Xosé Lois Vázquez, actual director do Outono Fotográfico, foi un dos catro fotógrafos que expuxeron as súas obras na primeira edición do festival, en 1983. Nos 35 anos seguintes, o certame consolidouse como unha referencia en toda Galicia e fóra dela, primeiro da man do seu creador -o finado Benito Losada- e despois co impulso do equipo que tomou o relevo. Polo Outono Fotográfico pasaron 6.093 fotógrafas e fotógrafos e organizáronse 2.035 exposicións (85 na edición do pasado ano, 35 na cidade de Ourense e o resto en 22 localidade de Galicia e Portugal). Unha historia que rematou esta semana, cando o actual equipo organizador anunciou a desaparición do certame, acusando ao Concello de Ourense de falta de apoio e de incumprir os seus compromisos co festival, ao que aínda non lle entregou a partida orzamentaria de 9.000 euros prometida para a edición 2017.
O Goberno municipal respondeu este luns nunha rolda de prensa, afirmando que o Concello lle ofrecera á organización "tres alternativas" para seguir colaborando co Outono Fotográfico, e aludindo ao obstáculos da nova Lei de Contratos, unha versión que nega o equipo do festival, que asegura que nos últimos meses nunca se puxeron sobre a mesa estas opcións, que en todo caso rexeitan. Un mes despois de que se confirmase que o Festival Internacional de Cine de Ourense non se celebrará este ano, por primeira vez en dúas décadas, chega a desaparición do Outono Fotográfico, un certame consolidado e todo un referente no mundo da fotografía. Falamos con Xosé Lois Vázquez, director do festival
"Curiosamente, unha vez que nós anunciamos que desconvocamos o festival, o Concello ofreceu esa rolda de prensa e sacou da manga tres alternativas ás que nós supostamente dixéramos que non. Non é certo"
Acusades ao Goberno municipal de incumprir os seus compromisos. Cal era o apoio que o Outono viña recibindo do Concello?
O ano pasado asignáronse dende o Concello de Ourense 9.000 euros ao Outono Fotográfico; era a sétima vez que se asignaba unha partida para o festival. Esta achega viña xa dende os tempos do bipartito PSOE-BNG no Goberno local, cando o Festival recibía 16.000 euros, aínda que nos anos seguintes a cantidade xa se reducira algo. Cando o PP chega ao Goberno no 2015 faino cos orzamentos prorrogados do PSOE, nos que a partida para o Outono era de 10.700 euros. O segundo ano de mandato rebaixaron esa cifra ata 6.000 e no 2017 subiron de novo ata eses 9.000, tras unha reunión moi tensa na que practicamente houbo que arrincarlles o acordo, e que se produciu apenas dez días antes de celebrarse a edición do pasado ano.
Recibistes eses cartos prometidos?
Unha vez celebrado o festival remitímoslle ao Concello o orzamento, para que puidesen realizar o pagamento, sen obter resposta. En decembro solicitamos unha entrevista co alcalde, e tampouco contestaron. En marzo volvemos pedir outra cita co alcalde, e de novo non tivemos resposta. En maio aumentamos a presión, mantivemos varias reunións coas concellerías de Cultura e Xuventude e advertímoslles de que mentres o Concello non liquidase a débeda que tiña co Outono Fotográfico non podiamos publicar o Catálogo nin pagar as débedas que tiñamos contraídas de forma persoal con provedores. E dicímoslles ademais, que se non recibiamos eses cartos, non poderiamos organizar unha nova edición do Outono. O tempo foi pasando e cumpriuse a data que puxéramos como límite para poder desbloquear as débedas (26 de xullo); ese día, nunha xuntanza coa Concellería de Cultura, dixéronnos que non ían pagar a partida comprometida o pasado ano.
"Ninguneáronnos, enganáronnos, estiveron alongando os prazos. Non teñen interese ningún na cultura transversal, na cultura que se pode xerar dende a base, en toda cultura que queda fóra do mercado puro"
Este luns o Goberno local afirmou en rolda de prensa que vos ofrecera tres alternativas para seguir colaborando do festival, dicindo que vós as desbotárades...
