SOS Ourense: máis de 50 colectivos únense na protesta contra a "desfeita" de Jácome e o PP

Mobilización de SOS Ourense CC-BY-SA SOS Ourense

SOS Ourense, un "colectivo de colectivos", chama a cidadanía a manifestarse o vindeiro 18 para deter "a desfeita dos gobernos de Jácome e do PP"

"É unha coincidencia de necesidades, unha confluencia de demandas que tiñamos varios colectivos; todo se encamiñou a que nos tiñamos que xuntar", explica unha das portavoces de SOS Ourense, unha plataforma que reúne máis de medio cento de entidades sociais, culturais e ambientais da cidade, que botou a andar o pasado 5 de novembro cunha concentración e que convoca para este vindeiro 18 unha manifestación cidadá que sairá da Subdelegación do Goberno ás 19:30. 

Este "colectivo de colectivos" xunta desde veteranas federacións veciñais, ata centros de discapacidade, pasando por asociacións culturais, ecoloxistas, feministas ou estudantís. Todas elas unidas co obxectivo de "deixar de lado a pasividade" en Ourense, "froito de décadas de clientelismo e dunha política social e cultural en dirección oposta ao ben común”. Chaman a toda a cidadanía a manifestarse para deter "a desfeita" á que, segundo din, os levan "os gobernos de Jácome e do Partido Popular, que xa demostraron que son o problema e non a solución". 

A marcha, din, ten "vocación de marcar un antes e un despois na resposta social á situación insostible de abandono e demolición da cidade de Ourense, encarnada nas figuras de Jácome, que mantén a alcaldía coa complicidade do Partido Popular". O PP reconstituíu o goberno bipartito co actual alcalde na cidade o pasado verán

"A nós nos corresponde traballar xuntas para virar o estado das cousas", din desde SOS Ourense, que une entidades como a Plataforma Non ao Peche da UPO, Emerxencia Cultural, Amigos das Termas, Marcha Mundial das Mulleres, Amigos da Terra, Amigas das Arbores e ducias de federacións e asociacións de veciños. Xuntos, lembran, ante o "esmorecemento de Ourense nunha fonda crise social, ambiental e cultural"

SOS Ourense pretende traballar "para virar o estado das cousas" e contra o "esmorecemento de Ourense nunha fonda crise social, ambiental e cultural"

SOS Ourense xorde para protestar "contra unha política urbanística ao servizo da especulación e do interese duns poucos" e a "degradación do medio natural, da privatización do espazo público e da perda de símbolos da cidade como as zonas termais públicas". E tamén contra o "desmantelamento, abandono e baleirado de sentido de infraestruturas e institucións culturais", entre as que citan a Casa da Xuventude, o Auditorio Municipal, o Museo Municipal ou a Universidade Popular. 

Ademais, denuncian unha política cultural "que nega o papel central e transversal da cultura na creación de comunidade", así como a "xestión clientelar dos recursos públicos, centrada no mercadeo de vontades mentres a provincia e a cidade se sumen no despoboamento e no abandono". En defintiva, din, un SOS "contra a ausencia de políticas eficientes en materia de igualdade, de cultura, de  emprego, de mocidade, de sostibilidade, de accesibilidade, de respecto ambiental e de integración social.

"O que acontece en Ourense é de vergoña allea, por iso facemos esta chamada", insisten desde SOS Ourense, que aclara que nesta plataforma conviven colectivos que levan "moitos anos" reivindicando con outros máis novos. "O descontento foise espallando e un mesmo na súa propia casa podía ver como había un afectado polo peche da Universidade Popular de Ourense, outra persoa que censuraba a falta de accesibilidade para as persoas con discapacidade ou outra que advertía da deterioración das termas", explican sbore as eivas que denuncian na terceira cidade de Galicia. 

Mobilización a prol da Universidade Popular de Ourense CC-BY-SA Emerxencia Cultural Ourense

"O que acontece en Ourense é de vergoña allea, por iso facemos esta chamada"

Agora, e logo de que o tecido cultural ourensán prendese a protesta contra as políticas de Jácome e Baltar no Concello e na Deputación, moitos outros ámbitos decidiron tamén unirse nunha "chamada de auxilio" común ante múltiples problemas que non reciben resposta por parte das administracións. "Sempre buscamos o diálogo pero estamos fartas de negativas ou de promesas que non se cumpren", explican. "Non se pode amar a cidade e consentir tanta vergoña", di unha das participantes no vídeo que difunde a manifestación do vindeiro xoves e no que se resumen as reivindicacións e demandas de todos os colectivos implicados. 

Desde o Concello, o seu alcalde, Pérez Jácome, acusou a SOS Ourense de ser "un calco do 15-M que deu orixe a Podemos". "Coa escusa de Ourense, o que se trama é unha agrupación de esquerdas que poida materializarse en opción política cando chegue o momento", dixo o rexedor nas redes sociais, que cre que, "quizais por iso PSOE e BNG están máis precavidos desta vez". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.