O xa presidente do PP estatal deixa en mans do futuro líder dos populares en Galicia decidir se chega a algún acordo cos socialistas para un goberno alternativo
Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde de Ourense que vén de empurrar unha sindicalista, goberna a cidade grazas un bipartito co PP. Porén, este xoves o presidente do partido a nivel estatal, Alberto Núñez Feijóo, volveu facer responsable o PSdeG. Segundo a súa tese, os socialistas, o partido máis votado na cidade nas pasadas eleccións municipais, son os culpables de que Jácome sexa o alcalde por querer afastar ao popular Manuel Baltar da presidencia da Deputación, o que levou ao PP, que ten a representación maioritaria nesa institución, a protexer ese posto chegando a un acordo co líder de Democracia Ourensana para repartirse os dous cargos.
Feijóo foi preguntado na rolda de prensa posterior ao seu derradeiro Consello da Xunta polo empurrón protagonizado por Jácome o martes. “É evidente que a actitude do alcalde de Ourense é inxustificable e esixe unha desculpa, en primeiro lugar á persoa á que se dirixiu e en segundo lugar á cidadanía de Ourense”, dixo o xa presidente en funcións do Goberno galego. Pero a continuación engadiu que “como todos saben, este alcalde non é do PP senón dun partido local e correspóndelle a ese partido decidir” sobre a o seu futuro.
Feijóo, presidente estatal do PP, di que sobre o futuro da gobernabilidade en Ourense "corresponderalle ao presidente do PPdeG" decidir
“No que respecta ao PP, é a información que teño”, dixo, para engadir que sobre o que poida pasar no futuro co goberno local de Ourense “corresponderalle ao presidente do PPdeG” decidir, en referencia ao seu sucesor, Alfonso Rueda, que aínda non foi oficialmente elixido como tal.
Feijóo foi preguntado polo ofrecemento reiterado do PSdeG de pactar unha moción de censura co PP para apartar a Jácome da alcaldía, para o que o voceiro socialista mesmo ofreceu apartarse el mesmo se era un obstáculo. Pero o popular dixo non saber nada de ofrecementos socialistas senón que foi esa formación quen facilitou que gobernase Jácome ao intentar apartar a Baltar da presidencia da Deputación. Se o PSdeG quere negociar algo, di Feijóo, debe poñerse en contacto "de forma oficial" co PPdeG.
Pero Feijóo lembrou o ofrecemento que fixo o PP “de que gobernase a lista máis votada no Concello e na Deputación, o PSOE dixo non”. Por iso, dixo, a “responsabilidade” foi dos socialistas por “evitar que gobernase a lista máis votada”.