A Xunta xustifica que segue a pagar os gastos do piso do fiscal xefe de Ourense para que non a acuse de coacción

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, nunha imaxe de arquivo © Xunta

O fiscal, que se querelou contra cargos autonómicos por acoso inmobiliario a unha anciá, non asumiu o pagamento do seu alugueiro cando o Goberno galego deixou de facelo en 2016 tras máis dunha década

A Xunta segue a pagar os subministros do piso que desde a súa chegada ao cargo a finais de 2004 ocupa o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, cuxo alugueiro o Goberno galego deixou de aboar ao seu propietario en agosto de 2016. O fiscal non asumiu o pagamento do alugueiro e o propietario denunciou á Xunta, que argumenta que segue a pagar o servizos da vivenda á espera de que se resolva o preito para que o fiscal non a poida acusar de coacción inmobiliaria. Precisamente o mesmo fiscal xefe de Ourense querelouse hai uns meses contra cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá inquilina dunha vivenda de renda antiga propiedade autonómica. 

A finais de 2004 a Xunta decidiu asumir o alugueiro dunha vivenda para o fiscal xefe de Ourense que viña de tomar posesión do cargo. Tanto en 2007 como en 2010 o Goberno galego avisouno da súa intención de dar por rematado ese contrato e esa “vantaxe”, como a denomina, da que desfrutaba, pero o fiscal non deixou o piso. Malia iso, non foi ata agosto de 2016 que a Xunta deixou de pagar o alugueiro. Tampouco así o fiscal deixou o piso e agora o seu propietario reclama xudicialmente os atrasos desde aquela ao Goberno galego. O preito está pendente de resolverse e nel a Xunta considera que xa non está ligada a aquel contrato e que debe ser o propietario o que inste ao fiscal a abandonar o piso, insinuando que “se o que existe é un pacto tácito entre arrendador e ocupante para manter os efectos do contrato, iso non pode afectar á administración autonómica nin obrigarlle a pagar a renda”.

Sede da Audiencia Provincial de Ourense © Google

"A conduta de non aboar os subministros podería entenderse como unha coacción inmobiliaria”, di a Xunta, que matiza que poderá reclamar eses gastos ao fiscal se a xustiza lle dá a razón no preito sobre o alugueiro

Porén, malia deixar de pagar o alugueiro, a Xunta seguiu a aboar os servizos do piso, segundo avanzou Faro de Vigo. A explicación que dá o Goberno galego a Praza.gal é que o fai para que o fiscal non a poida acusar de coacción. “Dado que a administración autonómica requiriu ao ocupante do inmoble [o fiscal] para que abandone a vivenda e este negouse, cuestionando a resolución do contrato, debe evitarse calquera conduta da administración que poida entenderse como unha forma de coacción ilexítima ao ocupante para forzalo a abandonala”. A Xunta di que “a conduta de non aboar os subministros podería entenderse como unha coacción inmobiliaria” e engade que “se a autoridade xudicial determina que a administración resultaba obrigada ao pagamento da renda, cabe entender que tamén viña obrigada ao pagamento dos subministros”. Pola contra, di, se a xustiza considera que a Xunta rematou o contrato de alugueiro correctamente, esta poderá “reclamar o importe deses gastos ao ocupante da vivenda”.

Precisamente por un caso de presunto acoso inmobiliario o fiscal xefe de Ourense querelouse hai uns meses contra dous cargos da Xunta. Considerou que estaban a dificultar a vida dunha anciá residente nunha vivenda de renda antiga nun edificio propiedade da Xunta para forzala a abandonar o inmoble. Segundo o escrito do fiscal naquel caso, no que acusou á Xunta de deixar de realizar tarefas de mantemento no edificio, deixando de cumprir as obrigas da propiedade tentaban presionar nos inquilinos para o desaloxo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.