0 Gardados para despois

AGE pide o rescate do Hospital de Vigo nun tenso debate que acaba coa expulsión de Beiras

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O portavoz parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, acabou expulsado do pleno do Parlamento, nun debate no que a formación de esquerdas propuxo o rescate do Hospital de Vigo, a través do pagamento dos 70 millóns de euros que achegaron as concesionarias privadas, para evitar a "peaxe na sombra" que esta instalación supón para as contas públicas galegas. Ata o ano 2034 a Xunta deberá pagar máis de 1.300 millóns de euros en forma de canon anual.

Beiras pechou a súa intervención dirixíndose aos deputados do PP: "A súa derrota é inexorable, con Beiras ou sen Beiras, pola cidadanía que está farta de vostedes. Por isto van levar unha labazada e entre todos botarémolos do país"

Na súa segunda intervención, trala réplica do popular Javier Dorado, Beiras dirixiuse aos deputados do PP, aos que lles dixo que "a súa derrota é inexorable, con Beiras ou sen Beiras, pola cidadanía que está farta de vostedes. Sábeno e por iso están amarrados aí". "Vostedes antepoñen o seu enfeudamento cos sátrapas que estafan a toda a cidadanía do Estado español, eses corruptos, á súas obrigas cos cidadáns e cidadás que os votaron. Por isto van levar unha labazada e entre todos botarémolos do país", concluíu. Nese momento, e encamiñándose cara o exterior do hemiciclo, increpou no seu escano ao voceiro do PP, Miguel Tellado. O presidente da cámara, Miguel Santalices, chamou a Beiras á orde e expulsouno aplicando o artigo 108 do regulamento da cámara (promover "desorde grave coa súa conduta"). O portavoz de AGE perde durante 15 días os seus dereitos parlamentarios, polo que neste tempo deixará de percibir a metade do seu salario e non poderá asistir ás sesións da cámara.

A expulsión de Beiras desviou e ao mesmo tempo atraeu de forma sobresaliente a atención sobre o debate que viña de producirse, no que AGE realizou unha proposta detallada para o rescate da xestión do hospital vigués, apostando por mercar a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, achegando os 70 millóns que pagaron as empresas que a conforman (Puentes y Calzadas, Acciona, Veolia e Concessia Cartera), a cantidade que figura no balanzo da sociedade como diferenza entre o valor do activo e o valor do pasivo esixible. Segundo destacou Beiras a proposta é mesmo xenerosa con estas empresas, pois existen numerosas razóns que "xustificarían a anulación do contrato", entre elas os atrasos no remate das obras (as empresas tiñan que entregar a obra en 31 meses e tardaron 46).

O pagamento desta cantidade evitaría un longo proceso xudicial que de seguro se produciría en caso de anular o contrato e, ademais, busca evitar a "peaxe na sombra" que esta instalación supón para as contas públicas galegas. Beiras lembrou que o propio Consello de Contas, nun informe de 2012, alertaba de que o sistema de financiamento do hospital de Vigo “comprometía as contas do Sergas”, pois ata o ano 2034 a Xunta deberá pagar máis de 1.300 millóns de euros en forma de canon anual. Cómpre salientar que no último ano a débeda sanitaria de Galicia se incrementou nun 133%, pasando dos 176 millóns de euros de decembro de 2014 aos 411 millóns de decembro de 2015. Neste 2016 a Xunta deberá pagarlle á empresa concesionaria do hospital de Vigo un total de 69 millóns de euros, 42 polos prazos pendentes da factura da construción do centro e outros 27 como canon pola prestación de servizos non clínicos. As deficiencias no servizo emprestado na área sanitaria de Vigo levaron á rúa a case 200 mil persoas o pasado mes de setembro, nunha das maiores manifestacións dos últimos anos na cidade

Ata o ano 2034 a Xunta deberá pagar máis de 1.300 millóns de euros en forma de canon anual. No último ano a débeda sanitaria de Galicia se incrementou nun 133%, pasando de 176 a 411 millóns

Os case 70 millóns de euros que AGE propuxo investir corresponden aos 31.523.000 euros do capital social da concesionaria máis outros 38.004.303 das achegas complementarias por vía de crédito que as empresas realizaron á concesionaria. A proposta de AGE mesmo contempla o pagamento duns intereses do 2,5% polo tempo que mediou desde o seu investimento polos socios ata o seu reembolso pola Xunta. Todos os grupos da oposición (PSdeG-PSOE, BNG e Grupo Mixto) apoiaron a proposta de AGE, fronte ao voto negativo do PP, con maioría absoluta na cámara.

A Comisión Europea estuda a denuncia presentada pola AGDSP por posibles ilegalidades na adxudicación do Novo Hospital de Vigo pola Xunta empregando a fórmula de financiamento público-privado

Neste 2016 (antes do mes de setembro) a Comisión Europea estudará a denuncia presentada pola Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) por posibles ilegalidades na adxudicación do Novo Hospital de Vigo pola Xunta de Galicia empregando a fórmula de financiamento público-privado. Hai uns meses José Emilio Santiago (AGDSP) destacaba en conversa con Praza que "se se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e para proceder a un rescate da concesión" e que "o mellor que podería facer a Xunta sería rescatar o hospital para o sistema sanitario público, que non sería tan caro, pois a maior parte do financiamento é público". Hai tan só un mes 300 médicos do Hospital Álvaro Cunqueiro demandaron, co apoio da AGDSP, o rescate da concesión do novo hospital de Vigo e a recuperación do proxecto orixinal para superar os problemas que presentan as instalacións baixo o modelo público-privado.

 

Beiras é expulsado da sesión parlamentaria na que AGE pide o rescate do Hospital de Vigo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.