En abril de 2015 a daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, facía oficial o nomeamento do seu director xeral de Asistencia Sanitaria como novo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, a área sanitaria viguesa. A Félix Rubial corresponderíalle poñer en marcha o proxecto sanitario estrela do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, o novo hospital vigués. Poucos meses despois a cuestionada Mosquera caía no marco dunha profunda crise de goberno propiciada por Feijóo tras os malos resultados do PP nas municipais daquel ano e despois sucedía o mesmo coa práctica totalidade da cúpula da área sanitaria de Vigo agás Rubial, que agora si deixa Vigo por ser enviado á xerencia da área de Ourense.
Nestes catro anos a xestión de Rubial estivo arrodeada pola controversia e as peticións de dimisión tanto polo seu labor en Vigo como polos ecos do seu traballo na Consellería. A apertura do Álvaro Cunqueiro estivo acompañada por múltiples controversias, dende a redución de camas á realización de resonancias magnéticas nun camión, os altos prezos do aparcadoiro ou a aparición do fungo Aspergillus nas instalacións en pleno proceso de traslado de doentes. Como pano de fondo, o sistema público-privado co que o hospital fora construído e aberto.
Rubial "pilotou" a apertura do Álvaro Cunqueiro entre múltiples protestas e é un dos dous cargos do Sergas investigados no caso da Hepatite; agora intercambia o seu posto co xerente de Ourense, que fora parte do seu equipo en Vigo
O nome de Rubial repetíase nas consignas dalgunhas das manifestacións do sector máis multitudinarias da historia da autonomía -mobilizacións "irresponsables", segundo Feijóo- cando, en abril de 2016, Rubial foi citado como investigado -antiga imputación- no caso dos presuntos atrasos de tratamentos de Hepatite C. Durante a instrución xudicial, que continúa en marcha, tanto Rubial como a ex-subdirectora de Farmacia do Sergas, tamén investigada, defenderon que a súa actuación foi "dilixente" e só guiada por criterios médicos, o cal non comparten as familias das persoas falecidas.
A Xunta coida que Rubial "culmina unha exitosa etapa de catro anos" na área viguesa
Unha ollada ben distinta sobre esta case media década é a que ofrece este venres a Consellería de Sanidade para anunciar o nomeamento de Rubial como novo xerente da área ourensá e a súa substitución por Julio García Comesaña, que deixa ese posto na área ourensá para regresar como máximo responsable da EOXI a Vigo, onde xa fora parte do equipo de Rubial. "Félix Rubial culmina unha exitosa etapa de catro anos durante a que pilotou na área de Vigo o proceso de reordenación asistencial máis complexo que se ten acometido en España", di sanidade nun comunicado.
Neste sentido, a Xunta considera que Rubial logrou "consolidar o modelo de especialización avanzada dos hospitais Nicolás Peña, Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro". Mentres, agrega, "na atención primaria incrementouse a capacidade resolutiva dos centros de saúde e concretouse a construción de novas infraestruturas na área de Vigo".
A Atención Primaria, precisamente, é segundo o Sergas a causa última deste intercambio de postos: é aprobada, di, no marco dunha aposta por "adaptar a dirección das dúas EOXI aos obxectivos de completar a integración da Atención Primaria e a atención hospitalaria e a implantación efectiva do Plan Galego de Atención Primaria. Un dos conflitos que deixa Rubial en Vigo é, precisamente, nos centros de saúde, inmersos nunha nova vaga de mobilizacións nas que a súa dimisión vén sendo un dos puntos fixos nas táboas reivindicativas.