Santiago Eraso (Donosti, 1953) foi bibliotecario municipal e mestre de ensino medio antes de desenvolver distintos traballos na xestión e administración cultural, destacando os 19 anos que estivo á fronte de Arteleku, Centro de Arte e Cultura Contemporánea da Deputación Foral de Guipúscoa e, máis recentemente, o seu labor como Director Xeral de Espazos e Contidos Culturais de Madrid. É un dos principais referentes na investigación e na xestión culturais no Estado Español e este martes participou no Curso de Especialización en Xestión Cultural da USC. Neste Día das Bibliotecas falamos con el sobre o tecido cultural e as estruturas culturais de base, sobre o acceso aos servizos culturais despois de anos de crise e recortes e da precarización crecente nun sector no que durante moito tempo se investiu máis en contedores que en contidos e nos seus creadores e creadoras.
Este martes celébrase o Día das Bibliotecas. As administracións están deixando de lado estas e outras estruturas culturais de base? É necesario priorizar políticas culturais de longo percorrido?
As administracións públicas están situando nunha posición precaria boa parte do tecido cultural, os equipamentos de base distribuídos e descentralizados como as bibliotecas públicas, os centros cívicos ou os espazos para os artistas. Isto ten que ver coa crise dun sentido de Estado, o Estado social, que entende que o acceso á cultura debe ser garantido. Prima en cambio outra visión, que só concibe a produción de obxectos e materias que sirvan ao mercado e que leva a abandonar todo o que teña que ver coa vida digna e non encaixe no outro modelo.
"Para min o fundamental da cultura ten que ver coa educación. Non tanto coa educación regrada, senón coa posibilidade de contar con espazos e persoas que faciliten o feito de aprender cousas permanentemente"
Cando se fala da potencia das bibliotecas e doutras estruturas culturais de base, para min o fundamental da cultura ten que ver coa educación. Non tanto coa educación regrada, senón coa posibilidade de contar con espazos e persoas que faciliten o feito de aprender cousas permanentemente. O acceso á cultura enténdese como dereito, pero seguramente non ao mesmo nivel que a educación ou a saúde e por iso foi o primeiro campo en verse afectado, pero xa estamos vendo tamén os efectos sobre a sanidade ou o ensino.
Cando se fala de cultura cada vez se está a falar máis de industria cultural, dunha visión empresarial da cultura. Que efecto ten isto?
Na sociedade actual, en virtude dos valores capitalistas e do dominio do mercado, prímase todo o que ten valor de cambio e non valor de uso. As bibliotecas poden ser lugares de acollemento para persoas que non contan con eses recursos nas súas casas, moitas veces ofrecen un servizo que vai máis aló dos materiais que almacena e convértense sobre todo nun lugar no que estar ou no que estudar. Ten, polo tanto, un valor de uso. E o mesmo podemos dicir dos centros cívicos ou dos conservatorios. A cultura debería estar recoñecida como un ben protexido, como era a auga, como era o ensino ou a sanidade.
"Como a clase política non pode recoñecer que se está abandonando a cultura, o que se tende é a espectacularizala"
Sempre creo que onde o Estado ten que investir, sobre todo, é primeiro en toda esta capa de estruturas de accesibilidade e proximidade. E, segundo, debe distribuír recursos a través da sociedade civil creativa, máis que investir en grandes infraestruturas, como pasou aquí en Galicia coa Cidade da Cultura. Non sei como funciona e polo tanto non quero emitir xuízos de valor, pero paréceme un erro de vulto que o que fai é tragar grandes cantidades de diñeiro. Como a clase política non pode recoñecer que se está abandonando a cultura, o que se tende é a espectacularizala.
"A precarización da cultura non é máis que un apéndice da precarización da vida"
Un dos grandes problemas da cultura en España en en Galicia é a precarización da profesión, motivada moitas veces por non ter creado durante anos as necesarias estruturas profesionais. Creadores/as e xestores/as que sosteñen estes ámbitos e sobreviven a través do seu "entusiasmo", como escribiu Remedios Zafra. Como se corrixe isto?
