Nesta pasada primavera botaba a andar en Ourense un colectivo, Emerxencia Cultural, que se presentaba como "o grito colectivo da cidadanía ante a terrible situación de abandono que nos últimos anos a cultura vén padecendo no noso concello". Nacía nun contexto no que se ían sucedendo o peche do Auditorio Municipal, os conflitos do Goberno local co equipo xestor do Festival de Cine, a pobreza da programación cultural municipal (con baleiros clamorosos especialmente no Día das Letras, as festas locais ou o centenario da Xeración Nós), o progresivo desmantelamento de institucións, espazos e iniciativas que nas décadas anteriores foran clave da vida cultural da cidade, dende a Casa da Xuventude ao Outono Fotográfico pasando polo festival Corpo(a)terra.
Nesta pasada primavera botaba a andar en Ourense Emerxencia Cultural, que se presentaba como "o grito colectivo da cidadanía ante a terrible situación de abandono que nos últimos anos a cultura vén padecendo no noso concello"
A chegada de Gonzalo Pérez Jácome á Alcaldía, hai dous anos, agravou algunhas das tendencias que viñeran marcando a vida cultural da cidade nas décadas anteriores, co peso abafante do Baltarismo e as políticas dirixidas dende a Deputación. Emerxencia Cultural definíase como "un movemento de acción individual e/ou colectiva, aberto, construtivo e creativo, sumando nunha mesma dirección: a defensa dos dereitos culturais da cidadanía" que, ademais, non desligaba desta reivindicación outras problemáticas sociais, comenzando polo urbanismo, sempre no cerne das políticas públicas, ou a crítica ao "caciquismo", lembrando que este "sobrevive aloumiñando os aparentes contrarios".
A 'emerxencia' que dá nome ao movemento fai referencia á necesidade de "emerxer" dun tecido cultural agora sepultado e tamén á "obriga de levar a cabo unha acción rápida" ante unha situación marcada pola figura "dun alcalde histriónico, ignorante e grosero e do desmantelamento dramático de infraestructuras e institucións culturais da cidade"
A emerxencia que dá nome ao movemento facía referencia á necesidade de "emerxer" dun tecido cultural agora sepultado e tamén á "obriga de levar a cabo unha acción rápida" ante unha situación marcada pola figura "dun alcalde histriónico, ignorante e grosero e do desmantelamento dramático de infraestructuras e institucións culturais da cidade", que se suma "ao drama dunha política cultural entendida desde o caciquismo clientelar da Deputación de Ourense, que queda como única institución fagocitadora, decisora do feito cultural na provincia".
Na gala de entrega dos últimos Premios María Casares, a compañía Sarabela denunciou que "en Ourense vívese unha emerxencia cultural total e absoluta; emerxencia porque é dramático o que está pasando e emerxencia porque imos seguir emerxendo constantemente", xusto antes de dedicar o seu galardón "a toda esa xente que está loitando dada a emerxencia cultural de Ourense"
Esta fin de semana Emerxencia Cultural Ourense levará a cabo a súa maior actividade ata o momento, Pe(n)sar a(s) cultura(s), "unhas xornadas culturais de toda a vida" que tamén son un chamamento "a tomar as rúas para debater e pasear sen rumbo na defensa do común", e tamén un impulso para a creación "dunha rede sen rede"
Dende o seu nacemento, o movemento denunciou as eivas en materia cultural na terceira cidade de Galicia, dende a infrautilización de espazos á desaparición de festivais e certames, facendo visible a pobreza das programacións culturais na urbe a través da difusión dunha escolma semanal de eventos en localidades próximas. "Non se trata dun colectivo de xentes da cultura, senón dun colectivo de cidadáns (nos que tamén hai profesionais da materia) unidos para reivindicar a posición central e transversal da cultura, do que non está exento o social, o económico e o ambiental", sinalan dende Emerxencia Cultural Ourense, que nestes meses tamén organizou "accións lóstrego" que levaron a cultura ás rúas e prazas.
