Denunciar o “desmantelamento” da actividade da Casa da Xuventude de Ourense. Ese é o obxectivo do microfestival que, o sábado 26 de decembro de 17:00 a 21:00 horas, xuntará no IES As Lagoas a catro bandas vencelladas á historia deste espazo cultural: Os carallos de Ourense, The one wild rides, Cosecha Roja e Sin motivo, con grupos novos da cidade: Ni idea de quién, Roswell e Chaos of silence. Este festival continúa o ciclo anunciado en outubro pola Plataforma en defensa da Casa da Xuventude, que xa celebrou un 3x3 de baloncesto e unha mostra de microteatro.
“Con este festival pretendemos avanzar un chanzo máis dentro deste ciclo que pretende ademais de reivindicar aquelas actividades que se realizaban na Casa da Xuventude e que xa non se realizan”, -salientou a organización nunha nota de prensa-, ademais de reivindicar o “modelo de xestión anterior ao actual, que deu a Ourense moitos grupos musicais ou de teatro, músicos e musicas, actores e actrices, debuxantes”.... Un modelo democrático e participativo, -o que se mantivo na Casa baixo a dirección de Benito Losada-, con quen, segundo lembra Carlos Rego, -ex Cosecha Roja, hoxe Burgas Beat-, “só había que falar para organizar un concerto ou calquera cousa. Ante calquera iniciativa, eran todo facilidades. El só se preocupaba de que saíse todo ben. Supervisaba e nada máis”. Así, a Casa da Xuventude converteuse nun referente cultural e asociativo que acollía actividades como o Outono Fotográfico ou as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. “Era un lugar de encontro. Un espazo co que se podía contar e un dos poucos nos que se podían facer concertos nese momento. Un centro de actividade moi potente”, salienta Rego.
Carlos Rego: "Era un lugar de encontro. Un espazo co que se podía contar e un dos poucos nos que se podían facer concertos nese momento"
A Casa da Xuventude comezara a súa andaina a primeiros dos anos 70, mais a súa etapa máis activa foi, segundo explicou a Praza o investigador Millán Brea, que realizou a súa tese de doutoramento sobre este espazo ourensán, de 1978 aos 90, coa dirección de Benito Losada e coa creación do Consello de Xestión. “A cuestión”, indica Laura Míguez, membro da Plataforma en defensa da Casa da Xuventude, “é que había un consello no que estaban representadas distintas asociacións e no que se tomaban as decisións dun xeito democrático. Non só a Administración decidía sobre o reparto do orzamento e as actividades, que é o que pasa desde que chegou Mercedes Valeiras, primeiro como directora e despois como coordinadora de actividades”.
Laura Míguez: "Había un consello no que estaban representadas distintas asociacións e no que se tomaban as decisións dun xeito democrático"
A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude, integrada por usuarios e usuarias a título individual, por representantes de colexios profesionais, colectivos ecoloxistas, sindicatos estudantís e formacións políticas, comezou a mobilizarse no 2014 para denunciar a xestión de Mercedes Valeiras, -curmá de Alberto Núñez Feijoo-, que sucedera a Benito Losada no 2011. No 2012, Praza publicaba unhas declaracións do daquela presidente en funcións, Lalo Gómez, nas que aseguraba que non recoñecía a institución, pois “ata lle cambiaron o nome polo de Espazo Xove” e subliñaba que “a pesar de que nos puxemos en contacto coa Xefatura Territorial e lle levamos os estatutos polos que nos viñamos rexendo, que contemplan unha participación do movemento asociativo e cultural ao mesmo nivel que a Administración, non recibimos unha resposta clara”. É máis, segundo relataba, o xefe territorial, José Selas, aclaroulles que “non sabía, que non tiña ningunha alternativa”.
