“Non vou dar nada por gañado”, dixo na súa renuncia á presidencia do partido na provincia de Pontevedra, onde se marcou o obxectivo de ir a por unha quinta maioría absoluta na Xunta
“Vou ir por toda Galicia como se houbera moitos máis candidatos. Non vou dar nada por gañado, ninguén regala nada”. Alfonso Rueda confirmou este venres na xunta directiva do Partido Popular da provincia de Pontevedra que fará campaña ata o congreso da formación galega no que se escollerá ao substituto de Alberto Núñez Feijóo na presidencia do partido. “Eu non sei se vai haber máis candidatos neste proceso, todo o mundo se pode presentar”, sostivo, a pesar de contar co apoio dos 'baróns' da formación.
Rueda asegurou que quere “merecer o apoio de todos” e avanzou que se dedicará a iso desde este momento. “O primeiro é a unidade, xa o dixo Feijóo e o teño repetido eu. Un partido que non estea unido non é nin un partido”, agregou para a continuación salientar que os outros tres presidentes provinciais do PPdeG “foron un exemplo de xenerosidade, de intelixencia e de ver que un partido unido é un partido forte”.
“Teño o privilexio de ter aprendido do mellor”, destacou Rueda sobre Feijóo
“O noso modelo ten que seguir sendo o anticainismo”, afirmou Rueda para louvar a “transición tranquila, previsible e ordenada” do PP galego desde que Feijóo anunciou a súa marcha a Madrid para presidir o partido no Estado. “Nunca na miña vida busquei ser o que vou ser agora. E estou moi orgulloso de conseguilo”, chegou a manifestar diante dos cargos do PP da provincia de Pontevedra.
“Este é o momento máis importante da miña vida política, espero estar á altura”, explicou visiblemente emocionado nun discurso de pouco máis de media hora no que se lle quebrou a voz ata en catro ocasións. Un discurso no que fixo numerosas referencias a Feijóo, desde as lembranzas ao momento no que o “escolleu” como número dous pasando polos 13 anos que levan xuntos no Goberno galego. “Teño o privilexio de ter aprendido do mellor”, destacou, para pedirlle á militancia 'popular' que manteña o seu apoio a Feijóo: “Neste paso xeneroso que dá merece que o PP de Pontevedra o apoie para ser o próximo presidente de España. Por nós non vai quedar!”.
Entre aplausos e berros de presidente, pois ademais de ser o candidato á presidencia do PPdeG substituirá a Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta, Alfonso Rueda marcouse tres obxectivos que, segundo dixo, xa están en marcha. O primeiro –“que xa o estamos conseguindo”, aseverou– é que coa marcha de Feijóo “o partido non se vai desfacer e a estabilidade e o bo goberno que supón a Xunta ten que seguir”.
O segundo obxectivo é “fundamental”. “O cambio en España deriva en moitas cousas, creo que todos percibimos a esperanza de que sexa posible que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno. El moitas veces vaise apoiar en nós e vai pór o PPdeG como exemplo, do que el fixo e do que imos facer a parti de agora. Non lle podemos fallar e non se merece que lle fallemos. Temos que ser a referencia para que Feijóo sexa presidente”, sostivo.
“Temos que ter unha quinta maioría absoluta”
“Nós temos que ter unha quinta maioría absoluta”. Ese é o terceiro obxectivo que “comeza hoxe e aquí”. “O PPdeG vai seguir sendo a referencia, a inspiración e a forza de moitísima xente que ten que seguir confiando en nós. Dou as grazas por anticipado. A isto ímonos dedicar todos os que estamos aquí". "Imos seguir con esta normalidade extraordinaria que temos en Galicia”, argumentou.
Rueda deixou tamén unha mensaxe aos seus para aclarar que “non se trata de manter, trátase de mellorar” e incidiu en que o PPdeG debe seguir unido para que a xente “non teña que buscar nada noutros sitios”, nunha clara alusión a Vox e a súa nula presenza no Parlamento. “Isto vai de esixencias, aquí o que se relaxe perde”, insistiu.
“Sinto vertixe? Si. Síntome abrumado? Si. Síntome asustado? Non sabedes ata que punto. Pero síntome con forza”, salientou na reunión da xunta directiva do PP de Pontevedra, que deixa de presidir para optar á presidencia do PPdeG no congreso que se celebra o 21 e 22 de maio tamén en Pontevedra.