Alfonso Rueda: de fillo e afiliado a presidente da Xunta

Alfonso Rueda comparece ante os medios de comunicación en presenza de Feijóo tras un Consello da Xunta nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nacido hai 53 anos nunha familia implicada con AP e formado nas Novas Xeracións, entrou na política institucional con Xesús Palmou, ao que sucedeu como 'número 2' do PP e home de confianza de Feijóo, do que o diferencia o seu trato persoal malia a súa imaxe de home duro do partido

Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 8 de xullo de 1968) será, por acordo dos principais baróns do PPdeG e Feijóo, o sexto presidente da Xunta de Galicia, o terceiro que chega ao cargo con menos idade, 53 anos, tras os 35 anos cos que o fixo Fernando González Laxe e os 47 de Alberto Núñez Feijóo, con catro anos menos que os 57 que tiña Emilio Pérez Touriño e a moita máis distancia de Manuel Fraga (67) e Gerardo Fernández Albor (65). 

Nacido nunha familia implicada con Alianza Popular e formado nas Novas Xeracións do PP, Rueda é licenciado en Dereito e obtivo praza de secretario municipal antes de entrar na política institucional autonómica da man de Xesús Palmou. En 2006 sería o seu sucesor como número 2 do PP e home de confianza de Feijóo, do que o diferencian non só a súas orixes políticas senón tamén o seu trato persoal, malia a imaxe de home duro do partido de que se foi dotando co seu posto e a súa relación coa oposición.

Alfonso Rueda e Xesús Palmou, conselleiro de Xustiza e Interior con Fraga que o introduciu na política institucional autonómica nos 90 como xefe de gabinete e en 2000 como director xeral de Admnistración Local CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda é fillo de José Antonio Rueda Crespo (Jaén, 1938-Pontevedra, 2012), enxeñeiro agrónomo, senador de Alianza Popular entre 1982 e 1989 e tamén naqueles mesmos anos concelleiro en Silleda e vicepresidente da Deputación de Pontevedra cando a mediados daquela década foi presidida por Mariano Rajoy. A súa moi pontevedresa familia tamén ten outros nomes de sona, como o seu curmán Fernando Garrido Valenzuela (1949), conselleiro de Agricultura con Albor entre 1984 e 1986, ou a irmá deste Irene Garrido Valenzuela (1960), secretaria de Estado de Economía no Goberno de Rajoy.

Alfonso Rueda, licenciado en Dereito pola USC, obtivo praza de funcionario da administración local, con habilitación nacional, e foi secretario municipal dos concellos de Cervantes, A Cañiza e Cambados. Pero a súa entrada na política partidaria chegou antes, da man da sección xuvenil do PP. Se tiña 14 anos cando o seu pai foi elixido senador, unha década despois, en 1993, el xa presidía as Novas Xeracións en Pontevedra

Rueda non só dirixiu a campaña contra PSdeG e BNG en 2009 senón que a continuaría desde a Xunta para asegurarse de que tardasen anos en levantar cabeza

Deixou a función pública municipal e entrou na política institucional autonómica a finais dos 90 da man do daquela conselleiro de Xustiza e Interior, Xesús Palmou, que o fixo xefe do seu gabinete. E en 2000, con 32 anos, foi nomeado director xeral de Administración Local, cargo que ocupou ata que Fraga foi apartado da Xunta en 2005. Aquel nomeamento no fraguismo faino, tras a marcha de Feijóo, o segundo alto cargo máis veterano da administración galega, tras o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, no cargo desde 1999.

A traxectoria dos primeiros anos de Rueda presenta unha clara diferenza coa de Feijóo, que naceu sete anos antes nunha familia dos Peares sen tanta implicación política e que asegura que a comezos dos 80 mesmo votou a Felipe González, antes de chegar ao seu primeiro cargo institucional de nomeamento político con 30 anos, como secretario xeral da Consellería de Agricultura.

O Rueda director xeral de Administración Local con Palmou como conselleiro e o Feijóo conselleiro de Política Territorial e vicepresidente de Fraga foron afastados da Xunta no verán de 2005 polo goberno de coalición de PSdeG e BNG encabezado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Menos dun ano despois, en xaneiro de 2006, Feijóo substituía a Fraga na presidencia do PPdeG e nomeaba a Rueda, con 37 anos, sucesor de Palmou na secretaría xeral. 

Comezaba aí, xunto cun reducido e moi novo equipo da máxima confianza de Feijóo, o longo proceso de desgaste de Touriño e Quintana que culminaría coa dura campaña electoral de 2009. Dirixida por Rueda e autorizada por Feijóo, ou consentida por Feijóo e executada por Rueda e o seu equipo no PPdeG, non remataría coa recuperación da Xunta senón que continuaría desde ela para asegurarse de que socialistas e nacionalistas tardasen anos en levantar cabeza.