Aquí o que pasou foi que na época na que houbo recursos xenerosos, que foi a época do boom inmobiliario e a época dos grandes investimentos ligados á construción, houbo tamén unha proliferación de centros culturais de todo tipo, museos, auditorios..., en moitos casos innecesarios ou mal planificados. Pero a parte máis desfavorecida de toda a cadea de valor da cultura foi precisamente aquela que era a principal: os creadores, os artistas, os que producen a obra. E todo este sector está en posicións cada vez máis precarias. O Goberno municipal de Madrid tomou por exemplo unha decisión importante neste senso, multiplicando as axudas á creación. Os gobernos municipais das cidades teñen por diante un traballo moi importante: que o diñeiro vaia directamente ao entramado civil: ao asociacionismo, aos colectivos sociais, ao tecido cultural, ás pequenas empresas de xente que non quere lucrarse coa cultura, senón que quere vivir dignamente da creación. A precarización da cultura non é máis que un apéndice da precarización da vida.
É negativa a idea de que a cultura é gratuíta? É positivo habituar ao público a pagar unha entrada, aínda que sexa pequena?
Agora hai un certo runrún de que a cultura hai que pagala, porque se se paga apréciase máis. Que pasa con toda a xente que non ten un duro para ir a un concerto ou a unha obra de teatro? Non ten dereito á calidade nos seus centros culturais de barrio? Non ten dereito a goza da cultura?
"O Estado debe desprenderse de estruturas superfluas, debe perder graxa sen perder músculo. Non confundamos isto con debilitar o Estado, todo o contrario; o Estado debe ser máis forte e debe ter máis capacidade para actuar"
En paralelo cos riscos de mercantilización da cultura, tamén alertas contra unha excesiva estatización. Como se evita un perigo sen caer no outro?
Hai dúas cuestións que son fundamentais para que se poida levar a cabo unha transformación e que deben ser abordadas con xenerosa radicalidade. Primeiro, asumir que o malestar non é algo biolóxico e privado, senón que é consecuencia do modelo de sociedade que se está implementando. E, segundo, a necesidade de reducir de forma drástica a burocracia. O Estado debe desprenderse de estruturas superfluas, debe perder graxa sen perder músculo. Non confundamos isto con debilitar o Estado, todo o contrario; o Estado debe ser máis forte e debe ter máis capacidade para actuar.
"É fundamental traballar en colaboración, pensar en comunidade, construír xuntos. Mellor nos iría se pensásemos ese nós emancipador e non un nós identitario, divisorio, que nos illa"
Como se resolve a tensión entre vangarda e cultura popular?
Existe a cultura constituída, as formas oficializadas na tradición. E existen, por outra banda, outras formas de entender a cultura, que son instituíntes, que o que propoñen é inventar novas linguaxes, modificar as formas de expresión, activar dispositivos que permitan situar os significados das cousas... Unhas e outras formas de entender a cultura son necesarias e compatibles. A primeira ten que ter sempre dispositivos críticos para pensarse dende outros lugares: a cultura normativizada pode ser deconstruída a través de desmontaxes realizadas dende dentro, o que permite que a tradición se transforme e se diversifique. E a segunda non pode chegar a ser tampouco un lugar no que desapareza toda relación co preexistente ou co popular, converténdose nun espazo minoritario e elitista, en rarezas sen ningún tipo de incidencia no entramado social. Hai que facer camiños de ida e volta.
Nunha entrevista recente sinalabas, citando a Marina Garcés, a necesidade de facer fincapé no colectivo, na importancia de superar o individualismo e os compartimentos estancos no mundo da cultura...
No último post que publiquei no meu blog incido nesa cuestión. É fundamental traballar en colaboración, pensar en comunidade, construír xuntos. Mellor nos iría se pensásemos ese nós emancipador e non un nós identitario, divisorio, que nos illa.