O pasado 8 de outubro cumpríronse catro anos dende que Gonzalo Caballero logrou a secretaría xeral do PSdeG tras impoñerse nas primarias a Juan Díaz Villoslada con case o 60% dos votos e unha participación do 63,8% sobre o total da militancia que tiña dereito ao voto naquel proceso. O vindeiro día 30, a militancia socialista galega volve estar chamada ás urnas para decidir se Caballero continúa na secretaría xeral ou é substituído por Valentín González Formoso.
Metidos de cheo na campaña oficial das primarias, aínda que cando menos parte da correlación interna de forzas pode lembrar vagamente á de hai catro anos, o clima entre contendentes é sensiblemente máis tenso. O contexto político xeral é tamén notablemente diferente: o PSOE goberna agora en España e a dirección federal do partido non semella influír para desequilibrar a balanza a prol de Caballero, un dos puntais galegos da campaña interna coa que Pedro Sánchez recuperou o liderado da formación naquel mesmo 2017.
Dende ambos equipos aseguran que cadansúas intensas axendas de encontros con militantes arrecenden a vitoria. O actual secretario xeral e aspirante á reelección coida que esa "forza da militancia" é a que lle vai permitir volver gañar, porque as bases do partido queren "avanzar, non retroceder" e para iso, di, cómpre reforzar o seu proxecto para un PSdeG "de esquerdas, galeguista, ecoloxista e feminista".
Gonzalo Caballero pide o apoio para ser reelixido na secretaría xeral e "avanzar pola esquerda e da man das bases" no canto de "retroceder cara a outros modelos"
Coida Caballero que, fronte ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, el non ten "máis mochila" que esa "forza da militancia". Por iso, asegura, a disxuntiva interna do día 30 é "avanzar pola esquerda e da man das bases" ou "retroceder cara a outros modelos". A súa contorna defende que un triunfo de Formoso implicaría moderar as mensaxes en clave centrista e apoiar o partido nun agregado de "baronías" locais, no canto de na construción dun proxecto galego.
Neste sentido, Formoso lembra que el mesmo xa gañou eleccións primarias -no seu caso, na provincia coruñesa- e que "os socialistas do século XXI non falamos nin de baronías nin de conceptos doutras épocas", senón de "políticas progresistas". A súa candidatura, mantén, quere construír un proxecto gañador fronte ao PP para que o PSdeG poida volver gobernar Galicia, mais tamén sintoniza co espírito de "unidade" que, asegura, presidiu o recente congreso federal do PSOE, que reelixiu a Sánchez e integrou no seu equipo a dirixentes noutrora na órbita de Susana Díaz. "Algún compañeiro volveu de Valencia sen entender a mensaxe", sinala Formoso en referencia velada a Caballero.
Formoso defende que "os socialistas do século XXI non falamos de baronías" e asocia a Caballero cun "conformismo" que "pode levarnos á irrelevancia"
O dirixente das Pontes asegura que concorre á secretaría xeral porque "o conformismo pode levarnos á irrelevancia" e a "conformarse" con ser "segunda ou terceira forza". Neste sentido, asegura que o seu decálogo como secretario xeral incluiría accións como "unha conferencia política anual para elaborar propostas estratéxicas para Galicia", un "plan de revitalización e fortalecemento do PSdeG" para incrementar o número de militantes ou a constitución dun "consello nacional de alcaldes, alcaldesas e portavoces da oposición" do PSdeG para incorporar á liña política do partido en Galicia esas experiencias municipais.
Alén de todos estes aspectos, os resultados electorais do PSdeG nas últimas convocatorias son o outro gran pano de fondo das primarias. Mentres que Gonzalo Caballero resalta que no seu mandato o partido avanzou en todas as convocatorias e mesmo obtivo unha "histórica" primeira posición en Galicia nas xerais do 28 de abril de 2019, partidarios de Formoso reprochan á actual Executiva Nacional o mantemento da terceira posición no Parlamento de Galicia, onde o lixeiro avance en porcentaxe de votos en 2020 non serviu, tras o reconto definitivo, para sumar máis escanos aos 14 logrados por Leiceaga en 2016.