Toma de posesión de Alfonso Rueda como conselleiro en 2009 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Xa como conselleiro de Presidencia, e ademais de facer oposición da oposición, Rueda daría orde de empregar recursos da Xunta para investigar unha suposta “trama agraria”, como a denominou, coa que acusou o PSdeG de tratar de obter votos na emigración a través do sindicato Unións Agrarias. As manobras simultáneas da consellería que el presidía e do PPdeG do que era secretario xeral naquel caso, que a Audiencia Provincial da Coruña acabaría arquivando en 2014, supuxeron unha das máis claras ocasións en que a oposición pediu a dimisión de Rueda. Pero Feijóo seguiuno premiando, en 2012 co seu ascenso a vicepresidente único da Xunta, ata que decidiu repartir xogo entre máis persoas.

Director xeral de Administración Local en 2000, a marcha de Feijóo déixao como o segundo alto cargo do fraguismo máis veterano na actual administración galega, ao que engade ser conselleiro desde 2009 e quen máis tempo, xunto con Feijóo, compaxinou escano no Parlamento, requisito para ser presidente

En 2016 Rueda foi a solución elixida para tentar resolver o problema crecente de perda de votos e poder que segue a ter o PP na provincia de Pontevedra, en gran medida froito da expansión de Abel Caballero en Vigo e a súa área de influencia engadida á consolidación do BNG na capital provincial. En 2015 o PP perdera a Deputación de Pontevedra que ata daquela presidía Rafael Louzán, despois condenado por prevaricación mentres estaba no cargo. 

Louzán deixou tamén a presidencia provincial do partido a comezos de 2016 e Rueda foi o recurso do que tirou man Feijóo, ao tempo que sorprendía aos seus poñendo na secretaría xeral do PP a un pouco coñecido Miguel Tellado. Neste tempo nin Rueda conseguiu reverter a perda de votos e a división interna na provincia de Pontevedra nin Tellado foi quen de achegarse ao peso político que tivo Rueda na secretaría xeral do PP.

En 2020 Rueda aínda vería como o protagonismo que tivera no partido e na Xunta se dilúa algo máis coa nomeamento dun segundo vicepresidente do Goberno galego, Francisco Conde, con competencias nas áreas económicas. Aínda así, o menor carisma e proxección mediática de Conde seguen facendo de Rueda o claro número 2 de Feijóo. 

Alfonso Rueda presidindo o Consello da Xunta do pasado 24 de febreiro en ausencia de Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

El foi a figura que todos tiveron claro no PP que partía con máis vantaxe para facerse coa sucesión na Xunta cando Feijóo confirmou que marchaba a Madrid a substituír a un Pablo Casado que fora a elección de Rueda en 2018. Rueda xa se viña facendo cargo da presidencia en ausencias por viaxes do seu titular, é xunto coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, o único que leva no Goberno galego desde 2009, e quen máis tempo, tras o propio Feijóo, compaxinou un posto no executivo cun escano no Parlamento, condición para poder ser elixido presidente. 

Nas mans de Rueda quedará, como novo presidente, fixar a data das próximas eleccións, nas que como presidente do PPdeG tamén será o seu candidato

Agora tócalle asumir a presidencia do Goberno galego tras a dimisión de Feijóo, que aínda non ten data. Terá que defender un programa de goberno no Parlamento co que ser elixido presidente para o que queda de lexislatura, que acabará como moi tarde a mediados de 2024 ou cando el queira desde o momento en que ocupe a presidencia. Nesas eleccións o candidato popular será quen sexa presidente do PPdeG, posto para o que tamén Rueda é o elixido polos baróns e Feijóo como nome de unidade e para evitar bicefalias. Un proceso no que o presidente ourensán, Manuel Baltar, foi clave ao amosarlle o seu apoio expreso e deixar así sen marxe de manobra ao presidente coruñés, Diego Calvo, máis reticente. Está por ver a cambio de que, despois de que o propio Baltar advertise previamente de que fará valer o seu peso no novo PPdeG.

Tamén está por ver, e talvez se comece a apreciar nos seus próximos discursos parlamentarios, con que perfil exercerá Rueda a súa presidencia. Por feitos como a campaña de 2009 -non tivo problemas en chamar “caradura” ao ex-presidente Touriño polo seu uso do coche oficial pero emprega el mesmo o de vicepresidente da Xunta para acudir a un acto do PP-, ou as intervencións que desde o partido asumiu como a voz que facía oposición da oposición, deixando a Feijóo o papel presidencial, Rueda foi identificado como o home duro do PPdeG. Una visión que se dilúe nas distancias cortas, onde presenta un trato máis próximo e persoal que o de Feijóo, con risos e expresións coloquiais máis acaidas e frecuentes. 

Rueda é afeccionado ao ciclismo (tanto de estrada como de montaña), correr, as motos e as cañas CC-BY-SA Imaxes da Xunta e de @ARueda68, montaxe de Praza.gal

Ao ata agora presidente non se lle coñecen moitas afeccións máis alá do seu gusto polo mar, pero de Rueda abondan as imaxes correndo, en bicicleta, en moto ou tomando cañas. Hai quen di que se foi moderando co tempo, e aínda que outras fontes seguen sen ter claro se o seu é cinismo ou retranca, si que amosa os seus sentimentos moito máis ás claras que o seu antecesor. Será o sexto presidente da Xunta, o cuarto de ideoloxía conservadora pero o primeiro xurdido das Novas Xeracións do PP. O home de partido que sucederá ao tecnócrata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.