O Parlamento xa tramita a investidura de Rueda, que prevé tomar posesión como presidente o 14 de maio

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, durante un pleno do Parlamento en marzo de 2022 © Parlamento de Galicia

Dende este 30 de abril, Galicia ten oficialmente un Goberno en funcións. Por primeira vez na historia da autonomía, non sucede pola celebración dunhas eleccións ao Parlamento, senón pola dimisión do presidente da Xunta, se ben os efectos en canto á limitación da xestión do Executivo son os mesmos.

Este sábado, o Diario Oficial de Galicia e mais o Boletín Oficial do Estado publican o cesamento de Alberto Núñez Feijóo como titular da Xunta. Antes, o propio venres, xa o reflectira o Boletín Oficial do Parlamento. Estes trámites activan o proceso parlamentario para substituílo. O primeiro paso deste procedemento xa ten data e os demais, que xa se veñen dando por practicamente supostos nas contornas políticas nos últimos días, confirmounos este sábado o presidente da Cámara, Miguel Santalices, en entrevista coa Radio Galega.

Ese primeiro paso é a rolda de consultas cos grupos parlamentarios para lles pedir que fixen posición sobre a persoa que debe presidir a Xunta. Santalices recibe o luns pola mañá as tres forzas con representación na Cámara por orde crecente de representacón: o PSdeG ás dez e media, o BNG ás 11 e o PP, ás once e media. O único grupo con escanos dabondo para unha investidura viable, o Grupo Popular, proporá a Alfonso Rueda como candidato.

O presidente do Parlamento ratifica a previsión de que o debate de investidura se celebre os días 10 e 12 de maio, culminando o trámite para a remuda na presidencia que principia este luns, día 2, coa rolda de consultas aos grupos 

Unha vez obtido o nome do candidato o luns 2, será o xoves 5 cando a Mesa do Parlamento e a Xunta de Portavoces organicen as formalidades do debate de investidura. A previsión é que queden fixados, confirma Santalices, para o martes 10 e o xoves 12. A normativa esixe que transcorran 48 horas entre a primeira xornada do debate -cando o candidato expón a súa candidatura- e a segunda, cando se produce a votación.

Atendendo a estes calendario, o venres 13 o DOG e o BOE publicarían o nomeamento de Rueda como presidente da Xunta e o sábado 14 tomaría posesión. Será nesa xornada cando xure ou prometa o cargo de xefe do Goberno galego e cando, se o Goberno o considera oportuno, celebre un acto simbólico de asunción do posto. De aí en diante, será a súa competencia nomear o resto do Executivo. Mentres non o faga, as conselleiras e conselleiros continuarán en funcións.

Rueda entrega os avais da súa candidatura á presidencia do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Ata a véspera do debate de investidura, Rueda combinará a súa condición de vicepresidente da Xunta en funcións e candidato á presidencia do Goberno galego coa de aspirante único ao liderado do PP de Galicia. Dende este 30 de abril e ata o 9 de maio, o ata agora número 2 de Feijóo na Xunta desenvolverá actos da campaña interna sen rival -como a desenvolvida por Feijóo para remudar a Casado- que principiou este sábado en Lugo. O 21 e 22 de maio, na fin da súa primeira semana como presidente, será aclamado como sucesor de Feijóo no partido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.