuraron cuestións inéditas introducidos polos conservadores no debate político sen que os daquela socios de Goberno, PSdeG e BNG, puidesen ou soubesen reaccionar. Os populares de Feijóo e Alfonso Rueda convertéronse nunha verdadeira máquina de titulares nas que se repetían expresións como "sultanato", "luxo asiático" ou "desbalde", todo isto salferido por planos de obras en recintos administrativos e, sobre todo, por marcas de coches hiperbolicamente aderezadas. Neste marasmo un dos lugares comúns máis recorrente eran as reiteradas mencións aos vehículos marca Audi, que o propio Feijóo prometeu desbotar do parque móbil. Cinco anos despois daquela campaña os garaxes da Xunta teñen aparcados, cando menos, nove destes coches, dous do modelo A8 e sete do modelo A6.
Na actualidade fican xa lonxe aquelas imaxes do que fora coche oficial do presidente Touriño cuberto de po e tamén as da fracasada poxa de Audis, a maioría adquiridos polo Goberno de Manuel Fraga. Neste contexto, o Executivo reitera que a súa xestión do parque móbil pouco ou nada ten que ver coa dos seus antecesores grazas ao seu plan de "reestruturación". Sexa como for, a Xunta segue a ter que facer trámites como a contratación seguros para todos os seus coches, un proceso que vén de iniciar a Consellería de Facenda e grazas ao cal é posible coñecer non só que segue a ter nove Audis, senón a totalidade de vehículos -coches, camións, motos e vehículos agrícolas- que son propiedade da Administración autonómica.
A Xunta disponse a contratar os seguros para todos os seus coches por algo máis de 2 millóns de euros
As compañías interesadas en facerse con este contrato de case 2,5 millóns de euros para os vindeiros dous anos deben saber que terán baixo a súa responsabilidade o aseguramento duns 1.600 vehículos de moi diverso tipo, entre os cales a marca máis numerosa é Citroën que, non obstante, con apenas 450 automóbiles representa menos do 30% do total. Unha ollada á relación de vehículos permite ratificar que algunhas das que foran promesas electorais estrela de Feijóo, tales como circular ordinariamente nun vehículo oficial fabricado en Vigo, foron e son imposibles de cumprir, toda vez que na factoría viguesa só se fabrican vehículos industriais e familiares algúns dos cales, non obstante, si forman parte do parque móbil da Xunta.
A marca máis numerosa no parque móbil é Citroën, aínda que non chega ao 30% do total
Sen ter en conta a maquinaria agrícola ten vehículos de case unha trintena de marcas nas que, despois de Citroën, Nissan, Suzuki e Seat son as que teñen maior presenza, todas por riba dos 150 coches. Tamén figuran nesta relación máis dun cento de automóbiles Renault; por riba dos 50 están Galloper e Wolkswagen. Nos garaxes da Xunta segue a haber tamén dous Lamborghini, marca que sorprendeu o gabinete de Feijóo á súa chegada pero que non significa que se estean a manter con fondos públicos dous deportivos de alta gama, senón dous tractores.
Coches oficiais no parque móbil da Xunta (fonte: Consellería de Facenda)