Javier Guerra e Elena Muñoz, previamente enfrontados entre si e os dous con derrotas ás súas costas, encabezan unha candidatura apoiada por outros cargos públicos fronte aos movementos de Marta Fernández-Tapias co apoio de Alfonso Rueda
Na semana previa a que o PSdeG revele nas súas primarias o alcance da súa división interna, o PP de Vigo vén de lembrar que nesa cidade as cousas funcionan ao revés que a nivel galego e alí a escenificación das disensións internas é cousa da dereita. Este martes os ex-conselleiros Javier Guerra (de Economía entre 2009 e 2012) e Elena Muñoz (de Facenda entre 2012 e 2015), os dous con escano no Senado, encabezan no Faro de Vigo a presentación do que denominan unha candidatura de unión no PP local, en mans dunha xestora desde o último dos varios afundimentos electorais que vén sufrindo fronte a Abel Caballero, con 20 concelleiros socialistas fronte a 4 populares.
A candidatura a dirixir o partido en Vigo que agora lanza Guerra con Muñoz preséntase no medio de comunicación hexemónico na cidade despois de que nas últimas xornadas a delegada da Xunta nesa área metropolitana, Marta Fernández-Tapias, que conta co apoio do vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, veña publicitando tamén diversos encontros coa militancia.
A unión de Guerra e Muñoz polo control do PP de Vigo prodúcese despois de que os dous se enfrontasen entre si no pasado e os dous fosen derrotados dun ou doutro xeito. Tras deixar de ser conselleiro en 2012 e pasar a ocupar un escano no Parlamento de Galicia, Guerra non logrou que Feijóo o elixise como candidato á alcaldía da cidade, reto para o que nas municipais de 2015 o presidente decidiu prescindir da ata daquela conselleira Elena Muñoz. O resultado foi que Caballero pasou de 11 a 17 edís e o PP de 13 a 7.
Un ano despois, en 2016 o congreso local do PP enfrontou a Muñoz con Guerra, cun resultado de 420 a 320 votos respectivamente, derrota que levaría ao tamén empresario a coquetear con Ciudadanos ata que finalmente Feijóo o incluíu nas listas ao Senado. E no Senado acabaría tamén Muñoz cando tras as súas segundas eleccións municipais, en 2019, o PP baixou aínda máis, de 7 a 4 escanos, e Abel Caballero pasou de 17 a 20.
Tras esas municipais de 2019 os cargos de poder no PP de Vigo quedaron divididos. Feijóo deu o control da xestora do partido a nivel local á ex-alcaldesa Corina Porro, hoxe deputada no Parlamento de Galicia. O voceiro municipal pasou a ser o ata daquela director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, Alfonso Marnotes, que ía no posto 20 da lista popular e para cuxa entrada na Corporación tiveron que renunciar a ser concelleiros outros 16 compañeiros situados por diante súa. A delegación da Xunta na cidade está en mans de Marta Fernández-Tapias grazas ao apoio de Rueda, do que fora directora xeral de Administración Local. Ao igual que Rueda vén de nomear ao Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, coordinador e enlace entre a súa dirección provincial do PP e o partido na área de Vigo e E a Autoridade Portuaria, outro dos postos de poder que o PP adoita empregar na cidade, foi parar hai un ano para o ex-conselleiro de Sanidade e ex-alcalde de Baiona Jesús Vázquez Almuiña.
A candidatura que encabeza Guerra conta tamén co apoio de cargos que nos últimos tempos perderon protagonismo, como Teresa Egerique, Diego Gago ou Alfonso Marnotes
A este panorama engádese que varios cargos públicos que no pasado parecían gañar proxección na cidade deixaron de ter tanto protagonismo público, como a deputada no Parlamento de Galicia Teresa Egerique, filla de Pablo Egerique, antigo home forte do PP na cidade, ou Diego Gago, que chegou a ser presidente de Nuevas Generaciones e hoxe ocupa un escano no Congreso, os dous agora na candidatura de Guerra e Muñoz, ao igual que Marnotes. Pola contra, a principal cara coñecida nos actos internos que ata o de agora está a protagonizar Fernández-Tapias é o ex-rexedor e ex-conselleiro Manuel Pérez, histórico apoio de Xosé Cuiña fronte a Feijóo no proceso de sucesión de Fraga. Na principal cidade de Galicia, a que o presidente da Xunta e do PPdeG, considera a súa cidade, os marcos non paran de moverse no partido da dereita.