Os socialistas sinalan a Rueda como responsable e os populares reiteran a súa proposta de que goberne sempre a lista máis votada, que en Ourense é o PSdeG
O pasado 3 de maio o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no cargo grazas a un bipartito co PP, empurrou unha sindicalista. Para os partidos da oposición foi o límite e tres días despois o Pleno municipal pedía a súa dimisión, iniciativa non executiva que prosperou grazas á abstención do PP. Pero os populares non van ir de momento máis alá de condenar verbalmente as actuacións do alcalde ao que seguen a apoiar.
O PSdeG citou por carta para este mércores nun hotel de Santiago á dirección galega dos populares, en concreto a Alfonso Rueda malia que non será formalmente o presidente do partido ata o próximo domingo. Pero ninguén acudiu ao encontro cos representantes socialistas, encabezados polo seu secretario de Organización, José Manuel Lage, que considera que a negativa a dialogar supón que a Rueda “caeulle a careta”. “Ao PP interésalle manter a Jácome como alcalde de Ourense”, di Lage.
Tras o empurrón de Jácome á sindicalista Alberto Núñez Feijóo considerou “inxustificable” o ocorrido e reclamou unha desculpa do rexedor. Pero culpou o PSdeG de que estea no cargo malia que foi o PP o que o fixo alcalde co argumento de que os socialistas, os máis votados no concello, querían quitar da deputación ao popular Manuel Baltar malia ser o PP a forza maioritaria nesa institución. En todo caso, Feijóo, xa presidente do PP en todo o Estado, dixo que sobre a gobernabilidade en Ourense “corresponderalle ao presidente do PPdeG” decidir, lembrando que el xa non o é e deitando así a responsabilidade en quen será o seu sucesor a partir deste domingo, Alfonso Rueda.
Para o PSdeG a Rueda "caeulle a careta" e "ao PP interésalle manter a Jácome como alcalde"
Tras esas verbas de Feijóo, hai dez días, sen que Rueda sexa aínda formalmente o presidente do PPdeG, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, remitiulle unha carta emprazándoo a negociar a retirada de Jácome. Os socialistas citaron aos populares para este mércores nun hotel de Santiago a poucos metros da sede do PPdeG, pero ao encontro só acudiron os primeiros.
O secretario de organización socialista, Lage Tuñas, acompañado dos responsables do partido na cidade e na provincia de Ourense, compareceu ante os medios de comunicación para asegurar que no PP “non hai vontade de falar”. Segundo dixo, a reunión foi convocada “sen ningún tipo de condicións”, polo que a ausencia dos populares supón que “a Rueda caeulle a careta” e “ao PP interésalle manter a Jácome como alcalde”. “Que máis ten que pasar en Ourense para que o PP decida sentarse co PSdeG para darlle unha solución á cidade”, preguntouse o socialista.
Pola contra, desde o PP, na liña do xa verbalizado por Feijóo, insístese na necesidade de que o PSdeG asuma que en todas as administracións debe gobernar a lista máis votada, non só na cidade de Ourense, onde esta correspondeu aos socialistas. Fontes do PP tamén restan valor á carta do PSdeG porque lembran que Rueda non é aínda o presidente do partido, polo que non podía negociar como tal.