Comeza o xuízo contra Cabezas, ex-alcalde de Ourense, por ‘perdoar’ a construtoras o 10% que debían ceder para uso público

Vista xeral dos barrios do Couto e A Ponte, en Ourense CC-BY-SA Quico

A Fiscalía pide para o político popular e para o seu concelleiro de Urbanismo sete anos de cadea e 2,8 millóns en indemnizacións

Este luns 17 de xaneiro está previsto o comezo na Audiencia Provincial de Ourense dun xuízo por prevaricación e malversación contra o ex-alcalde popular da cidade, Manuel Cabezas, no cargo entre 1995 e 2007. A Fiscalía pide para el e para o seu concelleiro de Urbanismo, Ricardo Campo, sete anos de cadea para cada un e indemnizacións respectivas de 1,57 e 1,95 millóns de euros por delitos continuados de prevaricación e de malversación de caudais públicos por non esixir a diversos promotores inmobiliarios a cesión para uso público do 10% do aproveitamento urbanístico que obtiñan como fixaba a lei. 

Manuel Cabezas, alcalde de Ourense polo PP entre 1995 e 2007 © Concello de Ourense

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, Cabezas, “actuando en connivencia” con Campo, “aproveitaron os cargos públicos que ostentaban e guiados ambos os dous acusados por un ánimo de enriquecemento inxusto, coa fin de converter o Patrimonio Municipal en beneficios privados, entre os anos 1997 e 2002 aprobaron quince proxectos de compensación en solo urbano non consolidado sen esixir a cesión do 10% pese a ser preceptiva”.

Ata chegar a este punto, no que este luns comezará o xuízo oral, o caso do 10% tivo un longo e conflitivo desenvolvemento que acabou implicando a suspensión do ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por atrancar a investigación

Ata chegar agora a xuízo o caso, denunciado en 2014 pola ex-concelleira socialista Áurea Soto, supuxo a suspensión do ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por atrancar a investigación

Tras a chegada ao goberno local en 2007 de PSdeG e BNG en substitución de Cabezas, o Concello volveu esixir o 10% dos aproveitamentos e en 2014 a ex-concelleira socialista Áurea Soto presentou unha querela contra Cabezas que é a orixe do actual xuízo.

Nun primeiro momento o xuíz Leonardo Álvarez arquivou o caso, como tamén pedía o daquela fiscal xefe Florentino Delgado. Porén, unha querela da propia Áurea Soto contra Álvarez fixo que este fose afastado da instrución, deixando paso á xuíza Eva Armesto, que si permitiu que o proceso seguise adiante. Pero a demora da Fiscalía, con Delgado á fronte, en pronunciarse sobre o caso levou á avogada de Áurea Soto, Elena Díaz, a presentar un escrito ante a Fiscalía Superior do TSXG alertando da situación. A resposta da Fiscalía de Ourense foi remitirlle a esa avogada unha citación como testemuña no proceso, o que fixo que en xuño de 2018 a letrada denunciase o que considerou un abuso de poder do fiscal Delgado.

Florentino Delgado (con lentes), nunha imaxe de arquivo durante a súa etapa como fiscal xefe de Ourense © Xunta

A Fiscalía Superior de Galicia encargou a investigación desa denuncia contra el ao propio Delgado, o que acabou derivando na investigación da actuación do propio fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes. Mentres estaba pendente de resolverse ese expediente disciplinario, o fiscal Delgado acabou recibindo outro ao coñecerse en febreiro de 2019 que a Xunta pagou durante máis dunha década o alugueiro da súa vivenda en Ourense. Dous meses máis tarde a Fiscalía do Estado apartou a Delgado e outro mes despois o propio Delgado obtiña praza en Madrid

A comezos de outubro daquel 2019 a Fiscalía Xeral do Estado decidía suspender a Delgado pola súa actuación na investigación a Cabezas e apercibía tamén ao fiscal superior Suanzes por non actuar correctamente ante as denuncias contra Delgado. Unhas semanas despois a Fiscalía, xan sen Delgado, emitía o seu escrito de acusación contra Cabezas pedindo sete anos de cadea, o que agora será xulgado na vista oral que comeza este luns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.