Para que a Casa da Xuventude de Ourense volva ser o que foi

Casa da Xuventude de Ourense © http://neko.koiora.net/

En febreiro de 2011 finaba Benito Losada, lucense de nacemento pero máis ourensán que ninguén a forza de impulsar e participar en practicamente todas as iniciativas culturais que se moveron na cidade dende os anos setenta. Fíxoo principalmente dende a Casa da Xuventude, unha entidade creada a finais desa década e que durante máis trinta anos foi o gran foco da cultura ourensá, sobre todo da cultura de base e da realizada por mozos e mozas. Nas súas salas desenvolvéronse iniciativas de traxectoria consolidada e con repercusión en toda Galicia, coma as Xornadas de Banda Deseñada, o Outono Fotográfico, o Maio Xove ou a Bienal de Caricatura. Losada morreu en 2011, apenas dous meses despois que o seu amigo Marcos Valcárcel. 

A cultura ourensá e a mocidade da cidade ficaron orfos aquel día, faltos dunha persoa con capacidade para entusiasmarse e entusiasmar ao redor de todos os proxectos que pasaron pola Casa. Os contidos que pasaban pola casa non sempre eran amables co poder, por suposto, tampouco coa Xunta de Galicia da que dependía. Desaparecido Losada, o Goberno galego viu aberta por fin a posibilidade e facerse co seu control e designou como directora a Mercedes Valeiras, funcionaria do Centro de Menores de Montealegre e curmá de Alberto Núñez Feijoo. Un recurso xudicial da traballadora da Casa da Xuventude que substituíra a Losada desautorizou a Xunta e apartou da dirección a Valeiras, que foi nomeada coordinadora de actividades, o posto dende o que nos últimos dous anos e medio exerce a xestión do espazo.

Neste tempo a actividade da Casa da Xuventude (que mesmo mudou o seu nome polo de Espazo Xove) permanece practicamente bloqueada, cunha excesiva burocratización, a redución dos seus espazos e servizos e un gran control político das súas actividades. Para denuncialo e para demandar o regreso ao funcionamento anterior, aquel que lle seu sona á Casa, vén de constituírse a Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude, formada por usuarios e usuarias a título individual, por representantes de colexios profesionais, colectivos ecoloxistas, sindicatos estudantís e por formacións políticas.

A Plataforma denuncia así mesmo "o incesante traballo da señora Valeiras González como comisaria política que supervisa as actividades por riba da dirección da Casa da Xuventude"

A Plataforma esixe a destitución de Mercedes Valeiras, a recuperación do funcionamento democrático do centro a través da reactivación do Consello de Xestión, ou a reubicación de servizos que nos últimos tempos se instalaron no edificio, coma o Punto de Encontro Familiar, e que lle restaron espazo ao centro xuvenil. Denuncian que a falta de actividades e a "excesiva burocratización" reduciron notablemente a asistencia á Casa da Xuventude, e explican por exemplo que na actualidade é obrigatorio presentar unha solicitude con 15 días de antelación para realizar unha actividade, con permisos que son denegados a pesar de que a meirande parte das salas están baleiras. Sinalan a este respecto: "estase a botar de alí ás asociación xuvenís mediante diversas accións, como suspender actividades baixo o criterio de que algunhas das persoas participantes exceden de idade". A Plataforma denuncia así mesmo "o incesante traballo da señora Valeiras González como comisaria política que supervisa as actividades por riba da dirección da Casa da Xuventude".

Subliñan que se está a perder "o legado de Benito Losada" e un modelo de funcionamento de coxestión que lles permitía a mozos e mozas "a organización de actividades así como a xestión dos espazos e dos orzamentos" e que converteu a Casa nun "referente da mocidade en Ourense, un espazo de creatividade do que xurdiron numerosos proxectos culturais e sociais que enriqueceron a nosa cidade e país".

Subliñan que se está a perder "o legado de Benito Losada" e un modelo de funcionamento de coxestión que lles permitía a mozos e mozas "a organización de actividades así como a xestión dos espazos e dos orzamentos"

Dende o pasado ano, ademais, o centro non conta con presidente, despois de que Eladio Gómez Rosales deixara o seu posto por idade. Gómez Rosales, nomeado en época de Losada polos propios socios da Casa, sinalaba en 2012 en Praza que “durante este tempo perdemos peso e posición como referencia cultural na cidade e no país  porque se deixaron de facer actividades como recentemente un torneo aberto de xadrez de carácter internacional”.

As Xornadas de Banda Deseñada son unha das moitas actividades que destacan na traxectoria da Casa da Xuventude © Praza Pública
Tres anos despois do seu pasamento, a xestión de Benito Losada é cada vez máis recordada © Caricatura de Onofre Varella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.