Feijóo encarga un informe sobre como aplicar a lei de goberno en funcións que el mesmo aprobou

Feijóo, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

O presidente admite que o “goberno desde o primeiro día” que prometeu en campaña non será tal ata novembro e di que diminuirá “a capacidade de gasto e as decisións”

Gañase quen gañase as eleccións do pasado domingo, a partir dese momento e ata o nomeamento dun novo goberno o executivo galego pasaría a estar en funcións e, polo tanto, coa súa capacidade de actuación limitada. Malia iso, durante toda a campaña electoral Alberto Núñez Feijóo insistiu en asegurar que, fronte a outras opcións, se el gañaba os comicios Galicia tería goberno “desde o día seguinte” ou “desde o luns 26”, segundo as dúas expresións que máis empregou. O domingo 25 o PP conseguiu a maioría absoluta, pero o luns 26 o goberno de Feijóo comezou igualmente a traballar en funcións, e así seguirá ata que, ben entrado novembro, sexa investido novamente polo Parlamento de Galicia. Este xoves, na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, o propio líder popular admitiu que o seu executivo vai “diminuír os compromisos de gasto e as decisións de carácter permanente”.

Desde principios deste ano o que pode ou non pode facer un goberno en funcións debería vir determinado pola Lei de transparencia e bo goberno que impulsou o PP co obxectivo, entre outros, de establecer esa cuestión así como de regular o traspaso de poderes entre gobernos. Porén, malia estar aprobada desde hai máis de medio ano, o propio Feijóo informou este xoves de que vén de solicitar agora un “ditame” á Asesoría Xurídica da Xunta para que “interprete” a lei e lle diga, cara a reunión da próxima semana, que pode e non pode facer.

Este xoves o propio Feijóo admitiu que a maioría das cuestións das que informou como supostamente analizadas polo seu Goberno en funcións non tiñan validez legal senón que eran simples "informes"

Á espera desa interpretación, o que di a lei é que, ademais de non poder impulsar leis nin aprobar decretos que as desenvolvan, o goberno en funcións non pode aprobar convenios con outras administracións, nin autorizar gastos que non sexan correntes (impide as licitacións e adxudicacións por riba de 150.000 euros), nin aprobar convocatorias de persoal ou modificar a estrutura do seu cadro de persoal, nin culminar a tramitación de ningún plan de ordenación territorial. Esa norma para impedir que os gobernos saíntes condicionen a herdanza dos entrantes impulsouna Feijóo logo de anos de críticas pola decisión do último executivo de Manuel Fraga de adxudicar xa en funcións diversas obras na Cidade da Cultura por máis de cen millóns de euros. Feijóo chegou a dicir que el non tomaría unha decisión así, malia que formaba parte daquel goberno.

Ante as novas limitacións, este xoves, ao contrario que nas súas comparecencias dos últimos anos, o propio Feijóo salientou que a maioría das cuestións das que estaba a informar na súa comparecencia non eran acordos con validez legal senón “informes”, documentos propagandísticos elaborados á medida de cada goberno. Fronte aos sete informes propagandísticos que publicitou este xoves o Consello da Xunta, o goberno en funcións unicamente adoptou dous acordos con validez legal: aprobou o plan de protección civil ante inundacións e cumpriu o trámite de remitir ao Consello de Contas a Conta Xeral da Xunta correspondente a 2015.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.