A Casa da Xuventude foi durante moitos anos o gran espazo dinamizador da cultura en Ourense, sobre todo entre a mocidade. Fundada en 1970, foi sobre todo a partir de 1978 coa chegada de Benito Losada cando viviu os seus mellores tempos, cunha grande actividade e, ademais, un funcionamento baseado na absoluta liberdade e na democracia, na participación da xuventude, dos propios usuarios e usuarias. Pasaron os anos e a Casa da Xuventude foi esmorecendo, sobre todo por mor do control político e institucional.
Millán Brea vén de presentar a súa tese de doutoramento, centrada en analizar a etapa máis brillante da Casa da Xuventude, que el sitúa entre 1978 e 1992. Trátase da primeira investigación en profundidade sobre o que era a Casa da Xuventude e o que significou para a cidade. "A Casa era un exercicio de liberdade, un fervedoiro de actividades, un espazo de socialización e de transformación social no día a día. Había moita política dentro, pero a política entendida como participación", destaca.
"A Casa era un exercicio de liberdade, un fervedoiro de actividades, un espazo de socialización e de transformación social no día a día"
No seu traballo identifica catro grandes etapas na institución: Unha primeira, dende a súa fundación ata o ano 1978, na que a Casa pertence ao Ministerio e na que a dirección corresponde á Organización Juvenil Española. Unha segunda, os mellores anos, a partir dese 1978 no que chega Benito Losada e se crea o primeiro Consello da Xuventude, e ata 1992. Unha terceira, entre 1992 e o ano 2000, coa Casa está presidida por Santi Rodríguez; "daquela o proceso está xa totalmente desvirtuado, por mor sobre todo dunha politización que desanimou completamente a participación da xente", explica. "O propio Benito laiábase do prexuízo que lle causara ao funcionamento da casa a chegada dos cachorros dos partidos políticos, que introduciron na Casa as mesmas dinámicas de enfrontamento partidario que desenvolvían noutros espazo"s. E, por último, unha cuarta etapa dende o 2000 ao 2010, na que se toca fondo, cunha Casa practicamente morta; "hai aínda unha institución que permite facer cousas, pero xa non se parece moito ao proxecto inicial de Benito", di.
"Para falar da cultura galega contemporánea hai que falar de Benito Losada e hai que falar del como xestor e como dinamizador de espazos para que a xente puidese expresarse con liberdade"
A figura de Benito Losada é fundamental, por suposto: "Benito era un precursor da educación social. Era un gran mediador, coa administración, cos usuarios... Era un gran xestor cultural. Para falar da cultura galega contemporánea hai que falar de Benito Losada e hai que falar del como xestor e como dinamizador de espazos para que a xente puidese expresarse con liberdade", explica Millán Brea. "Os grupos informais tamén teñen que ter un espazo, por que todo ten que ser unha asociación? Por que teño que cubrir un papel e crear unha estrutura se o único que quero é crear un clube de lectura cuns amigos?", pregúntase, salientando algúns dos valores orixinais da Casa.
A pesar da parálise que vive a institución nos últimos anos, o seu pouso na vida da cidade é innegable, e a súa pegada é aínda visible, destaca: "A Casa da Xuventude está na base do que despois foi a Asociación Cultural Auriense, que a día de hoxe é un referente. Unha compañía de teatro da importancia de Sarabela tivo na Casa un grande apoio nos seus inicios. Manuel Precedo, hoxe presidente do Cineclube da cidade, tamén pasou pola Casa da Xuventude. Todo o mundo da banda deseñada en Ourense, David Rubín, o Outono Fotográfico..., a importancia da Casa da Xuventude é clara".
"Hai medo a que a xuventude se autoorganice, a que a xuventude sexa crítica", engade. "Porque non é certo que a mocidade non queira participar, si quere participar, pero hai que darlles espazos e liberdade para facelo", di
Millán Brea tamén ofrece a súa opinión sobre o actual funcionamento do espazo: "O edificio aínda está aí, e ten espazos e fondos moi valiosos. O problema é que a institución está precarizada. Cando ocupas unha parte do edificio cun centro de encontro familiar, está claro que non tes moito interese en dinamizalo". "Hai medo a que a xuventude se autoorganice, a que a xuventude sexa crítica", engade. "Porque non é certo que a mocidade non queira participar, si quere participar, pero hai que darlles espazos e liberdade para facelo", di. "Ademais a xuventude actual ten moitos paralelismos coa dos oitenta. Daquela tamén había un gran problema de paro e de precariedade laboral, era unha xuventude que xa comezaba a ser moi consumista. Que cambiou? As redes sociais? Iso é unha ferramenta útil e con ela debería ser máis doado mobilizala", explica.
O funcionamento da Casa da Xuventude nos oitenta tiña grandes paralelismos con algunhas experiencias semellantes en Cataluña, como comenta Millán: "había varios exemplos de iniciativas semellantes, de proxectos de coxestión e promoción cultural feita dende a base en moitos barrios". Pero engade: "Cataluña era un referente, pero a Casa da Xuventude de Ourense non ten nada que envexarlles. É unha mágoa que non se difundise máis o que se fixo en Ourense, quizais non o soubemos vender ata agora. Non fai falla buscar exemplos fóra, cando en Galicia temos cousas coma esta, da que podemos aprender moito".
"É unha mágoa que non se difundise máis o que se fixo en Ourense, quizais non o soubemos vender ata agora. Non fai falla buscar exemplos fóra, cando en Galicia temos cousas coma esta, da que podemos aprender moito"
Finalmente, amósase optimista con respecto a que a Casa volva ser o que foi. Porén, indica, é necesario que a Xunta, xestora do espazo, introduza numerosos cambios: "A administración tería que volver crear o Consello de Xestión, convocar a todas as asociacións culturais e xuvenís que existen en Ourense, volver a abrirlles as portas a entidades que traballaron coa Casa durante moitos anos. E, sobre todo, recuperar a liberdade e a democracia que sempre definiron a este proxecto".