A vixilia que este luns á noite levou a cabo persoal dos PAC en varias cidades deu inicio a outra semana de protestas na sanidade pública galega. Profesionais dos Puntos de Atención Continuada de todo o país concentráronse para lembrar que levan 18 meses mobilizados e máis de cinco de folga. Fixérono xusto antes de que este martes comezase outra, a dos médicos de Atención Primaria da área de Vigo, onde a dimisión dos xefes de servizo prendera a mecha definitiva do conflito sanitario.
Persoal dos PAC deu inicio na noite do luns a unha semana de mobilizacións, con folga de dous días dos médicos de Atención Primaria en Vigo ou unha marcha de persoal eventual do Sergas
Autoorganizados na área viguesa tras amosar o seu rexeitamento á desconvocatoria dos paros que xa estaban previstos en abril en toda Galicia, compañeiros doutras áreas saen á rúa tamén estes días no seu apoio e contra a deterioración do sistema. Ao tempo, e na mesma xornada, o sindicato Prosagap manifestábase en Santiago na IV Marcha d@s Eventuais, en protesta pola precariedade e situación temporal que afecta maioritariamente a enfermería, que tinguiu de negro as últimas oposicións, pero que, advirten, é un problema “en todas as categorías”.
Foi na área sanitaria de Vigo tamén, en decembro de 2017, onde naceu o movemento PACs en Pé de Guerra que convocou as vixilias e que leva desde aquela denunciando “sobrecarga asistencial”, a “conxelación” desde 2010 de complementos de festividade e nocturnidade ou un cómputo de xornada que “penaliza os períodos de baixa e permisos retribuídos”.
Persoal dos PAC denuncia que a Consellería é "un muro" que fai "oídos xordos" ás súas demandas
Foi nese punto onde encallaron as negociacións co Sergas para pór fin a unha folga que non ten efectos reais sobre os pacientes ao ter uns servizos mínimos do 100%. Acadados moitos dos obxectivos na mobilización, o resultado da consulta feita entre o persoal foi o non á fin do paro e as críticas a unha Consellería que “é un muro” e fai “oídos xordos ás peticións dos traballadores en relación ao cómputo da xornada” que, din, “están avalados por sentencias favorables do TSXG”, e “persiste nun regateo cos complementos conxelados”.
Mentres o persoal reclama unha xuntanza con Sanidade, esta responde lembrando que cumpriu con “nove das once reivindicacións” formuladas e que a suba retributiva acordada polo traballo nos festivos e domingos tradúcese, de media, en 2.000 euros anuais máis.
Pero non é o único conflito que o Sergas afronta. O dos médicos de Atención Primaria leva meses e nin o último millonario plan presentado nin a negociación aberta no novo Consello Técnico frearon o malestar. Durante a mañá a folga foi "moi seguida", acadando máis do 90% de seguimento, segundo o comité de folga, aínda que o Sergas rebáixao a menos do 40%.
En comparecencia pública, este comité insistiu en denunciar a "sobrecarga asistencial" e a deterioración da asistencia sanitaria, con cupos moi elevados e falta de medios. Ademais, advertiron de que o primeiro paso da Administración debería ser a dimisión do xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, e que apoian a folga para toda Galicia o vindeiro 19 de xuño convocada pola Asemblea e Áreas Sanitarias.
Os médicos en folga advirten de que é "imposible que o conflito se solucione se non dimite" o xerente da área sanitaria de Vigo
"A xerencia dixo en público, tras a nosa dimisión, que faltabamos á verdade", explicaron os médicos en folga en rolda de prensa, para engadir que cren "imposible que o conflito, polo menos en Vigo, se solucione sen que dimitan". "Non imos negociar con esta xerencia; se queren tirar cara adiante, o primeiro que teñen que facer é marchar", insistiron tras lembrar que a postura "non é cousa dun grupiño" de profesionais, sneón "de todo o colectivo unido".
Están chamados ao paro 540 facultativos baixo o lema Pola dignidade da Atención Primaria, cunhas 30.000 citas que poden verse afectadas nestes dous días e cuns servizos mínimos do 35% en medicina familiar e do 65% en pediatría. Convocada polos médicos en asemblea, CIG e O’Mega apoian a folga mentres outros sindicatos e colectivos agardan respostas inmediatas da Consellería. Houbo concentracións, tanto en Vigo como noutras localidades galegas, que seguirán nas vindeiras horas.
A IV Marcha d@s Eventuais percorreu Santiago reclamando "condicións de traballo dignas" e "estabilidade": "Non somos os escravos de ninguén"
Mentres os centros de saúde sufrían as primeiras consecuencias da folga na área de Vigo, en Santiago, unha marcha de persoal eventual do Sergas percorría as rúas contra a precariedade e en protesta pola situación de temporalidade e incerteza constante. “Conselleiro mentireiro” ou “Feijóo escoita, eventuais en loita” foron algunhas das proclamas dun colectivo que cre que “é o momento” de seguir coas reivindicacións agora que lograron colocalas “no debate” e despois do éxito e a repercusión das mobilizacións da enfermería en Silleda.
“É a hora de insistir con máis forza, de deixar claro que merecemos unhas condicións de traballo dignas, que merecemos estabilidade, que merecemos que se nos trate en igualdade, que somos traballadores da sanidade pública e non os escravos de ninguén”, di Prosagap, o sindicato convocante, que denunciou tamén o "secuestro" de prazas públicas da sanidade galega por parte da Xunta.