O alcalde acusa os populares de rachar na práctica o bipartito e di que seguirá gobernando en solitario con catro concelleiros os meses que restan ata as eleccións municipais do próximo mes de maio
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana, que goberna a cidade en bipartito co PP desde 2019, acusou este martes aos populares de manobrar para rachar na práctica o goberno local en función dos intereses e os “tempos electorais do seu novo candidato” para as próximas eleccións locais de maio de 2023, o ex-alcalde Manuel Cabezas. Ante esa situación, dixo Jácome, este martes quitaralles todas as competencias aos seus socios e deixaraos fóra da xunta de goberno local, o que suporá a fin do goberno de coalición.
A coalición de Jácome e o PP vén rexistrando diversos conflitos desde o acordo que en 2019 deu ao primeiro a alcaldía da cidade a cambio de que Manuel Baltar permanecese á fronte da Deputación. En 2020 se rompeu o goberno durante varios meses. E agora a última crise comezou despois de que o PP veña de elixir como candidato á alcaldía nas eleccións do próximo ano a Manuel Cabezas, que foi alcalde entre 1995 e 2007.
Jácome di que “non hai ninguén que criticase máis a Baltar na Deputación que un servidor”, pero que “desde que temos un acordo hai unha lealdade institucional” xa que “o fin xustifica os medios”
Cabezas estreouse como candidato criticando o funcionamento do Concello, ante o que Jácome pediu explicacións aos populares, aos que citou a primeira hora da mañá deste martes. Porén, o feito de que os populares mandasen ao encontro a unha concelleira e non aos líderes do grupo municipal ou do partido na cidade levou a Jácome a considerar que os seus socios están a manobrar xa cara ás próximas eleccións en vez de centrarse en gobernar.
Jácome lembrou que “non hai ninguén que criticase máis a Baltar na Deputación que un servidor”, pero engadiu que “desde que temos un acordo hai unha lealdade institucional” xa que “o fin xustifica os medios”. Pola contra, di, o PP non vén amosando esa lealdade polo que “nos liberan do compromiso”.
Na rolda de prensa na que anunciou a súa decisión Jácome foi preguntado se estaría disposto a volver pactar co PP tras as eleccións do próximo ano. Segundo dixo, a súa aspiración é gobernar con maioría absoluta e esa pregunta non toca agora. Si valorou como serán, ao seu ver, esas novas eleccións: “Gústame que Manuel Cabezas sexa o candidato do PP porque creo que é unha rémora, e oxalá que Paco Rodríguez sexa o candidato do PSOE”, dixo Jácome en referencia aos dous anteriores rexedores da cidade.