O equipo do Festival de Cine de Ourense renuncia definitivamente ao non recibir "unha proposta firme"

Fran Gayo, director artístico do OUFF © OUFF

Fran Gayo e Analía G. Alonso, director artístico e produtora do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), anunciaron este luns a súa renuncia definitiva aos seus postos á fronte do evento, despois de semanas de negociacións, explicando que "cando faltan tan só catro meses para as datas nas que o OUFF se debería celebrar, aínda non recibimos unha proposta firme e de maneira formal que garanta a boa consecución dun festival nun período de tempo tan curto". Ademais, indican que "non houbo tampouco unha proposta que resolva a nosa continuidade máis aló da edición deste ano".

Hai tres semanas coñecíase que o atraso do Concello de Ourense en aplicar a nova Lei de Contratos facía case imposible a celebración do OUFF nas súas datas habituais (outubro) e mesmo no que restaba de ano. Nas semanas seguintes os e as profesionais do sector do audiovisual amosaron o seu apoio ao actual equipo do Festival de Cine de Ourense, comandado por Fran Gayo e Analía G. Alonso, e criticaron nun manifesto a "torpeza" do Goberno municipal. Dende entón o equipo do OUFF e o Concellos seguiron mantendo conversas para atopar unha fórmula que permitise a celebración -cando fose, mesmo a comezos do 2019- da edición deste ano do festival. Porén, non houbo resultados.

"O feito de que amemos este traballo non implica traballar nel nas condicións que sexan e, honestamente, non ter unha proposta clara e formal a mediados de xuño fala dunhas condicións moi lonxe de ser as desexables"

No comunicado difundido este luns, Gayo e Alonso explican que "tras unhas semanas de conversas tratando de atopar unha saída á crise do OUFF 2018, decidimos dar por rematada a nosa etapa como produtora executiva e director artístico do mesmo", engadindo que "o feito de que amemos este traballo non implica traballar nel nas condicións que sexan e, honestamente, non ter unha proposta clara e formal (insistimos no de formal) a mediados de xuño fala dunhas condicións moi lonxe de ser as desexables". O comunicado péchase con agradecementos varios: "a Eva Domínguez, o noso enlace no Concello", a Alberto Lechuga ou ao Cineclube Padre Feijoo "por ter tratado este tema como algo persoal e mobilizarse para buscar apoios".

O Concello de Ourense anuncia que cando rematen as Festas da cidade, que comezarán nesta fin de semana, procederase á convocatoria dun concurso para a organización do festival de cine, que non se celebrará neste ano 2018.

 

O pasado ano ao redor de 7.500 persoas asistiron ás distintas sesións e actividades do festival © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.