Cabezas, ex-alcalde de Ourense, é absolto de prevaricación porque non está probado que fose “consciente” do que facía

Vista da cidade de Ourense © Turismo de Ourense

A Fiscalía pedía para o político popular e para o seu concelleiro de Urbanismo sete anos de cadea e 2,8 millóns en indemnizacións por ‘perdoar’ a construtoras o 10% que debían ceder para uso público

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense emitiu este luns unha sentenza na que absolve a quen entre 1995 e 2007 foi alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, e o seu concelleiro de Urbanismo entre 1999 e 2003, Ricardo Campo, dos delitos de prevaricación e malversación polos que foron xulgados hai uns días. O delito de prevaricación pena unha ilegalidade cometida a mantenta, e neste caso o tribunal di que polas probas expostas no xuízo “non cabe concluír que os acusados fosen conscientes do carácter arbitrario ou ilegal” das súas decisións, polas que a Fiscalía pedía sete anos de cadea e 2,8 millóns en indemnizacións.

O tribunal considera probado que entre 1997 e 2003 o pleno do Concello de Ourense e a Xunta de Goberno local aprobaron 15 proxectos urbanísticos de compensación nos que, pese ao contido da lei do solo de Galicia do ano 1997 e á lei estatal do ano 1998, non se esixiu aos propietarios dos terreos de chan urbano non consolidado a cesión en favor do Concello das correspondentes porcentaxes de aproveitamentos urbanísticos. Os maxistrados, con todo, aseguran na sentenza que non resultou acreditado que os dous investigados, como integrantes do pleno e da Xunta de Goberno local, se aproveitasen dos cargos públicos que ostentaban e, guiados por un ánimo de enriquecemento inxusto, co fin de converter o patrimonio municipal en beneficios privados, como argumentaba a Fiscalía, votasen en favor da aprobación dos proxectos das xuntas de compensación “a sabendas”.

Manuel Cabezas, alcalde de Ourense polo PP entre 1995 e 2007 © Concello de Ourense

O contido dos informes emitidos polos técnicos do Concello, segundo os maxistrados, non pode servir para considerar acreditado que os acusados votasen a favor da aprobación dos proxectos a sabendas de que con iso se infrinxían as leis de chan: “É certo que nos informes técnicos se alude a que os proxectos incumpren a obriga de cesión do 10 % do aproveitamento urbanístico. Con todo, insistimos en que en tales informes sempre se propón a aprobación do proxecto presentado, polo que tal actuación administrativa do órgano decisor, do que formaban parte os acusados, non se pode cualificar, como esixe a xurisprudencia, como clamorosamente arbitraria ou contraria ao ordenamento xurídico”, recalca a Audiencia.

O tribunal insiste en que, ao non existir unha proposta desfavorable á aprobación dos proxectos, “non cabe concluír que os acusados fosen conscientes do carácter arbitrario ou ilegal” da súa aprobación. Ademais, entende que non se lles podía esixir “a interpretación dunha complexa e nova normativa en sentido contrario ao criterio reiteradamente expresado polo secretario do Concello”.

No fallo, ademais, destacan que os técnicos que declararon no xuízo “manifestaron que nunca recibiran recomendación ou presión de ningún tipo por parte dos acusados para emitir os seus informes nun determinado sentido” e todos afirmaron “que podían emitir informe en sentido desfavorable á aprobación dos proxectos das xuntas de compensación”. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de casación.

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Ata chegar a esta sentenza o caso, denunciado en 2014 pola ex-concelleira socialista Áurea Soto, supuxo a suspensión do ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por atrancar a investigación

Ata chegar a esta sentenza o caso do 10% tivo un longo e conflitivo desenvolvemento que acabou implicando a suspensión do ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por atrancar a investigación. Tras a chegada ao goberno local en 2007 de PSdeG e BNG en substitución de Cabezas, o Concello volveu esixir o 10% dos aproveitamentos e en 2014 a ex-concelleira socialista Áurea Soto presentou unha querela contra Cabezas que é a orixe do actual xuízo.

Nun primeiro momento o xuíz Leonardo Álvarez arquivou o caso, como tamén pedía o daquela fiscal xefe Florentino Delgado. Porén, unha querela da propia Áurea Soto contra Álvarez fixo que este fose afastado da instrución, deixando paso á xuíza Eva Armesto, que si permitiu que o proceso seguise adiante. Pero a demora da Fiscalía, con Delgado á fronte, en pronunciarse sobre o caso levou áavogada de Áurea Soto, Elena Díaz, a presentar un escrito ante a Fiscalía Superior do TSXG alertando da situación. A resposta da Fiscalía de Ourense foi remitirlle a esa avogada unha citación como testemuña no proceso, o que fixo que en xuño de 2018 a letrada denunciase o que considerou un abuso de poder do fiscal Delgado.

A Fiscalía Superior de Galicia encargou a investigación desa denuncia contra el ao propio Delgado, o que acabou derivando na investigación da actuación do propio fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes. Mentres estaba pendente de resolverse ese expediente disciplinario, o fiscal Delgado acabou recibindo outro ao coñecerse en febreiro de 2019 que a Xunta pagou durante máis dunha década o alugueiro da súa vivenda en Ourense. Dous meses máis tarde a Fiscalía do Estado apartou a Delgado e outro mes despois o propio Delgado obtiña praza en Madrid

A comezos de outubro daquel 2019 a Fiscalía Xeral do Estado decidía suspender a Delgado pola súa actuación na investigación a Cabezas e apercibía tamén ao fiscal superior Suanzes por non actuar correctamente ante as denuncias contra Delgado. Unhas semanas despois a Fiscalía, xan sen Delgado, emitía o seu escrito de acusación contra Cabezas pedindo sete anos de cadea. Agora a Audiencia rexéitao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.