Moito se leva escrito, investigado e comentado sobre a importancia dos marcos discursivos na política, o chamado framing en inglés. De que se fala e cando, como se denomina as cousas adoita ser determinante á hora de presentar a realidade, de facela chegar á cidadanía e, en última instancia, de utilizala para moldear o comportamento político e electoral cidadán.
Os gobernos de coalición foron historicamente caricaturizados polo PPdeG como sinónimo de inestabilidade e conflito, pero no actual mandato municipal a principal fonte de turbulencias neste ámbito e o único bipartito urbano participado polos populares
Nesta liña, na esfera política galega -non así na local- poucas persoas dubidarán de que "o bipartito" é o efémero Goberno que tivo Galicia entre agosto de 2005 e abril de 2009, conformado por PSdeG e BNG. Igual que actualmente, no contexto do Estado, o "Goberno de coalición" é o que preside Pedro Sánchez, sostido polo PSOE e Unidas Podemos. Tamén houbo marcos semellantes que non acabaron de callar, como o tempo en que o Executivo de socialistas e nacionalistas na Xunta foi presentado coma "o novo Goberno", en contraposición co vello de Manuel Fraga.
Na actualidade, todas as principais formacións políticas galegas teñen bipartitos no ámbito local. Tres das catro deputacións están sustentadas en maiorías do PSdeG e do BNG e noutras tantas cidades (Lugo, Ourense e Pontevedra) os gobernos municipais teñen edís de máis dunha cor política. As catro restantes teñen gobernos socialistas: tres en minoría e un (Vigo), con maioría absoluta.
Aínda que os gabinetes sustentados en dúas ou máis forzas políticas veñen sendo historicamente caricaturizados polo PPdeG como sinónimo de inestabilidade e conflito, no actual mandato a principal fonte de turbulencias neste ámbito é precisamente o único bipartito urbano participado polos populares, o de Ourense. Na capital ourensá, o goberno municipal de coalición ten á fronte a Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana nos comicios de 2019, terceira forza nas urnas por tras do PSdeG (9 edís) e o PP (7 escanos, os mesmos que DO, pero cun punto máis en votos).
A recomposición do bipartito do PP con Jácome tras a primeira ruptura non impediu que continuasen as descualificacións e saídas de ton. A última, un empurrón a unha sindicalista, mesmo con máis eco que as anteriores, en pleno proceso sucesorio no PPdeG
Como é sabido, o PP entregou a alcaldía a Jácome a cambio de que DO salvase a presidencia da Deputación para José Manuel Baltar, que perdera a maioría absoluta para o baltarismo por primeira vez en tres décadas. En apenas tres anos de mandato, os bipartitos do PP con Jácome en ambas institucións racharon -o PP rompeunos no outono de 2020 alegando a a investigación xudicial ao rexedor por suposto manexo irregular de fondos públicos- e foron reconstituídos apenas un ano despois. A recomposición non impediu, así e todo, a axitación derivada tanto da escisión de DO como das descualificacións do propio Jácome cara aos seus compañeiros de goberno e, sobre todo, das diversas saídas de ton do alcalde.
Unha desas saídas de ton irrompeu esta semana na esfera política, mesmo con máis eco que as anteriores. En pleno proceso sucesorio no PP de Galicia tras a dimisión de Alberto Núñez Feijóo, Jácome empurrou unha sindicalista que, o pasado xoves, participaba nas mobilizacións da folga do transporte urbano ás portas da casa do Concello. Xornalistas de diversos medios de comunicación foron testemuñas directas do acontecido e o vídeo da agresión, gravado por La Voz de Galicia, ecoou en cabeceiras de todo o Estado.
As explicacións ofrecidas polo rexedor, cun vídeo no que se declaraba vítima dunha "agresión acústica" por parte dunha "sindicalista exaltada" acrecentaron aínda máis a repercusión dunha agresión ante a que PSdeG e BNG ollaron directamente ao PPdeG e ao seu vindeiro líder, Alfonso Rueda. É aos populares, afirman, aos que corresponde aclarar se están dispostos a manter a Jácome na alcaldía tras "superar todos os límites" e "contribuír, unha vez máis, á degradación da imaxe de Ourense". Unha concentración do movemento SOS Ourense reiterou a petición no serán do xoves.
Mentres SOS Ourense se manifestaba para esixir a marcha de Jácome, Rueda compartía mitin con Baltar. O futuro presidente di ver "irresponsable" ao rexedor, pero o bipartito segue aí
O PP local, pola súa banda, emitiu un comunicado para considerar a "reacción" de Jácome como "desproporcionada" e afirmar que non comparten "en absoluto" o acontecido. Agregan, non obstante, que non son "responsables" das "accións irrespectuosas e individuais do alcalde", ao que animaron a pedir "perdón".
Con este pano de fondo, case á mesma hora do xoves en que SOS Ourense se manifestaba no centro da cidade, nun restaurante das aforas Rueda ofrecía xunto a Baltar o mitin ourensán da súa xira da campaña interna previa a ser aclamado como novo presidente do PP de Galicia. O futuro titular da Xunta asegurou que aproveitaría a visita para falar co grupo municipal a respecto da relación con Jácome, que "non foi fácil ata agora", e cuxa actitude ve "irresponsable".
No mitin do xoves Rueda nada dixo do novo conflito senón que optou por criticar “o espectáculo diario” doutro goberno de coalición, o que encabeza Pedro Sánchez no Goberno de España. E un día despois, o venres, o PP local abstíñase na votación dunha moción de urxencia no Pleno municipal pedindo a dimisión de Jácome presentada polo PSdeG e que saíu adiante cos apoios ademais de BNG, Ciudadanos e ex-membros de Democracia Ourensana agora non adscritos. O bipartito do PP segue aí e Jácome lémbrao cada pouco tempo.