A sombra do Aspergillus aumenta as eivas do novo hospital de Vigo

Protesta de persoal do hospital durante a visita da conselleira © SAGAP

As análises microbiolóxicas realizadas no recentemente inaugurado hospital de Vigo revelan a existencia de numerosas colonias de distintos tipos de Aspergillus, segundo asegura GCiencia citando fontes hospitalarias. O pasado venres, o Sergas decidiu paralizar o traslado ao novo centro hospitalario de Beade tras a aparición de xermes en zonas de novas unidades e ata que se garanta a "máxima seguridade" a través de novos controis microbiolóxicos que se están levando a cabo. 

As análises microbiolóxicas revelan a existencia de Aspergillus, segundo adianta 'GCiencia'

Segundo GCiencia, e a falta de que se elabore o informe definitivo, os resultados preliminares xa confirmaron a presenza desta clase de fungos -Aspergillus- en distintas zonas do centro, no que o pasado venres quedaron suspendidos os ingresos de pacientes e se pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e determinadas unidades especialmente sensibles.

Segundo este medio, as fontes sanitarias descartan que exista risco de contaxio para os pacientes ingresados, xa que todas as zonas contaminadas permanecen clausuradas e son obxecto de traballos de desinfección, pero o positivo nas análises si que son un importane atranco para o plan de apertura do Álvaro Cunqueiro, xa que a súa orixe se atribúe a unhas obras que aínda están lonxe de finalizar totalmente. A diferenza das bacterias, que resultan admisibles ata un determinado número de colonias por metro cúbico, o Aspergillus nun centro hospitalario debe ser cero, de acordo coas recomendacións da Sociedad Española de Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica, segundo aclara GCiencia

O Aspergillus é un patóxeno ben coñecido en Galicia, xa que en 1998, no hospital do Meixoeiro, en Vigo, provocou a morte de seis pacientes e unha grande alarma social. A infección polo fungo produciuse no quirófano 11 da Unidade de Cirurxía Cardíaca, que estaba xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec).

Ante a "alarma creada entre a poboación", o BNG xa vén de solicitar no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre este asunto e a privatización do control e supervisión do hospital. Sería, a aparición do Aspergillus, a "proba evidente dunha  mala calidade na construción e a falta de equipamentos e servizos”. Ademais, a xunta de persoal do hospital solicitou a convocatoria "urxente" do Comité de Saúde Laboral tras criticar a "opacidade" do Sergas, que non nega a aparición do fungo pero se remite aos resulados definitivos das análises. 

Os problemas non rematan aí, nin moito menos. Ás denuncias de traballadores por aparición de ratos, pingueiras ou desperfectos únense tamén as de pacientes e usuarios que relatan incomodidades ou a imaxes dun teito desprendido e de cuartos enchoupados. Os sanitarios critican tamén as "eivas" en canto a persoal e materiais cando faltaban poucos días para un traslado definitivo que agora está paralizado, polo menos toda esta semana. Ademais, as resonancias séguense a facer, cando menos ata outubro, nun camión aparcado no exterior do centro hospitalario e os elevados prezos do párking -12 euros por día sen alternativa gratuíta- continúan centrando moitas das críticas. 

SOS Sanidade pública pide a "paralización total" do traslado porque "as présas só eran políticas"

SOS Sanidade Pública, ao igual que xa fixeran o BNG ou AGE a pasada semana, pide "a paralización total" do traslado ao novo hospital por falta de garantías sanitarias e de seguridade. "Non hai présa porque as présas eran políticas e o que era unha arma electoral viróuselles en problema electoral", asegura Manuel Martín, voceiro do colectivo, que cre que o adiamento da mudanza ao novo centro hospitalario non é máis que "a constatación" do que a súa asociación "leva denunciando desde hai meses". "O peor de todo é que xa o advertimos e que as deficiencias non só non se arranxaron senón que aumentaron", insiste. 

"O que era unha arma electoral viróuselles en problema electoral"

"Non é ningunha sorpresa o que está a pasar; o que si é sorpresa é que nin a Consellería de Sanidade, nin o Sergas nin a empresa concesionaria corrixiran nada e non dean explicación ningunha. A Xunta ten que ser transparente porque se está a crear unha importante alarma social que aumentará se non se explican as cousas", insiste o voceiro de SOS Sanidade Pública, que reclama tamén que se abra unha comisión de investigación para analizar toda a problemática, que se elabore un plan de emerxencia para arranxar as deficiencias máis urxentes e que se anule o contrato coa firma concesionaria "por incumprimento". 

Esta última reclamación será tamén a que SOS Sanidade Pública realice ante a Comisión Europea esta mesma semana, onde intentará que Europa tome cartas nun asunto que desembocará nunha gran manifestación o vindeiro día 3 de setembro. Esa era a data prevista para a finalización do traslado definitivo ao Álvaro Cunqueiro e data elixida par aunha marcha convocada pola xunta de persoal da área sanitaria viguesa e apoiada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública. Pedirá deter os recortes e reclamará "un hospital 100% público, sen menos camas e con laboratorio central" no que será -ou debería ser- o centro de referencia para todo o sur de Galicia.

SOS Sanidade Pública reclama unha comisión de investigación e un plan de emerxencia que arranxe as deficiencias urxentemente

A polémica polas deficiencias e graves problemas co traslado fixeron incrementar a indignación social e son xa varios os colectivos en defensa da sanidade pública da comarca, así como formacións políticas e plataformas sociais, os que apoian unha marcha para a que se fletarán autobuses desde diversas localidades. 

Por outra banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, considera que a máis que posible "contaminación" por fungos no hospital é "un grave erro" e unha "conxuntura inadmisible". Ademais, dixo que as "deficiencias estruturais gravísimas" como a "ausencia" dun laboratorio central ou a paralización do traslado son "dunha gravidade extrema"

A conselleira Mosquera, no novo hospital de Vigo © Xunta
Protesta de persoal do hospital durante a visita da conselleira © SAGAP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.