0 Gardados para despois

O positivo por asperxilo dunha falecida no novo hospital aumenta a polémica en Vigo

Redacción | @prazapublica

A morte dunha doente cunha grave patoloxía hepática cuxas análises deron un resultado positivo para asperxilo está a avivar aínda máis a polémica arredor do novo hospital de Vigo. A muller de 65 anos morreu debido a un fallo multiorgánico pero non parece que o fungo fose a causa do seu falecemento, algo que asegura o Sergas, que nega "categoricamente" que paciente ningún morrese "infectado" por un asperxilo adquirido no Álvaro Cunqueiro. Ademais, pide tranquilidade, garante a seguridade medioambiental en todas as áreas en activo do centro de Beade e ordenou non ingresar máis xente na UCI, cuxa única ocupante era a devandita persoa. 

A muller, falecida tras un grave problema hepático, deu positivo por asperxilo

O ruxe-ruxe xurdiu na tarde deste pasado mércores, cando fontes do novo hospital aseguraban que as análises á falecida deran positivo por asperxilo, mentres outras non podían confirmalo e reclamaban cautela e prudencia para evitar a alarma social, sobre todo entre os 250 pacientes ingresados e as súas familias. A muller falecida sufría unha grave doenza hepática, pero o pasado luns detectóuselle un problema nos pulmóns, polo que se solicitaron probas nas que se comprobaron infiltrados alveolares. Efectuóuselle un aspirado traqueal e o resultado deu positivo en asperxilo. 

Falta unha segunda proba en sangue que determinará se era a proba a que estaba contaminada ou e mesmo se a muller desenvolvera a enfermidade -asperxilose-, que puidera ser a causa da súa morte, algo sobre o que fontes sanitarias so moi cautas e sobre o que advirten tamén que pode que nunca se saiba xa que non se lle vai realizar a autopsia. 

Saber se o asperxilo foi adquirido no novo hospital, algo que nega rotundamente o Sergas, é complicado

Coñecer agora se o asperxilo foi adquirido no novo hospital de Vigo é complicado e hai que ter en conta que o fungo é habitual en moitas persoas, aínda que só afecta os enfermos inmunodeficientes. O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, descartou na Cadena SER que a doente fose contaixada no Álvaro Cunqueira e antes xa advertira que esta afirmación é "infundada, inadmisible e obedece só a interese por cerar a alarma". 

Máis aló da polémica e a posible alarma social, o caso chega en medio do caos que está a supoñer a xestión do novo hospital de Beade e o traslado de pacientes, paralizado o pasado venres ao non se poder garantir ao 100% a calidade do aire nas áreas sen abrir. As sospeitas de asperxilo, dadas por feito por GCiencia, aumentaron a preocupación, uníndose ao "escurantismo" do Sergas que critica a xunta de persoal do centro. 

As análises detectan case un centenar de unidades de colonias de asperxilo por metro cúbico en quirófanos e UCI, onde deben ser cero, segundo 'GCiencia'

Precisamente, segundo GCiencia, cultivos realizados detectaron múltiples fungos, entre eles o Aspergillus fumigatus, o que maior número de infeccións causa. Malia que o único valor de bioseguridade admisible nun quirófano desta clase de fungo é cero ufc (unidades formadoras de colonias), as análises revelan cantidades superiores a 40 ufc e nalgún caso próximo a 100.

O PSdeG pide a Sanidade que proceda á "evacuación inmediata" de todos os pacientes inmunodeprimidos

Malia todo, o PSdeG xa pediu á Consellería de Sanidade que proceda á "evacuación inmediata" de todos os pacientes inmunodeprimidos do novo hospital, aqueles que poden ser afectados polo asperxilo, algo que non levará a cabo a Xunta. Asegura o partido que o único que fai é trasladar unha petición dos profesionais do complexo, que esixen esta medida "por precaución" e para "evitar un mal maior". Ademais, reclaman que sexa Feijóo quen "se poña agora mesmo á fronte deste problema" e volve reclamar a súa comparecencia. Os socialistas, xunto con BNG e AGE, volveron reclamar tamén a marhca de Rocío Mosquera. 

A alarma polo asperxilo pode ser entendible, máis en Vigo. En 1998, no hospital do Meixoeiro, o fungo provocou a morte de seis persoas logo dunha infección producida nun quirófano da unidade de cirurxía cardíaca, que estaba xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec). Aquela crise vinculouse a unhas obras xunto a este quirófano, aídna que a súa orixe segue a ser descoñecida tras acabar o caso nos tribunais. 

Ademais, a nova problemática chega a poucas horas da manifestación que este xoves a partir das 20 horas percorrerá as rúas de Vigo en defensa dun hospital "100% público" e con todos os medios, ademais de para denunciar a caótica situación que se deu co traslado e coas deficiencias que denuncian traballadores e usuarios. Prevese unha marcha histórica e xa hai oito autocares confirmados que chegarán de diferentes localidades da área sanitaria. Ademais, plataformas de SOS Sanidade Pública doutros municipios, como da Coruña, Ourense e Compostela, xa apoiaron a mobilización. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.