Este martes, 9 de maio, José Manuel Baltar tiña que comparecer no xulgado da Pobra de Seabra acusado dun presunto delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora o pasado 23 de abril na autovía A-52 na provincia de Zamora. En vésperas desa cita xudicial, fixada inicialmente para tres días antes do inicio oficial da campaña das eleccións municipais do 28M - pediu adiala a través do seu avogado, pero o xulgado só aceptou realizala por internet-, o presidente da institución provincial e do PP ourensán xa advertiu de que non ten pensado dimitir nin ofrecer, no ámbito político, máis explicacións ao respecto.
Baltar ten que comparecer este martes ante a Xustiza polo presunto delito contra a seguridade viaria cometida ao circular a 215 km/h no coche oficial. A pasada semana, DO apoiou na Deputación a petición de que dese máis explicacións e dimitise
O último debate sobre a cuestión no seo da Deputación foi o desenvolvido o pasado venres nun pleno extraordinario forzado polo grupo provincial do PSdeG para debater unha moción na que esixían que Baltar rendese contas completas sobre ese exceso de velocidade e sobre outros cometidos aos mandos do mesmo coche. Tamén sobre a multa imposta ao devandito vehículo en 2021 cando foi interceptado a 157 por hora na N-120 entre Monforte e Pantón -treito limitado a 90- nun día no que, segundo defende o propio Baltar, a Deputación non foi quen de "identificar" quen conducía.
A moción non saíu adiante porque o evitaron os votos do PP e mais o de Montserrat Lama, a deputada que fora voceira do goberno de Baltar no anterior mandato ata que marchou a Ciudadanos en 2019, partido que abandonou en 2022 para retornar ao PP. A prol do texto e, polo tanto, da esixencia de explicacións e dimisión ao barón popular votou o único deputado presente de Democracia Ourensana, partido que salvou a Baltar en 2019 cando, tras perder a maioría absoluta na Deputación, votando a súa investidura a cambio de elixir a Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense. O deputado de DO ausente na sesión do pasado venres era, xustamente, Jácome.
A primeira gravación divulgada por 'La Región' amosa a Jácome tentando que funcionarios municipais asuman unha multa de tráfico. Na segunda, "admite que xestiona diñeiro negro e se gaba de saber branquealo", acusa o xornal
Alén do bloqueo á devandita moción e paralelamente ao percorrido xudicial do caso, o exceso de velocidade de Baltar e o contexto político no que se produce está a axitar inevitablemente a carreira ourensá cara ao 28M. A cuestión viña sendo protagonista ata que, nos últimos días, o xornal La Región, historicamente considerado como próximo a Baltar e abertamente enfrontado con Jácome, está a publicar unha serie de gravacións comprometedoras para o alcalde.
O primeiro deses audios, divulgado a pasada fin de semana, amosa o rexedor tentando que dous funcionarios do concello asumisen unha multa de tráfico imposta a un coche da Alcaldía ourensá en 2022 por circular a 88 por hora nunha rúa de Vigo limitada a 50. A segunda serie de gravacións, difundida este luns, amosa segundo o mesmo xornal que o líder de DO e candidato á reelección "admite que xestiona diñeiro negro e se gaba de saber branquealo" nun contexto no que, defende a publicación, pretendía captar fondos para a campaña electoral entre empresas adxudicatarias de servizos municipais.
Tras a publicación do primeiro audio, o BNG ourensán pediu formalmente á Fiscalía. PSdeG e Podemos amosaron a súa convicción de que cómpre unha intervención xudicial no caso e o PP local asegurou que os seus servizos xurídicos estaban a analizar a cuestión. Este luns, tras transcender as novas gravacións, os grupos da esquerda reafirmáronse nas súas posicións e, no caso do candidato socialista, Francisco Rodríguez, considerou que é posible establecer paralelismos entre as condutas de Jácome e Baltar por utilizaren as institucións públicas como "leiras particulares nas que poden facer e desfacer o que lles pete".
Ambos casos protagonizan a escena cara a un 28M tras o cal case ninguén dubida que Deputación e Concello de Ourense volverían estar xunguidos se Baltar volvese precisar a DO para reter o poder provincial
Ambos casos e as súas eventuais repercusións legais protagonizan a escena ourensá en vésperas dunha campaña tras a cal case ninguén dubida de que, como hai catro anos, os destinos da Deputación e do Concello estarán xunguidos. Estarano sempre e cando Baltar precise outra volta de DO para reter o poder provincial que a familia controla dende hai 33 anos, primeiro con José Luis Baltar á fronte e, dende hai unha década, co bastón de mando nas mans do seu fillo nunha institución esencial para o dominio do partido na provincia, peza que tamén foi esencial para as maiorías absolutas do PP de Feijóo en Galicia.
Hai catro anos, o PP perdeu a maioría absoluta ao ceder dous deputados provinciais no partido xudicial de Ourense, no que quedara con 6 fronte a 5 do PSdeG, 2 de DO, 1 do BNG e 1 de Ciudadanos. Nese partido xudicial é clave o resultado electoral de Ourense capital, onde hai catro anos o PSdeG foi primeira forza, por diante do PP e de DO. Agora os populares comparecen aos comicios co ex-alcalde Manuel Cabezas, abertamente enfrontado aos Baltar durante a súa etapa no poder.