Que pode e que non pode facer un Goberno en funcións? É lícito que un Executivo xa cesado (á espera da constitución dun novo) adopte decisións de importante calado social e que terán efectos durante varias décadas -como é o caso da prórroga a ENCE- ou que comprometen a acción do seu substituto? A decisión adoptada polo Ministerio, que pode permitir que a pasteira ocupe as instalacións de Lourizán ata o ano 2073, así coma a demora na investidura dun novo presidente en España, alongando a duración do actual Executivo, fan emerxer o debate sobre a actividade dos gobernos en funcións e os seus límites. Un debate que, por exemplo, vivimos hai unha década ao fío das polémicas accións dos últimos Consellos da Xunta dun Manuel Fraga que vía desaparecer o seu poder.
A Lei 50/1997 limita no seu artigo 21 a xestión do Goberno en funcións ao "despacho ordinario dos asuntos públicos, absténdose de adoptar, agás casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral cuxa acreditación expresa así o xustifique, calquera outra medida". Neste senso, a propia ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, lavou as mans o pasado martes afirmando que a prórroga era "unha resolución administrativa" na que "non interfire para nada o Goberno", enmarcando de forma cuestionable a decisión nese carácter de despacho ordinario de asuntos.
A Lei de transparencia e bo goberno, aprobada polo Parlamento pero que aínda non está en vigor, enumera unha serie de prohibicións máis extensa e explícita que ás da norma estatal
De igual xeito, en decembro o Parlamento galego aprobou, cos votos favorables de PP e PSOE e a abstención de AGE e BNG, a Lei de transparencia e bo goberno, que no seu artigo 57 regula as funcións dos executivos en funcións. A lei reitera as limitacións presentes na norma estatal ("o Goberno deberá limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios"), pero engade que debe evitar "adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Goberno que o substitúa". A Lei de transparencia e bo goberno enumera unha serie de prohibicións máis extensa e explícita que ás da norma estatal. O Executivo non pode remitir proxectos de lei ao Parlamento, pero tampouco "autorizar convenios e acordos" co Goberno central ou con outras CC.AA. E non pode igualmente "adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente", nin "aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de empregado público", nin "aprobar ou modificar as relacións de postos de traballo no sector público autonómico". A norma, aprobada pola cámara hai máis dun mes, aínda non foi publicada no D.O.G., e polo tanto aínda non entrou en vigor.
A futura lei galega avanza nunha concreción da que carece a Lei 50/1997, sobre a que se ten discutido moito -mesmo nunha sentenza do Tribunal Supremo de 2005- e na que os límites e excepcións declaradas (eses "casos de urxencia") aínda non fican totalmente claros. Estes límites adquiren maior importancia en momentos nos que, ante un cambio de cor política nos Gobernos, o Executivo saínte adopta unha serie de decisións de última hora (como fixo o PP en Galicia en 2005) que o seu sucesor non pode reverter. E, tamén, na inédita situación que vive na actualidade España, pola demora en investir un novo presidente.
E despois de ENCE, Garoña?
A decisión adoptada polos actuais responsables do Ministerio podería outorgarlle a ENCE uns dereitos en base aos que nese caso podería reclamar fortes indemnizacións por lucro cesante
Un Goberno en funcións non pode lexislar, pero si aprobar decretos-lei, unha fórmula habitual para o Executivo dirixido por Rajoy mesmo no exercicio normal da lexislatura, xa que ditou 73 decretos-lei, un por cada dúas leis aprobadas (143). Así mesmo, pode adoptar outras decisións (adxudicacións de obras, servizos e outros contratos, concesións de permisos...) que indiscutiblemente condicionan a xestión futura. Por exemplo, a concesión da prórroga a ENCE podería ser revogada por un novo Goberno, pero a decisión adoptada polos actuais responsables do Ministerio podería outorgarlle á empresa uns dereitos en base aos que nese caso podería reclamar fortes indemnizacións por lucro cesante.
Nos últimos días comeza a falarse cada vez con máis intensidade da posibilidade de que o actual Executivo lle conceda á central nuclear de Garoña os permisos necesarios para seguir operando
Nos últimos días comeza a falarse cada vez con máis intensidade da posibilidade de que o actual Executivo lle conceda á central nuclear de Garoña os permisos necesarios para seguir operando durante 17 anos máis. A central burgalesa, pechada en 2012 e que superou amplamente a súa vida útil, podería reabrirse grazas ás presións de ENDESA e Iberdrola e á postura do Goberno, que permitiu que os propietarios de Garoña puidesen solicitar unha renovación da explotación en vez de ter que pedir unha nova autorización de explotación, o que implicaría maiores esixencias. O ministro de Industria en funcións, José Manuel Soria, afirmou recentemente que "non nos podemos permitir o luxo de prescindir de Garoña" e sinalou que a central “poderá seguir aberta e operando” se cumpre "cos requisitos". Soria semella empregar o mesmo argumentario xa exposto por García Tejerina de limitarse a dar cumprimento a unha serie de trámites administrativos prefixados. Os colectivos contrarios á central alertan de que, se Garoña recibe agora os permisos, o futuro Goberno podería ver dificultada a posibilidade de revogarllos.
O caso de Fraga (e Feijoo) en 2005
Nos últimos meses denunciáronse en varios territorios do Estado algunhas decisións adoptadas por Gobernos en funcións, principalmente do PP, que viñan de perder o poder nas eleccións municipais e autonómicas do 24 de maio. Así sucedeu en Castela-A Mancha ou Madrid. Con todo, un dos casos máis escandalosos de toma de decisións relevantes e impropias a cargo dun Executivo en funcións foi o sucedido en Galicia en 2005, unha vez consumada a perda da maioría absoluta do Partido Popular, a á espera da constitución do Goberno PSdeG-BNG.
Nos seus últimos días de Goberno, Fraga concedeu dúas canles de TDT, aprobou un plan acuícola, 39 convenios con concellos e adxudicou obras por máis de 100 millóns de euros na Cidade da Cultura
Aquel derradeiro Executivo de Manuel Fraga (con Alberto Núñez Feijoo como vicepresidente) adxudicou dúas licenzas para televisións dixitais de ámbito autonómico (a La Voz de Galicia e á Cadena Cope), unha decisión que aínda que foi "revisada" polo Bipartito, ficou como definitiva. A canle da COPE (Popular TV Galicia) cancelou as súas emisións en 2013. De igual xeito, aprobou un Plan Acuícola que si foi modificado parcialmente en 2006 polo Goberno de Emilio Pérez Touriño. Ademais, realizou importantes adxudicacións de obras, entre elas actuacións na Cidade da Cultura que sumaban máis de 100 millóns de euros e que marcaron nos anos seguintes o desenvolvemento deste proxecto e as posibilidades de modificalo. A argumentación empregada polos populares, ao igual que no caso de ENCE, foi que se trataba de actos administrativos, non de Goberno, e que quen adxudicaba era a mesa de contratación e non a Xunta.
Finalmente, aquel Goberno autorizou 39 convenios con Concellos, a maior parte do PP, e algúns mesmo sen proxecto previo. Estaba prevista tamén a adxudicación de 63 licenzas locais de TDT, seis emisoras de radio de ámbito autonómico e outras 66 municipais, pero a decisión quedou en suspenso. Ante as críticas pola intensa actividade de última hora, Fraga declarou que "mentres esteamos aí, cumpriremos co noso deber", asegurando que tiña "a conciencia moi tranquila" e que se limitara a xestionar "cousas urxentes demandadas pola opinión pública".