Xunta, propietario e inquilino chegan a un acordo para evitar xuízo no que o fiscal comprométese a asumir os gastos desde que o Goberno galego deixou de aboar o alugueiro do seu piso en 2016
A fiscalía provincial de Madrid é o novo destino para o que vén de ser nomeado, segundo publicou o BOE o pasado sábado, o ata agora fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado Ayuso. O fiscal foi suspendido cautelarmente das súas funcións hai un mes no marco dunha investigación interna da Fiscalía Xeral do Estado para aclarar a situación da súa vivenda, cuxo alugueiro asumiu a Xunta desde 2004 ata 2016 e que el non abandonou nin pagou cando o Goberno galego deixou de facelo, o que desembocou nunha denuncia por impagamento do seu propietario contra o Goberno galego. Nas últimas semanas Xunta, propietario e inquilino chegaron a un acordo para evitar xuízo no que o fiscal comprometeuse a asumir os gastos desde que o Goberno galego deixou de aboar o alugueiro do seu piso en 2016.
Florentino Delgado ten tamén aberto outro expediente disciplinario, xunto co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, por abuso de autoridade en prexuízo da ex-concelleira socialista de Ourense Áurea Soto, que denunciara unha suposta ilegalidade urbanística do ex-alcalde popular Manuel Cabezas. Malia contar con eses dous expedientes disciplinarios abertos, a medida cautelar da súa suspensión provisional de funcións por parte da Fiscalía Xeral do Estado débese só ao caso da súa vivenda, que estourou cando un particular propietario do inmoble denunciou ante a xustiza á Xunta polo impagamento desde 2016 do alugueiro que esta viña asumindo desde finais de 2004, cando Delgado chegou á fiscalía de Ourense e o Goberno galego ofreceu o céntrico piso, situado a poucos metros da fiscalía provincial, como incentivo para ocupar a praza. Tras deixar de pagar a Xunta o alugueiro, que ascendía a uns 900 euros ao mes, Delgado seguiu ocupando o piso sen abonalo el, ao tempo que o Goberno galego si seguía pagando os gastos de servizos do mesmo, e mentres o dono non denunciaba a súa débeda ata comezos de 2018.
A Xunta xustificou a un tempo deixar de pagar o alugueiro porque xa non se daban as condicións de 2004 e seguir pagando os gastos para que o fiscal non a puidese acusar de coaccións. Nas últimas semanas negociouse un acordo para evitar chegar a xuízo polo que o fiscal asume o pagamento ao propietario dos alugueiros atrasados desde que en 2016 deixou de aboalos a Xunta. A Xunta tamén recibirá de Delgado os gastos dos servizos do piso que o Goberno galego seguira abonando durante este tempo.
Segundo indica a Xunta, o propietario “acepta a resolución contractual realizada pola Xunta con efectos de 31 de agosto de 2016” e, á súa vez, “arrendador e fiscal concertan contrato de arrendamento da vivenda con efectos de setembro de 2016 e este asume o pago das cantidades reclamadas á Xunta”. Igualmente, “o fiscal asume o pago das cantidades aboadas pola Xunta en concepto de subministros correspondentes á vivenda”. “Comunicada a satisfacción extraprocesal ao xulgado, este decretou o arquivo do procedemento”, sinala a Xunta.
A situación do piso saltou á luz pública despois de que o fiscal se querelase contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá
A situación do piso do fiscal saltou á luz pública despois de que este se querelase contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá que ocupaba outro inmoble de propiedade autonómica. A comezos do pasado mes de abril o xuíz que instruía o caso acordou o seu arquivo porque considerou que a deixadez da Xunta no mantemento do inmoble non podía considerarse un delito de coaccións contra a inquilina.
Delgado obtén agora praza na fiscalía provincial de Madrid pero sobre el segue pesando, ademais do expediente disciplinario para aclarar que pasou co seu piso, outro que analiza un suposto abuso de autoridade e deixación de funcións na súa actuación e a do fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, nunha denuncia presentada pola ex-concelleira socialista Áurea Soto contra o ex-alcalde popular Manuel Cabezas por supostamente non reclamar para a administración local as cesións urbanísticas a que estaban obrigadas algunhas promocións inmobiliarias da cidade. Os avogados da ex-concelleira queixáronse tanto da inacción do fiscal no caso como da actuación de Delgado contra eles, o que acabou implicando ao fiscal superior, que encargou ao propio Delgado a investigación das denuncias sobre a actuación da fiscalía no caso.