Tras as pasadas eleccións municipais, en máis da metade das principais institucións locais galegas constituíronse gobernos de coalición. Así sucedeu en tres das sete cidades (Lugo e Pontevedra e mais Ourense) e nas catro deputacións galegas. As coalicións urbanas foron compostas por PSdeG e BNG agás en Ourense, onde quen formaron bipartito foron o PP e Democracia Ourensana. Nas deputacións, todas conformaron gobernos de socialistas e nacionalistas agás a ourensá, onde o popular José Manuel Baltar retivo o poder da man de DO a cambio de entregarlle a alcaldía da capital da provincia.
A maioría das principais institucións locais galegas están gobernadas por coalicións entre as que destaca unha excepción convulsa, a do PP con Democracia Ourensana, que vén de rachar por segunda vez
Máis de tres anos despois da posta en marcha de todos estes gobernos, a maioría continúan o seu labor coa mesma composición e sen tensións que vaian alén das decisións cotiás de cadansúas institucións ou dalgunha votación puntual en pleno. Así, por exemplo, os concellos pontevedrés e lucense (con alcaldía do Bloque e do PSdeG, respectivamente) veñen aprobando cada ano os seus orzamentos cos votos de ambas formacións e o mesmo sucede nos entes provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra. Nelas seguen nos seus postos tanto as persoas elixidas para encabezaren os gobernos nas alcaldías e presidencias de deputación como para ostentaren as vicepresidencias e tenencias de alcaldía sen ben é habitual que o PP os presente como focos de tensións e disputas internas.
Pero neste panorama de coalicións nas principais institucións locais galegas (nas restantes cidades hai un goberno con maioría absoluta, o de Vigo, e outros tres do PSdeG en minoría -A Coruña, Santiago e Ferrol-) segue a destacar unha excepción convulsa, a de Ourense. Os bipartitos do PP co partido de Gonzalo Pérez Jácome sufriron toda caste de avatares dende escasos meses despois de iniciaren mandato e veñen de rachar por segunda vez.
A primeira ruptura foi a instancias do PP no outono de 2020. Os conservadores marcharan do goberno de Jácome alegando a investigación xudicial da que era obxecto o rexedor por suposto manexo irregular de fondos públicos no seo de DO, que á súa vez sufría unha escisión. A investigación foi arquivada, reaberta, e pechada outra volta. Apenas un ano despois, os propios populares reconstituían os seus bipartitos con Jácome mentres se declaraban disconformes con algunhas das súas decisións de goberno e se afastaban de varias das súas saídas de ton, caso do empurrón do pasado maio a unha sindicalista ás portas da casa consistorial.
O conflito polo empurrón produciuse mentres o PPdeG estaba en pleno proceso sucesorio pola marcha de Alberto Núñez Feijóo para substituír a Pablo Casado e, naqueles días, Alfonso Rueda evitaba cuestionar a continuidade dos bipartitos mentres, dende Ourense, Baltar se apresuraba en ratificar a súa continuidade.
Mentres no Concello Jácome se dispón a gobernar con 4 edís ata a fin do mandato, na Deputación Baltar ratifica o retorno ao PP da deputada que lle marchara a Ciudadanos en 2019 e garántese a absoluta sen DO
A segunda ruptura chegou o pasado xullo pola banda de DO. Poucos días despois de que o PP ratificase que nas vindeiras municipais recupera como candidato á alcaldía de Ourense a Manuel Cabezas (alcalde entre 1995 e 2007), Jácome expulsou do goberno municipal os edís do PP acusándoos de "xogar" coa cidade por mor dos "tempos electorais" do seu alcaldable. Os populares, pola súa banda, dixeron que xa estaban a valorar marchar.
O líder de DO volve gobernar con 4 edís nunha corporación municipal de 27 e así di estar disposto a facelo ata o remate do mandato, a finais da primavera do 2023. Mentres, na Deputación, Baltar encargouse de neutralizar o risco de ter unha fin de mandato turbulenta por mor da ruptura con DO. Así, escasos días despois da segunda ruptura dos bipartitos, o barón ourensán confirmaba o retorno ao PP de Montse Lama, a que fora voceira do seu propio goberno ata que en 2019 abandonou as filas populares para fichar por Ciudadanos, partido polo que concorreu ás eleccións municipais e co que logrou un escano de deputada provincial que agora queda definitivamente ata a fin do mandato ao servizo de Baltar, garantíndolle a absoluta sen DO.