Milleiros de persoas desbordaron o centro de Ourense contra a xestión do goberno local e da Deputación: "Xa abonda"
Milleiros de persoas marcharon este xoves convocados pola plataforma SOS Ourense nun berro masivo contra a xestión do goberno local e da Deputación. Con fortes críticas ao PP e peticións de "dimisión" ao alcalde, Gonzalo Perez Jácome, máis de 7.000 persoas -segundo os convocantes e menos de 2.000 segundo o propio rexedor- desbordaron as rúas do centro para denunciar o "grave" estado no que se atopa a cidade.
Con numerosas máscaras coas caras do rexedor, do presidente da Deputación, Manuel Baltar, ou do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cidadáns anónimos e representantes dos arredor de 70 colectivos que conflúen en SOS Ourense ergueron a súa voz contra a que denuncian é unha "situación insostible de abandono e demolición da cidade de Ourense, encarnada nas figuras de Jácome, que mantén a alcaldía coa complicidade do PP".
"O único que nos move é o amor á cidade e á provincia, a necesidade vital de superar décadas de engano"
"Alcalde, por obra, dinos canto cobras" ou "Baltar, cacique, Ourense vai a pique" foron algunhas das consignas dunha manifestación que chegou, pasada unha hora, á Praza Maior, ateigada de xente. Alí, na lectura do seu manifesto, os convocantes contestaron ás palabras de Jácome acusándoos de estar ao servizo dos partidos da oposición advertindo de que son un movemento "político, porque todo é política, pero apartidario" por carecer de "vencello ningún cos partidos políticos".
"O único que nos move é o amor á cidade e á provincia, a necesidade vital de superar décadas de engano. Non imos continuar caladas e separadas. Saímos á rúa contra a vergoña, contra a mentira, contra a apatía e a parálise inducida polas administracións: xa abonda", advertiu SOS Ourense, que "esixe" ás forzas políticas que "poñan o ben común no centro da súa actividade".
"Este é o principio da fin dos gobernos ourensicidas de Gonzalo Jácome e do Partido Popular", di SOS Ourense
"Este é o principio da fin dos gobernos ourensicidas de Gonzalo Jácome e do Partido Popular", aseguraron os convocantes. "Xa abonda", repetiron en varias ocacións para advertir aos partidos que gobernan Concello e Deputación de que "Ourense non vai continuar consentindo esta desfeita e este insulto permanente" aos da oposición de que non son "o cleenex de ninguén". "Somos a sociedade civil que organiza a súa autodefensa. A nós non nos manda ninguén", expresaron.
Desde o Concello, o alcalde Pérez Jácome cualificou e "fracaso absoluto" a manifestación que cre que foi "un engano" por dicir os convocantes que era para unha cousa cando "ao final centrouse no tiro á alcaldía".
Con todo, SOS Ourense insistiu na idea xa manifestada de traballar "para virar o estado das cousas" e contra o "esmorecemento de Ourense nunha fonda crise social, ambiental e cultural". O "colectivo de colectivos" da cidade das Burgas denuncia unha política urbanística ao servizo da especulación e do interese duns poucos" e a "degradación do medio natural, da privatización do espazo público e da perda de símbolos da cidade como as zonas termais públicas".
Ademais, di xurdir contra o "desmantelamento, abandono e baleirado de sentido de infraestruturas e institucións culturais", entre as que citan a Casa da Xuventude, o Auditorio Municipal, o Museo Municipal ou a Universidade Popular, e contra unha política cultural "que nega o papel central e transversal da cultura na creación de comunidade"
Tamén contra a "xestión clientelar dos recursos públicos, centrada no mercadeo de vontades mentres a provincia e a cidade se sumen no despoboamento e no abandono". En defintiva, din, lanzan un SOS "contra a ausencia de políticas eficientes en materia de igualdade, de cultura, de emprego, de mocidade, de sostibilidade, de accesibilidade, de respecto ambiental e de integración social.