0 Gardados para despois

O descarnado relato desde dentro do "caos" do novo hospital de Vigo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


No mesmo día e case á mesma hora na que Feijóo asegura no Parlamento que vai "rescatar o hospital de Vigo das mentiras da oposición", un grupo de traballadores e pacientes do Álvaro Cunqueiro (HAC) compareceron ante os medios para relatar as súas vivencias en primeira persoa no novo centro sanitario de Beade. Nin foi a oposición, porque ningún deles era político, nin os sindicatos os que o fixeron. Mesmo entre bágoas e emocionados explicaron a "caótica situación" que viven nunha infraestrutura da que enumeraron e explicaron múltiples deficiencias e "riscos" para doentes e persoal tras deixar claro que o facían como profesionais e usuarios do Chuvi. E o que explicaron foi impactante. 

Profesionais e pacientes relataron durante máis de dúas horas a "caótica situación" do novo hospital e as múltiples eivas que sofre

Falaron unha matrona, unha enfermeira de Cardioloxía e outra da UCI, un radiólogo, unha técnica de Anatomía Patolóxica, outro do laboratorio, unha enfermeira, un celador e unha paciente do oncolóxico. Durante máis de dúas horas e, en varios casos, con bágoas nos ollos. En resumo, denuncian a escaseza de equipamentos e material, as deficiencias no deseño das infraestruturas, a falta de persoal ou a descoordinación. E en definitiva, definiron a situación dun hospital "que non estaba preparsdo para o traslado" e que sufriu as présas e os "problemas loxísticos e de concepción" para un centro que, en conclusión, segue en obras. Así o di o doutor Sáez ou unha matrona que fala claro: "Hai asperxilo porque está en obras; primeiro hai que rematar o centro, despois facer a hixienización e controis e logo os traslados; non poden trasladar pacientes antes que o material".

Así, o doutor Sáez, do servizo de Radioloxía, que advirte dos "problemas diarios" que vai seguir tendo o HAC se continúa a "mala planificación e a infinidade de defectos" que di que existen. O traslado, segundo anunciou a Xunta, pretende reanudarse o vindeiro luns 21 e este traballador xa avisa de que debería "garantirse a asistencia radiolóxica" porque o centro quedaría con tan só dúas unidades para os pacientes, incluídos os ambulatorios, polo que os problemas poderían espallarse pola área sanitaria. Ademais, alerta dunha dotación de tres TACs, "unha delas de gama moi baixa, do tipo que venden en Vietnam ou Cambodja". 

"É un hospital que non estaba preparado para o traslado", di un médico; "hai asperxilo porque aínda está en obras", asegura unha matrona

O doutor Sáez aclara que non hai risco para os pacientes, pero que si haberá un problema coas listas de espera polas insuficientes salas de Radioloxía e porque hai equipos -como os de resonancia- que deben ser "moi testados antes de poñer en marcha o hospital" e que aínda non chegaron. Todo, lembra, mentres a conselleira de Sanidade di que é o centro sanitario "mellor dotado". 

No mesmo sentido se expresou Rosa, matrona desde hai 31 anos no Xeral, que aclara que a súa área "non cumpre os requirimentos minimos" ante a "indiferenza entre os responsables". Esta traballadora relatou todas as eivas da área de obstetricia, como na zona de urxencias, que di ser "de pena". "Temos seis salas e ningunha ten baño pero si hai unha mesa de deseño que non se precisa", explica, tras asegurar que "é imposible" que o hospital "estea deseñado por xente profesional da sanidade". Ademais, censura a insuficiencia de persoal ou a ausencia de baños para lavar os neonatos. Mesmo di que a sala onde se gardan as cuñas sucias está ao carón de "onde se lavan os cirurxáns que van facer unha cesárea"

Os traballadores denuncian falta de baños, tomas de auga ou material. "É unha improvisación total", aseguran

O relato de Inés, enfermeira que xa participou no traslado do Meixoeiro, non cambia moito. Fala de "improvisación total", suciedade en moitas áreas e ausencia de material como desfibriladores. "Chegou co último paciente e é algo vital porque salva vidas", di. Tamén denuncia a falta de medicación e asegura que ela e outros compañeiros chegaron a trasladar menciñas nos seus coches particulares. Timbres que non funcionan, escaseza de tomas de auga ou UCIs non operativas son outras das queixas desta profesional que cre que terían que "ter chamado ao xulgado, ao notario ou a un medio de comunicación" para que comprobase unha situación vivida enter "o abandono". "Noso e dos pacientes porque aos responsables só lles importaba o tempo", insistiu. 

 

"Aquí desaprendín a facer todo o que sei"

Modesta, pola súa banda, leva desde 1974 no laboratorio do Xeral e cre que no novo hospital volveu atrás. "Creo que desaprendín a facer todo o que sei", dixo entre bágoas. Fala de falta de espazo -"nun habitáculo de 3x6 e sen fiestras van meter tres camas para enfermos que poden estar catro horas"-, de material almacenado en caixas ou de falta de enchufes. E denuncia "problemas moi gordos" como unha suposta desconexión de tanques onde había células de médula ósea. "Levo 40 anos ano Xeral e vivín obras mesmo de quitar escaleiras e nunca pasou o que aquí pasa", resume. 

"No Xeral había 60 dietas e aquí non chegamos a 10", di unha enfermeira que denunciai a mala calidade da comida

Pilar, enfermeira do hospital de día, di estar "preocupada pola cuestión humana" e denuncia a falta de intimidade, ausencia de luz para picar os pacientes, o deterioro das duchas, a mala calidade da comida -"no Xeral había 60 dietas e aquí non chegamos a 10"- ou a falta de cobertura de móbil ou internet. "A xente está moi enfadada e o persoal fai de parapeto; tamén hai quen ten medo a falar, sobre todo os que non teñen praza fixa no hospital", insiste esta profesional nunha reflexión que tamén fixeron varios compañeiros. 

Outra compañeira enfermeira, Anusca, tamén foi crítica ao advertir da ausencia de toma de auga na UCI, onde traballa, o que levou a que se fixesen obras mentres traballaban os profesionais, separados dos obreiros tan ó por uns plásticos. Mentres, Miguel, un dos celadores, aclarou que xa hai presentada unha denuncia pola "usurpación de funcións" que sufriu o seu colectivo, pondeo en risco datos moi "sensibles" como historias clínicas dos pacientes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.