Laura Míguez: “O conflito vai máis alá da xesitón, ten un tinte político”
“O conflito vai máis alá da xesitón, ten un tinte político”, afirma Laura Míguez, que apunta ao control por motivos ideolóxicos da actividade da Casa, que con Benito Losada acollía actividades que non eran do agrado da Xunta de Galicia. No seu manifesto en prol da volta ás dinámicas establecidas por Losada, a Plataforma denunciaba a ao seu ver excesiva “burocratización” introducida por Mercedes Valeiras, así como “o incesante traballo da Sra. Valeiras González como comisaria política que supervisa as actividades por riba da dirección da Casa da Xuventude, para evitar a utilización das salas por parte das persoas que ela non quere, está a dar o seu froito, acabando co nivel de actividade que noutrora fora tan importante na Casa grazas ao traballo e legado de Benito Losada”.
A Xunta defendíase das acusacións indicando que a organización das actividades esixía un calendario que se elabora con carácter quincenal
A Xunta defendíase das acusacións indicando que a organización das actividades esixía un calendario que se elabora con carácter quincenal, motivo polo cal as asociacións deben presentar as súas solicitudes polo menos con dúas semanas de antelación, esixencia que é un dos focos das protestas da Plataforma. Nun comunicado, a Consellaría de Traballo e Benestar achegaba datos como que dos 73.795 participantes no ano 2011, en 2014 alcanzáranse os 115.777, e a súa programación de servizos incrementárase tamén, pasando de 340 a 670 iniciativas desenvolvidas. Cifras que a propia Plataforma contestaba indicando que “resulta pouco crible unha media de 277 participantes por actividade no ano 2011, así como de 173 usuarios por actividade no 2014, nun espazo con aulas cunha capacidade aproximada de 20 persoas. A maiores, tendo en conta que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a poboación moza (entre 16 e 30 anos) de Ourense no 2011 era de 54.099, e no 2014 de 47.321; as declaracións da Xunta afirman que un 136% da mocidade ourensá foi usuaria da Casa no ano 2011, e un 245% no 2014”.
O festival quere “amosarlle á mocidade eses resultados que foron causados polo fomento do asociacionismo e a participación directa"
O festival que se desenvolverá o 26 de decembro quere, “ademais de amosarlle á mocidade eses resultados”, -os do traballo de Benito Losada-, “que foron causados polo fomento do asociacionismo e a participación directa, e que se impliquen participando, tanto nos propios eventos programados como na organización dos mesmos, para que coñezan o que lles pode aportar un espazo co que agora non contan, contan dun xeito anecdótico ou para un uso distinto de aquel que o levou a ser un referente a nivel nacional”. “Pretendemos”, -engade a Plataforma nun comunicado de prensa, “que este festival sexa unha actividade interxeracional que supoña un intercambio de experiencias, de dinámicas e inquedanzas entre as que tiveron como referente a Casa da Xuventude e aquelas que teñen por descubrir un espazo que é seu e que deben reivindicar para si”.
Irene, membro dun dos grupos que está previsto que van tocar no festival, Chaos of Silence, pode representar esas xeracións máis novas. “A Casa da Xuventude organizaba moitas actividades para a xente nova”, comenta. “Agora hai menos grupos en Ourense que hai un tempo, pero aínda son bastantes. Pero a mairía están empezando, coma nós. Grupos estables hai poucos: aparecen e desaparecen. Aínda que o máis difícil é atopar onde ensaiar”, sostén. Cosecha Roja, o grupo de Carlos Rego, é exemplo dunha desas bandas que acabaron abandonando, malia que os seus membros seguen como Burgas Beat. “Aburrímonos do nome, de non ter demasiado éxito… Decidimos mudar a perspectiva, esquecer as expectativas que non levaban a ningún sitio e funcionar como un grupo de amigos que de vez en cando ensinan a cabeza”, relata Carlos Rego. La Fonoteca define a Cosecha Roja como “un dos grupos galegos máis inxustamente olvidados” e como “unha banda de pop-rock con todas las letras que loitou por encontrar un oco para a súa música nun mundo hostil”.