O 24 de abril de 2015, un mes antes das eleccións municipais, a Consellería de Sanidade organizou en Vigo a toma de posesión do novo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, a área sanitaria viguesa. A daquela titular da Consellería, Rocío Mosquera, situara no posto a Félix Rubial, ata ese momento director xeral de Asistencia Sanitaria. Este nomeamento transcendía, con moito, os trámites ordinarios da administración sanitaria: A Rubial corresponderíalle poñer en marcha o proxecto estrela de Alberto Núñez Feijóo neste eido, o novo hospital Álvaro Cunqueiro, cuxas obras a Xunta daba por rematadas aquela xornada. Un ano despois, Rubial vén de ser citado como investigado -antiga imputación- por prevaricar co atraso dos tratamentos da hepatite C e o hospital vigués acumula polémicas polas súas deficiencias.
A chegada de Rubial ao seu novo posto foi, dalgún xeito, premonitoria do que estaba por vir no Cunqueiro, ollado con lupa dende que a Xunta decidiu construílo e poñelo en marcha a través do modelo público-privado. Celebrouse entre apupos e protestas de parte do persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Vían no novo xerente un representante da "nefasta xestión" da conselleira, entre a que citaban fitos que implicaran directamente a Rubial, como a retirada do laboratorio central do proxecto do novo hospital ou a redución da poboación de referencia para os hospitais vigueses.
A Xunta encomendoulle a Rubial a posta en marcha do novo hospital de Vigo
Este é o pano de fondo co que, con Rubial á fronte, a finais de agosto comezaba o traslado de doentes ao novo hospital. Entre protestas pola redución de camas, a realización de resonancias nun camión ou altos prezos do aparcadoiro, o proceso tiña que deterse bruscamente apenas dous días despois de iniciarse pola presenza de Aspergillus nas instalacións. O falecemento dunha doente ingresada no hospital por mor, precisamente, deste fungo -a Xunta desmentiu "categoricamente" que o contaxio se producise no Cunqueiro- fixo que entre persoal e doentes medrase unha indignación que, a comezos de setembro, desembocaba nunha multitudinaria manifestación polas rúas de Vigo que para Feijóo só cabía definir como "irresponsabilidade".
O pasado novembro o Sergas substituíu a cúpula sanitaria viguesa pero mantivo a Rubial no seu posto
A presións sobre Feijóo, Mosquera e Rubial aumentaba mentres o persoal do Cunqueiro os responsabilizaba directamente do que definían como un verdadeiro "caos" derivado, entre outros aspectos, da falta de recursos humanos e dunha inauguración que, ao seu xuízo, se producira ás présas por motivos políticos. Esa presión tentou aliviala o presidente a comezos de outubro cando, coa investigación sobre o tratamento da hepatite C xa en marcha, decidiu a destitución da conselleira de Sanidade dentro dunha crise de goberno máis ampla.
O elixido para poñerse á fronte da Consellería de Sanidade foi Jesús Vázquez Almuíña, exalcalde de Baiona pero tamén médico procedente da área viguesa. Un dos primeiros lumes que tivo que apagar foi a rebelión dos xefes de servizo do novo hospital, que manifestaban a súa "perda de confianza" no equipo directivo liderado por Rubial, quen era avalado case instantaneamente polo propio Feijóo. Apenas unha semana despois a Xunta relevaba a cúpula sanitaria viguesa: seis directivos perdían os seus postos pero Rubial seguiu á fronte. "Sinto non terlles dado o gusto aos sindicatos", ironizou o xerente, quen afirmaba que nin se lle "pasara pola cabeza" a posibilidade de dimitir.
O pasado marzo Rubial ameazou con sancións o persoal que criticou as deficiencias do Cunqueiro
No inicio de 2016 non cesou a controversia en torno ao hospital de Vigo. O último episodio protagonizado directamente por Rubial foi a censura das protestas do persoal por parte do propio Félix Rubial que, como informou Praza.gal, o pasado marzo comunicaba aos profesionais do Cunqueiro a retirada de carteis de protesta que colocaran no centro e ameazaba, ao tempo coa imposición de sancións a quen reiterase as críticas en público. A citación en calidade de investigado polo presunto atraso dos tratamentos da hepatite C complica agora aínda máis a situación do xerente, que o vindeiro 12 de maio se enfrontará a unha nova manifestación contra a súa xestión e na defensa do rescate da concesión do hospital vigués.