Vigo volverá saír á rúa pola sanidade pública o 12 de maio

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG

O 3 de setembro do pasado ano ao redor de 200 mil persoas manifestáronse en Vigo polas deficiencias que presentaba a atención sanitaria na comarca e contra os recortes aplicados no novo hospital Álvaro Cunqueiro. A masiva marcha e o malestar xeneralizado acabaron por forzar a destitución da daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. O vindeiro 12 de maio a poboación de Vigo e a súa área metropolitana está chamada a unha nova marcha de protesta, convocada pola Xunta de Persoal da área sanitaria e por SOS Sanidade Pública, que fará fincapé no rescate para o sistema público do CHUVI, construído mediante un mecanismo público-privado de financiamento, cuxa legalidade está a estudar a Comisión Europea. A manifestación partirá da Praza de España ás 20 horas e rematará na Porta do Sol.

As voces que reclaman este rescate son cada vez máis numerosas. A pasada semana a oposición en pleno votou a favor dunha moción presentada por AGE neste senso, atopando o voto contrario do Partido Popular a recuperar a propiedade e a xestión públicas do centro cun pagamento de 70 millóns de euros. E en febreiro 300 médicos do Hospital Álvaro Cunqueiro demandaron, co apoio da AGDSP, o rescate da concesión e a recuperación do proxecto orixinal, para superar os problemas que presentan as instalacións baixo o modelo público-privado. A loita por recuperar o carácter público do Álvaro Cunqueiro chegou tamén ao Congreso, onde o pasado mércores En Marea presentou unha proposición non de lei solicitando que se anule a adxudicación do centro á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo -liderada por Acciona-, ao considerar que "vulnera a lexislación sobre contratos de colaboración público-privada pois non garante a igualdade na concorrencia das empresas aos contratos do Estado".

"Yo por ir al medico al cunqueiro y meixoeiro no pago nada, no entiendo lo de rescatemos la sanidad publica 100% pública". No evento do Facebook que serve de difusión á marcha do 12 de maio o comentario dun internauta amosa o nivel de desinformación existente sobre o funcionamento do sistema público-privado escollido para a construción e a xestión do Álvaro Cunqueiro. Canto lle custa aos galegos e galegas a actual situación do CHUVI? De non levarse a cabo o rescate (ou a anulación da adxudicación), ata o ano 2034 a Xunta deberá pagar máis de 1.300 millóns de euros en forma de canon anual. Só neste ano 2016 a Xunta deberá pagarlle á empresa concesionaria do hospital de Vigo un total de 69 millóns de euros, 42 polos prazos pendentes da factura da construción do centro e outros 27 como canon pola prestación de servizos non clínicos.

De non levarse a cabo o rescate (ou a anulación da adxudicación), ata o ano 2034 a Xunta deberá pagar máis de 1.300 millóns de euros en forma de canon anual

Outra cuestión son as numerosas deficiencias que presenta o novo hospital de Vigo, motivadas en boa medida pola modificación do proxecto orixinal do CHUVI, e en xeral as eivas que presenta a atención sanitaria na área viguesa, denunciadas en moitas ocasións nos últimos meses. Entre estas eivas destacan o deterioro da Atención Primaria na cidade (pola "mala planificación na asignación territorial dos Centros de Saúde" e pola paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria que contemplaba construír catro novos centros de saúde: O Calvario, Seara, Balaídos e Bouzas) e as listas de espera, as maiores de Galicia.

Tamén a redución do número de camas nos hospitais; as camas de hospitalización pasaron de 1.450 (1.239 de hospitalización convencional) a 845, ás que habería que engadir 71 camas no Hospital do Meixoeiro (pasaron de 418 a 347) e 52 no Nicolás Pena (baixaron de 120 a 68), co que o recorte final foi de 517 camas. Os organizadores demandan igualmente a recuperación do proxecto de Hospital Estratéxico para a área Sur de Galicia, que devolva ao CHUVI os servizos de referencia trasladadas a Santiago.

 

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG
Manifestación de SOS Sanidade Pública en Vigo © CIG
Cartel da manifestación © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.