Con Feijóo xa en Madrid sen axenda oficial da Xunta, o futuro presidente anuncia que o vicepresidente segundo, Francisco Conde, seguirá no Goberno e que nel entrará Diego Calvo, o barón coruñés que demorou o acordo sobre a súa sucesión
Desde a súa dimisión o pasado venres, nos últimos catro días o aínda presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, non volveu ter axenda oficial en Galicia. Centrado xa nas últimas semanas na presidencia do PP, este luns mesmo permaneceu en Madrid malia ser alí día festivo e laborable en Galicia. Mentres, o seu sucesor, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, está a combinar actos de promoción turística polas mañás con mitins internos en defensa da súa candidatura única a presidir o PPdeG, actos nos que xa desvelou os nomes de dous conselleiros do seu futuro goberno.
A campaña de Rueda para facerse co partido tras acordar os baróns provinciais que el sería a mellor opción de continuidade tanto na Xunta como no PPdeG comezou o sábado en Lugo, xunto á presidenta provincial Elena Candia. Alí Rueda anunciou que o actual vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, o seguinte a el mesmo na orde de precedencia do Goberno galego, seguirá formando parte do seu novo executivo. Tras eloxiar o seu “sacrificio”, Rueda asegurou que “desde logo se Paco quere eu seguirei contando con el no Goberno, como non podía ser menos, por suposto”.
Este luns, sen axenda oficial da Xunta, a campaña vespertina de Rueda continuou na Coruña. Alí anunciou que tamén conta para o seu novo Goberno co presidente provincial coruñés Diego Calvo. “Se queres, estarás”, díxolle a quen foi o último barón provincial en sumarse ao acordo para que Rueda sexa o sucesor de Feijóo tanto na Xunta como no partido. De feito, tras impulsar esa opción o barón ourensán, Manuel Baltar, con sucesivas declaracións de apoio cara a Rueda, o acordo non se deu por pechado ata que, na tarde do mércores de Semana Santa, Calvo fixo público un comunicado no que acabou cedendo.
“Este non será o PP de Rueda, será o PP de Galicia”, di o futuro presidente ante o barón coruñés
Na súa intervención na Coruña ante Calvo o futuro presidente do partido asegurou que “este non será o PP de Rueda, será o PP de Galicia”, e defendeu que “o pelotón do PPdeG ten que acoller a todos para avanzar máis”. “Cada un desde o noso cometido, pero todos arredor dunhas siglas, dunhas ideas e dun proxecto sólido e unívoco”, engadiu.
Este martes, tras varios actos oficiais da Xunta pola mañá, a xira de Rueda continúa en Vilagarcía de Arousa. A campaña interna rematará o vindeiro luns 9 de maio, e o martes 10, o mesmo día que Rueda debe defender o seu programa de goberno no Parlamento para ser presidente da Xunta, celebraranse as asembleas locais do partido que elixirán os compromisarios que participarán no congreso que os días 21 e 22, en Pontevedra, fará oficial o nomeamento do novo presidente do PPdeG.