A Xunta pagou durante máis dunha década o alugueiro da vivenda do fiscal xefe de Ourense

Florentino Delgado, fiscal xefe de Ourense, primeiro pola esquerda, nunha reunión con outros cargos da Fiscalía e da Xunta, incluido o vicepresidente Alfonso Rueda, cuarto pola esquerda CC-BY-SA Xunta de Galicia

O fiscal non asumiu o pagamento cando o Goberno galego deixou de facelo en 2016 tras varios avisos e o propietario reclamouno xudicialmente

A Xunta pagou desde 2004 e durante máis dunha década o alugueiro da vivenda do fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, que seguiu a ocupar o piso sen asumir o seu pagamento cando, tras varios avisos, o Goberno galego deixou de facelo en 2016. A información, adiantada por El País, que sinala que o fiscal segue a ocupar a vivenda, confírmaa documentación á que tamén tivo acceso este diario e segundo a cal non foi ata o pasado ano cando o propietario do inmoble reclamou xudicialmente os atrasos á Xunta. Esta contestou ao xulgado rexeitando asumir o custo “se o que existe é un pacto tácito” entre fiscal e propietario para prolongar a situación a costa da administración autonómica. Segundo El País, o fiscal non quere explicar a situación e remítese ao proceso xudicial en marcha.

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, no cargo desde 2004, querelouse hai uns meses contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá para que abandonase a súa vivenda de renda antiga propiedade da administración autonómica. Segundo revelou El País o mes pasado, a Fiscalía Xeral do Estado abriu tamén unha investigación tanto a Delgado como ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, por abuso de autoridade ao tramitar un expediente relacionado cunha denuncia dunha concelleira socialista que afectaba ao ex-alcalde ourensano do PP Manuel Cabezas.

A Xunta di que a decisión de alugar unha vivenda a 400 metros da Audiencia Provincial para o fiscal xefe de Ourense por 890 euros ao més máis IVE debeuse ao desexo existente en 2004 de "facilitar a cobertura de determinadas prazas na Xustiza"

No caso da vivenda do fiscal, segundo o escrito co que a letrada da Xunta deu resposta o pasado setembro á demanda presentada meses antes polo propietario do inmoble, en decembro de 2004, sendo Manuel Fraga presidente, o Goberno galego asinou un contrato por cinco anos, ata decembro de 2009, para pagar o alugueiro dun piso en Ourense para o fiscal xefe da Audiencia desa provincia. 

Segundo a Xunta, a decisión de alugar en decembro de 2004 por 890 euros ao mes máis IVE ese piso, en pleno centro de Ourense, a 400 metros da Audiencia Provincial, como vivenda para o fiscal, que chegara ao cargo desde Cidade Real un mes antes, debeuse “a unha actuación conxuntural realizada pola Administración Autonómica con ocasión da política de fomento que daquela se mantiña para facilitar a cobertura de determinadas prazas na administración de Xustiza en Galicia”. As vivendas existentes previamente nos propios edificios xudiciais xa desapareceran pero decidiuse manter esa "vantaxe" para o fiscal de Ourense a través dun alugueiro externo. Segundo di a letrada autonómica, o propio prazo inicial de cinco anos daquel contrato “demostra o carácter temporal da vantaxe outorgada”.

Sede da Audiencia Provincial de Ourense © Google

En 2007 o bipartito decidiu resolver o contrato, pero o propietario reclamou posteriormente o alugueiro “debido á falta de entrega das chaves, por seguir ocupado o inmoble polo titular da xefatura da Fiscalía" 

En setembro de 2007, durante o goberno autonómico bipartito de PSdeG e BNG, a Xunta comunicou á propiedade do inmoble a súa decisión de resolver o contrato a finais dese mesmo ano indicándolle que as chaves do piso quedarían á súa disposición nunha oficina da administración autonómica en Ourense. Pero iso non pasou. Un ano despois, en decembro de 2008, o propietario reclamou á Xunta pola vía administrativa o pagamento do alugueiro dese último ano “debido á falta de entrega das chaves, por seguir ocupado o inmoble polo titular da xefatura da Fiscalía da Audiencia de Ourense”. 

