PSdeG e BNG esixen a dimisión do rexedor e reclaman que o PP lle retire o seu apoio
O violento empurrón que o alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, lle propinou este martes a unha sindicalista continúa a xerar reaccións e críticas na práctica totalidade das formacións políticas, en sindicatos e na cidadanía. Este xoves está xa convocada unha concentración de protesta contra o rexedor. Especialmente duras foron as críticas lanzadas polas forzas da oposición municipal, que ademais de no propio rexedor, centran as súas acusacións no Partido Popular, que está a soster a Pérez Jácome na Alcaldía.
O PSdeG-PSOE esixiu a dimisión "inmediata" de Pérez Jácome despois da súa agresión “machista” e “misóxina”. Os socialistas consideran que Pérez Jácome “non está á altura do cargo de alcalde da terceira cidade de Galicia" e esíxenlle ao PP que deixe de amparar este tipo de actitudes “violentas” reclamándolle á formación liderada por Alberto Núñez Feijóo que se “manifeste publicamente” e aclare "se o van seguir mantendo como alcalde despois desta agresión física".
O PP ourensán cualifica a "reacción" de Jácome como "desproporcionada"
Tamén o BNG afirmou que "Jácome non pode continuar como alcalde" e esixiu ao PP que lle retire o seu apoio. "É hora de que o PP asuma a súa responsabilidade e retire a Jácome da alcaldía pois o ocorrido no día de hoxe supera todos os límites e contribúe unha vez máis á degradación da imaxe de Ourense", sinalaron os nacionalistas.
O PP ourensán tamén se manifestou ao respecto a través dun comunicado no que cualifica a "reacción" de Jácome como "desproporcionada" porque "nada xustifica que o alcalde perda os nervios desa forma". "Non compartimos en absoluto esas formas", agregan os socios de goberno do rexedor, que así e todo agregan que non son "responsables" das "accións irrespectuosas e individuais do alcalde", a quen animan a "pedir perdón".
Os socialistas ourensáns levarán este venres ao pleno municipal unha moción na que buscarán o apoio dos demais grupos -especialmente o do PP- para condenar "de forma rotunda" o empurrón e para pedir a dimisión de Pérez Jácome
Con todo, as palabras dos populares foron recibidas con redobradas críticas por parte da oposición, que lle lembran á formación conservadora o apoio que seguen emprestando a Pérez Jácome. Os socialistas ourensáns reclaman que o PP “deixe de apoiar ao rexedor e que tome as medidas necesarias para apartalo da Alcaldía". Neste senso, anunciaron que este venres levarán ao pleno municipal ourensán unha moción na que buscarán o apoio dos demais grupos -especialmente o do PP- para condenar "de forma rotunda" o empurrón e para pedir a dimisión de Pérez Jácome.
"O sucedido onde é un salto cualitativo nas agresións que Gonzalo Pérez Jácome vén realizando nos últimos anos", sinalou o voceiro socialista, Rafael Villarino, que afirmou que "isto ten que ter consecuencias" e que "o PP ten que dar un paso á fronte". "Jácome non pode seguir un minuto máis" na Alcaldía, din os socialistas, que tamén levarán mocións de condena semellantes ao Parlamento galego e ao pleno da Deputación provincial nos víndeiros días.
Concentración de protesta
SOS Ourense sinala que a cidade "non pode permitir un minuto máis esta vergoña" e afirma que "este alcalde non representa a sociedade ourensá nin é o interlocutor que esta precisa"
A plataforma SOS Ourense convocou unha concentración de protesta para este xoves (ás 20.30 horas na Praza Maior) baixo o lema 'Contra a vergoña, dignidade'. SOS Ourense sinala que a cidade "non pode permitir un minuto máis esta vergoña" e afirma que "este alcalde non representa a sociedade ourensá nin é o interlocutor que esta precisa". Ademais de solidarizarse coa persoa agredida, a plataforma fai un chamamento "a toda a veciñanza, a todos os colectivos e asociacións, aos sindicatos e partidos políticos a se manifestaren con contundencia e mandar parar".
O colectivo cidadán subliña que "o Partido Popular debe cesar inmediatamente o seu apoio a unha persoa que brutaliza, violenta e agride ao conxunto da cidade. Nada cabe agardar de quen está disposto a manter esta vergoña" e pregúntase "a que prezo está disposto o Partido Popular a vender a pouca dignidade que lle queda?"
Críticas dos sindicatos
"Cada día que un personaxe antidemocrático coma Jácome continúa ostentando un posto público é un desprestixio para as institucións e para Ourense", di CCOO
Pola súa banda, CCOO realizou unha condena "enérxica" á "agresión" do alcalde de Ourense a Lola Panero Vázquez, secretaría de Organización e Servizos do sindicato en Ourense. A secretaria xeral, Amelia Pérez, afirma que o rexedor ourensán "demostra claramente o seu carácter antidemocrático e machista" e expresou "todo o apoio" das Comisións Obreiras á agredida, engadindo que este martes Pérez Jácome "traspasou unha liña vermella". Para Comisións Obreiras, "cada día que un personaxe antidemocrático coma Jácome continúa ostentando un posto público é un desprestixio para as institucións e para Ourense". O sindicato conclúe esixindo "a asunción de responsabilidades" por estes feitos e anuncia que os servizos xurídicos do sindicato valorarán "as accións que en dereito correspondan".
Mentres, tamén UGT emitiu un comunicado de condena "deste episodio de violencia gratuíta e sen sentido, exemplo dunha permanente actitude de desprezo do alcalde a calquera manifestación que non vaia en consonancia coa súa particular visión". O sindicato esixe a dimisión do alcalde Pérez Jácome ou "que quen o están a manter na alcaldía, pese as súas continuas saídas de ton, lle retiren de inmediato o apoio".