Esta fin de semana Emerxencia Cultural Ourense levará a cabo a súa maior actividade ata o momento, Pe(n)sar a(s) cultura(s), "unhas xornadas culturais de toda a vida" que tamén son un chamamento "a tomar as rúas para debater, cismar e pasear sen rumbo na defensa do común", e tamén un impulso para a creación "dunha rede sen rede", o punto de partida para unha transformación da cultura da cidade dende a base, co convencemento de que "hai unha verdade plural arredor diso que chamamos Cultura(s) que queda ben afastada da idea que dela teñen nomes singulares como Feijóo, Jácome ou Baltar".
As actividades comezarán este sábado 25 ás dez da mañá no Campus de Ourense cun debate na procura de "repensar a cultura galega" das últimas décadas no que participarán Arturo Casas, Cristina Martínez Tejero e Isaac Lourido
As actividades comezarán este sábado 25 ás dez da mañá no Campus de Ourense cun debate na procura de "repensar a cultura galega" das últimas décadas no que participarán Arturo Casas, Cristina Martínez Tejero e Isaac Lourido. Ás 13 horas, xa na Praza de San Marcial, Amador Fernández Savater presentará -introducido por Germán Labrador- o seu novo libro 'La fuerza de los débiles. El 15M en el laberinto español'. Na mesma praza, actuará O Leo e xa pola tarde haberá tempo para un espazo de microaberto e "aturuxos", poñendo a música á noitiña Os Amigos do Sonoro e Burgas Beat. "Pedímosvos saír á rúa para protexer o espazo público dos que queren facérnolo pagar moitas veces", resumen dende o colectivo organizador.
Xa o domingo, as actividades comezarán ás 11 da mañá na Praza Maior, cun debate sobre urbanismo en Ourense no que Camilo Franco entrevistará a Áurea Soto
Xa o domingo, as actividades comezarán ás 11 da mañá na Praza Maior, cun debate sobre urbanismo en Ourense no que Camilo Franco entrevistará a Áurea Soto co obxectivo de "traducir iso que chaman urbanismo e que debe ter algo que ver ou non con iso de que as cidades sexan terreo edificable, colectores de residuos sólidos e humanos". "Queremos espazos de cultura para a xente moza, casas de xuventude de verdade ou espazos de ensaio que abran as portas, por exemplo; vida nas rúas e nos barrios, diñeiro público ao servizo da activación social e cultural e non ao capricho e ao servizo dos caciques", reivindican dende o movemento.
"Queremos espazos de cultura para a xente moza, casas de xuventude de verdade ou espazos de ensaio; vida nas rúas e nos barrios, diñeiro público ao servizo da activación social e cultural"
Ademais da música de A Menina Arroutada e Las Cruzes haberá tamén "accións paseadas", como a "lectura de Blanco Amor" que levará a cabo María Xosé Queizán ou as dedicadas a Benigno Álvarez (fundador da organización provincial do PCE en Ourense, asasinado pola Garda Civil en 1937, que despois paseou o seu cadáver por vilas e aldeas) e "á impunidade de Angelita Varela", marquesa de Atalaya Bermeja, que financiou economicamente o Golpe de Estado de 1936 nos seus primeiros días.
As actividades continuarán nos vindeiros meses, na procura desa emerxencia entendida "como a vontade de activación do tecido cultural de base"
As xornadas-chamamento desta fin de semana semellan máis o principio de algo que o resumo dun movemento. As actividades continuarán nos vindeiros meses, na procura desa emerxencia entendida "como a vontade de activación do tecido cultural de base" e apostando pola necesidade da "xenerosidade entre as distintas capas do tecido social e cultural vencellado á cultura". Como escribiu hai uns meses Olga Brañas nun artigo de opinión: "Non quero vivir nunha cidade sen cultura vendo como imos esmorecendo. E ti? Resistimos. A loita non fixo máis que comezar".