Francisco Rodríguez formaliza a súa dimisión nun pleno que acaba en incidentes

Rodríguez anuncia a súa dimisión © CRTVG

Francisco Rodríguez xa non é alcalde de Ourense logo de formalizar este sábado a súa dimisión como rexedor da cidade e como concelleiro, nun pleno extraordinario no que foron nomeados tenente primeira e tenente segundo os socialistas Margarita Martín, que asumirá polo momento as funcións de alcaldesa, e Agustín Fernández.

Durante o pleno, que durou unha media hora, o xa exalcalde ourensán quixo destacar a "inmensa dimensión humana" do concelleiro do BNG que, coma el, está imputado na operación Pokemon, Fernando Varela, que non asistiu ao Concello por motivos de saúde e que renunciou tamén á súa acta. Ademais, destacou que marchaba da alcaldía co "peto baleiro". Do mesmo xeito, confirmouse tamén a dimisión da que até o de agora era a tenente de alcalde, a nacionalista Isabel Pérez.

Centos de persoas apoiaron ao alcalde fóra do Concello e cuspiron e insultaron o voceiro de Democracia Ourensana

Fóra, e ante o Concello, varios centos de persoas afíns a Francisco Rodríguez amosaron o seu apoio ao xa ex alcalde, tras seguir o pleno a través duns altofalantes colocados para a ocasión. O voceiro do PP, Rosendo Fernández, desexou "sorte" ao ex rexedor e ao concelleiro nacionalista, Fernando Varela, recordándolles que "hai vida despois da política". Pola contra, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, considerou a traxectoria de Rodríguez como "peor imposible" e acusouno de "mentireiro", nun discurso fortemente asubiado polos alí presentes. Á saída, varios destes concentrados cuspiron e insultaron o voceiro desta formación. 

Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.