Curiosamente, unha vez que nós anunciamos que desconvocamos o festival, o Concello ofreceu esa rolda de prensa e sacou da manga tres alternativas ás que nós supostamente dixéramos que non. Non é certo, é mentira, son tres alternativas que acaban de inventar. Nunca se nos ofreceron, pero en todo caso teriámolas rexeitado, porque son subvencións con concorrencia competitiva. O Outono Fotográfico é o que é, ou queres apoiar a súa celebración ou non queres apoialo, non se trata de abrir un concurso para a organización dun festival de fotografía calquera. A terceira alternativa que propoñen supón apropiarse da marca do Outono Fotográfico, organizando o Concello directamente o festival. Nós propuxémoslles isto mesmo, pero sempre que se mantivese a equipa do Outono.
A que cres que responde esa actitude por parte do Goberno local?
Ninguneáronnos, enganáronnos, estiveron alongando os prazos. Non teñen interese ningún na cultura transversal, na cultura que se pode xerar dende a base, en toda cultura que queda fóra do mercado puro. Ocorre co Festival de Cine, ocorre con nós, os festivais de teatro da cidade están na corda frouxa, as accións das asociacións culturais de base fanse sen permisos municipais, están a atacar as festas populares como os Antroidos de barrios ou o Magosto Popular... Chegamos á conclusión de que todo o que está a suceder forma parte dun descoido provocado, un aprazar as cousas ata que morran. Pero as cousas non morren, porque a xente ten sangue nas veas.
"Que busca esa proposta que fixeron hoxe de que o Concello xestione a marca Outono Fotográfico? Busca que o Concello subcontrate empresas suprimindo todo o equipo organizador"
Eu non creo na incompetencia en política. Claro que hai xente pouco intelixente, pero normalmente están subordinados a alguén que dirixe. Polo tanto, eu creo que non é un problema de desidia, senón que é un premeditado descoido para ir deixando morrer aquelas actividades culturais que non encaixan no neoliberalismo. Non é casual que en Ourense se estea desmontando a maior riqueza que tiña esta cidade: a vida cultural. Que busca esa proposta que fixeron hoxe de que o Concello xestione a marca Outono Fotográfico? Busca que o Concello subcontrate empresas suprimindo todo o equipo organizador. O mesmo que ocorreu co Festival de Cine.
"Temos claro que calquera acordo de futuro pasará por profesionalizar o festival. Non imos volver traballar en clave de voluntarismo"
Vós falades de desaparición do festival. Valorades a posibilidade de retomalo se o actual Goberno municipal ou algún outro no futuro muda a súa posición?
Si, falamos de desaparición. O feito de levarmos nove meses soportando enganos e mentiras e o feito de que o Concello nos deixara un pufo de 9.000 euros, sitúanos nunha posición na que temos claro que calquera acordo de futuro pasará por profesionalizar o festival. Non imos volver traballar en clave de voluntarismo. Levamos sete anos demostrando que con poucos recursos e moito esforzo se pode organizar un festival que é un referente en Galicia e fóra dela, pero non imos volver traballar precarizándonos nós, precarizando os fotógrafos participantes e precarizándoo todo. Nisto si que somos autocríticos: construímos un mecanismo que ao Concello lle sae case de balde, pero a custa de moitos sacrificios. E mesmo así, resulta que non cumpren os seus compromisos, non pagan as súas débedas e montan unha mentira para xustificar a súa inoperancia. A única forma de relanzar o Outono sería a través de acordos que permitisen unha mínima dignidade.
"En Ourense os dous últimos alcaldes non tiveron un modelo de cidade, non se sabe que proxecto teñen. E a isto únese esta idea que ten o actual Goberno, de considerar o Concello como unha entidade privada"
Supoño que a desaparición do Outono é especialmente dolorosa para aquelas persoas coma ti, que estivestes ligadas ao certame dende o comezo, con Benito Losada. Chama a atención o difícil que é construír unha iniciativa así e o fácil que é destruíla, non si? Dávos a impresión de que o actual Goberno local non valora a importancia que ten o Outono na cultura da cidade?
Si, completamente. Eu fun un dos catro fotógrafos que expuxo na primeira exposición, en 1983. E dende entón estiven ligado ao Outono, colaborando con Benito, con esa perspectiva de cultura de base, de que a cultura só existe como tránsito de coñecemento. E si, estou convencido de que noutras cidades, con outros gobernos, isto non pasaría e o festival mesmo sería potenciado internacionalmente. En Ourense os dous últimos alcaldes non tiveron un modelo de cidade, non se sabe que proxecto teñen. E a isto únese esta idea que ten o actual Goberno, de considerar o Concello como unha entidade privada con capacidade de contratación.