O Goberno galego xa cesou de xeito automático e por lei debe “limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios” ata que tome posesión o executivo do novo presidente que elixa o Parlamento
Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo veñen asegurando nas últimas semanas que a súa campaña para facerse coa presidencia do PP estatal non afectou ao funcionamento da Xunta e que tampouco o fará a súa renuncia como presidente do Goberno galego, formalizada ás 11 da mañá deste venres, xa que este seguirá xestionando Galicia con “normalidade” con outra persoa á fronte. Porén, se ata agora nada limitaba legalmente que Feijóo abeirase as súas responsabilidades como presidente e se centrase na súa axenda partidaria, a súa dimisión como presidente da Xunta supón de xeito automático varias limitacións no funcionamento do Goberno galego.
A dimisión de Feijóo é a primeira dun presidente do Goberno galego, pero a situación que se produce a continuación na administración galega é similar á que xa se vén rexistrando tras cada domingo electoral: todo o seu executivo quedou xa en funcións ata que tome posesión o goberno que nomee o novo presidente elixido polo Parlamento, nun prazo máximo dun mes que o PP asegura querer reducir ao mínimo posible pero que resulta difícil que sexa de menos de dúas semanas. O primeiro será a reunión que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, manterá o luns cos portavoces dos grupos parlamentarios para poñer en marcha o proceso activado tras o cesamento, que este 30 de abril é oficial coa súa publicación no DOG e no BOE.
Ata que conclúa, coa toma de posesión dun novo goberno, o actual executivo en funcións debe limitar as súas actuacións ao que unha lei impulsada polo propio Feijóo estableceu en 2016: asuntos ordinarios, sen poder autorizar gastos extraordinarios, adxudicar contratos por riba de certo importe, asinar convenios, convocar oposicións ou aprobar leis ou decretos que as desenvolvan.
O Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 17 que “a Xunta cesa trala celebración de eleccións ó Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e falecemento do seu Presidente” e fixa que “a Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta”. E a Lei 1/1983 reguladora da Xunta e da súa presidencia limítase a dicir no seu artigo 29 que "o cese do Presidente da Xunta comporta o de tódolos membros da mesma. A Xunta censante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta". Porén, non foi ata hai sete anos, a través da Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno que Feijóo impulsou naquel momento, que se regulou o goberno en funcións.
En funcións a Xunta non pode enviar leis ao Parlamento nin desenvolvelas, nin tampouco pode aprobar plans urbanísticos
A lei de 2016 dedica á cuestión do goberno en funcións o seu segundo capítulo, formado por dous artigos, un para regular que non se pode facer e outro para establecer como debe ser o traspaso de poderes co seguinte goberno, cuestión esta segunda que agora non debera supoñer ningún obstáculo gobernando o mesmo partido.
Canto ao goberno en funcións, establece que este “deberá limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios, evitando adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Goberno que o substitúa”. A lei engade tamén que “durante a súa permanencia en funcións e agás casos de urxencia ou cando existan razóns motivadas que o xustifiquen, o Goberno en funcións non poderá” realizar as seguintes actuacións:
- Enviar proxectos de lei ao Parlamento.
- Facer uso das delegacións lexislativas outorgadas polo Parlamento, así como aprobar decretos de desenvolvemento normativo de leis ou ordes en execución de normas legais ou regulamentarias.
- Autorizar convenios ou acordos co Goberno de España ou con outras comunidades autónomas, entidades locais e universidades.
- Adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente.
- Aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de persoal empregado público.
- Aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo do sector público autonómico.
- Adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros.
- Resolver expedientes que poñan fin á aprobación ou denegación de plans previstos na normativa de ordenación territorial ou ambiental.
A lei para impedir que os gobernos saíntes condicionen a herdanza dos entrantes, que se debe aplicar incluso cando os executivos son da mesma formación política, como ocorrerá agora, impulsouna Feijóo logo de anos de críticas pola decisión do último executivo de Manuel Fraga de adxudicar xa en funcións diversas obras na Cidade da Cultura por máis de cen millóns de euros. Feijóo chegou a dicir que el non tomaría unha decisión así, malia que formaba parte daquel goberno.
En 2016, poucos meses despois de aprobar a lei de goberno en funcións, Feijóo pediu un ditame á Asesoría Xurídica da Xunta sobre como aplicala e admitiu que malia gañar as eleccións daquel ano debía “diminuír os compromisos de gasto e as decisións de carácter permanente”
Porén, poucos meses despois da entrada en vigor da lei, tras as eleccións galegas de setembro de 2016 o propio Feijóo que impulsara a norma encargou un ditame á Asesoría Xurídica da Xunta para saber como aplicala. Fíxoo poucos días despois de que naquela campaña electoral asegurase que el, a diferenza doutras posibles candidaturas que se presentaban naqueles comicios, seguiría gobernando con normalidade “desde o primeiro día”.
Non foi así e el mesmo admitiu que, malia gañar as eleccións, ata que volvese a ser nomeado polo Parlamento, o que sucedeu unhas semanas despois, tería que “diminuír os compromisos de gasto e as decisións de carácter permanente”. Iso mesmo é o que a lei establece que debe pasar agora ata que tomen posesión o novo presidente e os novos conselleiros e conselleiras.