Comesaña pasa nun ano de conselleiro independente de Sanidade a coordinador do PP en Vigo

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, será coordinador da comarca de Vigo na nova executiva do PP de Pontevedra que preside Alfonso Rueda CC-BY-SA Xunta de Galicia

Cando o nomeou hai un ano Feijóo salientou a “traxectoria profesional” deste licenciado en Física que leva década e media ascendendo por diversos postos da sanidade galega 

Na mesma semana en que o presidente Feijóo anunciou que os seus conselleiros e conselleiras que tamén tiñan un escano no Parlamento de Galicia o deixaban para centrarse no seu traballo na Xunta outro dos membros do Goberno galego que non era deputado, o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de ser nomeado polo presidente do PP provincial de Pontevedra e tamén vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, coordinador e enlace entre a súa dirección e a comarca de Vigo.

Xusto un ano despois de ser nomeado conselleiro por un Feijóo que gababa a súa “traxectoria profesional” e defendía que o seu goberno primaría “o traballo e a xestión e coa defensa dos intereses de Galicia por riba de calquera outra consideración”, Comesaña asume agora responsabilidades nun partido no que comezou a militar nos últimos meses.

Equipo directivo de Alfonso Rueda á fronte do PP de Pontevedra no congreso provincial celebrado a pasada fin de semana © PP

Julio García Comesaña (Vigo, 1968) é o primeiro conselleiro de Sanidade desde 1996, con Romay Beccaría, que non é médico de carreira, senón licenciado en Física, malia que a súa traxectoria sempre estivo ligada á actividade sanitaria como especialista en radiofísica hospitalaria. Chegou a postos inferiores de xestión e dirección hospitalaria en Vigo en 2005 e, tras pasar tamén por cargos centrais no Sergas, en 2015 foi nomeado director de Procesos Asistenciais da área sanitaria viguesa. 

Seguiu ascendendo e en marzo de 2018 asumía a xerencia da área sanitaria de Ourense, posto no que estaría pouco máis dun ano ata que en xullo de 2019 volvía novamente a Vigo xa como máximo responsable da área, nunha operación na que intercambiou o posto co seu antecesor e previamente xefe Félix Rubial, moi contestado. Un ano máis tarde era nomeado conselleiro e neste tempo as súas iniciais intervencións nun segundo plano tras os grandes anuncios que durante a pandemia veu asumindo Feijóo en persoa foron gañando independencia. 

No seu novo cargo no PP, Comesaña non só deberá lidar co partido nunha cidade onde afundiu ata o 13% dos votos nas últimas municipais, senón tamén coas habituais discrepancias internas na comarca

Comesaña chegou a enfrontarse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, por cuestións non sanitarias como a ordenación do tráfico na cidade cando a masiva afluencia de persoas ao centro de vacinación que habilitou Sanidade no recinto feiral da cidade colapsou a veciña AP-9. Agora, tras o congreso provincial do PP que esta pasada fin de semana revalidou a presidencia de Alfonso Rueda, o partido vén de establecer unha estrutura pola que, xunto á vicepresidenta Nidia Arévalo, tamén alcaldesa de Mos; o secretario xeral Luis López, tamén delegado da Xunta en Pontevedra; e oito vicesecretarías sectoriais, a executiva provincial “contará con coordinadores comarcais, que servirán de enlace entre a dirección e cada comarca. É para ese posto na comarca de Vigo para o que Rueda vén de elixir a Comesaña.

No seu novo cargo no partido, Comesaña non só deberá lidar coa cidade de Vigo, na que o PP afundiu ao 13% dos votos nas municipais de 2019 e as súas caras visibles están divididas entre a ex-alcaldesa e agora deputada Corina Porro á que Feijóo encargou a xestora da dividida agrupación local, o voceiro no Consello, Alfonso Marnotes, e a delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias. Tamén deberá asumir unha comarca na que é habitual que cargos populares dun concello discrepen de compañeiros seus do concello veciño. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.