Hai uns días o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou o encargo dun estudo de viabilidade económica para a externalización da xestión do Auditorio municipal, é dicir, para a súa privatización. Esta xestión privada sería a encargada de deseñar unha programación, con eventos do "negocio cultural, que deberán adaptarse aos gustos e aos tempos da cidadanía, e non aos gustos dos programadores ou aos desexos dos provedores do sector", afirmou o rexedor.
A medida faría de Ourense "a única cidade galega que ficará sen decisión directa sobre un espazo de exhibición para a cultura ao vivo"
A medida recibiu críticas de todos os grupos da oposición, especialmente do PSdeG-PSOE, BNG e Ciudadanos, pero tamén do PP, que sinalou a súa oposición á externalización, "porque o modelo que temos funciona moi ben. É un modelo eficiente con uso interno dos recursos e con xente de moita valía no servizo de programación e atención".
Este martes as entidades máis importantes do sector das artes escénicas e da música en Galicia difundiron un comunicado conxunto no que tamén rexeitan a medida anunciada, sinalando que "prescindir da xestión pública do Auditorio Municipal" significaría a "renuncia" aos deberes de fomento da cultura local por parte do Goberno local, "facendo de Ourense a única cidade galega que ficará sen decisión directa sobre un espazo de exhibición para a cultura ao vivo".
"O anuncio, dada a súa indefinición, preséntase como unha manifestación máis dunha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía coma do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega"
O comunicado está asinado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Músicas ao Vivo, AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou a Academia Galega de Teatro, entre outras, sumando un total de 13 asociacións.
As trece entidades comezan criticando que "o anuncio, dada a súa indefinición, preséntase como unha manifestación máis dunha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía coma do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega". E lembran que "a intención de privatizar a programación do Auditorio Municipal viría unirse a outras lesivas decisións políticas tomadas dende o Concello nos últimos anos, como a retirada de apoio a festivais de longa tradición ou o peche continuado neste 2021 do propio Auditorio".
"O Goberno local encabezado por Pérez Jácome pretende desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de fomentar unha programación diversa, garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas"
"O Goberno local encabezado por Pérez Jácome pretende desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de fomentar unha programación diversa, garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas ou dinamizar o tecido produtivo do sector", denuncian as entidades, que critican ao rexedor por "obviar a rendibilidade social da actividade cultural, o solapamento da cultura como ben público baixo o termo show bussiness ou o desprestixio do equipo de programación do Auditorio".
Finalmente, o comunicado esíxelle ao Goberno local de Ourense "que todo anuncio que se realice sobre a política cultural municipal veña acompañado pola planificación, polo consenso co sector cultural local, pola máxima claridade e transparencia". Así mesmo, pídenlle que "recúe na intención de privatizar a actividade do Auditorio". Por último, as entidades asinantes amosan o seu "apoio" tanto ao equipo técnico coma aos profesionais da programación "que desenvolveron ao longo destes anos un traballo exemplar que, lonxe de atender a gustos particulares, responderon a criterios de calidade e de promoción da cultura".