En xullo de 2009, xa novamente co PP na Xunta, o Goberno galego admitiu esa reclamación do propietario, considerou que o contrato seguía vixente e pagoulle os atrasos. En febreiro de 2010, mes e medio despois de finalizado o prazo orixinal do contrato de cinco anos, a Xunta “dirixe escrito” ao fiscal “no que se pon no seu coñecemento que en data 31 de decembro de 2009 finalizou o prazo de duración pactado do contrato de arrendamento” da vivenda que viña ocupando “requiríndolle para que proceda ao desaloxo do inmoble á maior brevidade posible, con entrega das chaves”. 

O seguinte paso do que dá conta a Xunta é dun ano despois, cando en xaneiro de 2011 o propietario lle reclama novamente ao Goberno galego atrasos no pagamento do alugueiro do ano anterior. Malia esa situación, a Xunta, segundo o relato que a súa letrada presentou no xulgado, non volve actuar ata cinco anos despois, cando en xuño de 2016 remite un novo escrito ao fiscal informándoo de que “pese a ter sido requirido con anterioridade en varias ocasións, non procedeu a abandonar a vivenda”, polo que “se lle require de novo para que proceda a desocupala e a facer entrega das chaves á Administración”. 

Segundo a Xunta, “esta actitude por parte de quen na actualidade ocupa a vivenda, denota unha negativa manifesta do mesmo a abandonala"

Segundo a Xunta, “esta actitude por parte de quen na actualidade ocupa a vivenda, denota unha negativa manifesta do mesmo a abandonala, por canto non só tivo coñecemento da vontade da Xunta de non continuar co contrato de arrendamento celebrado no seu día, senón que xa era coñecedor de que o contrato finalizaría na data do 31 de decembro de 2009”.

Ao tempo que volveu comunicarse co fiscal, a Xunta tamén se dirixiu ao propietario informándolle da súa intención de extinguir o contrato o 31 de agosto dese 2016, cando deixou de pagar o alugueiro. Porén, un mes despois, o propietario presenta unha nova reclamación administrativa á Xunta insistindo en que “non se procedeu a desocupar a vivenda”. A Xunta non contestou a esa reclamación e non foi ata comezos do pasado ano que o propietario recorreu á xustiza para reclamar as cantidades que se lle debían desde setembro de 2016 e ata ese momento, en abril de 2018, que actualizadas segundo a inflación desde os 890 euros iniciais a 944 euros por mes, máis IVE, ascendían a un total de 21.700 euros. Segundo El País, a vista está prevista para o próximo día 22.

A Xunta rexeita agora seguir asumindo o custo “se o que existe é un pacto tácito” entre o fiscal e o propietario do piso para prolongar a situación

Segundo o escrito de contestación da letrada do Goberno galego, o problema é do propietario xa que “a Xunta non pode obrigar a desocupar a vivenda, por canto esta é unha facultade que lle corresponde exclusivamente ao arrendador”. A letrada di que as sucesivas prórrogas que experimentou o alugueiro despois do 31 de decembro de 2009 en que finalizaba o contrato orixinal, malia que o Goberno galego seguiu pagando ata agosto de 2016, “non son coa Xunta de Galicia senón coa persoa que ocupa a vivenda, a cal continúa no citado inmoble pese a poder exercitar o arrendador unha acción de desafiuzamento contra ela, o cal indica que este é consciente e consentidor de que se continúe por parte desta persoa ocupando o inmoble”. No seu escrito, a letrada da Xunta remata dicindo que “se o que existe é un pacto tácito entre arrendador e ocupante para manter os efectos do contrato, iso non pode afectar á administración autonómica nin obrigarlle a pagar a renda”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.