Gonzalo Caballero acusa a Formoso de manter unha actitude de "convivencia" co PP e de ser o responsable do "retroceso" do PSdeG na provincia da Coruña
Gonzalo Caballero ergueu o ton na campaña das primarias do PSdeG. O secretario xeral dos socialistas galegos e aspirante á reelección acusou o seu rival no proceso interno, Valentín González Formoso, de manter unha actitude de "convivencia" co PP e con Feijóo, así como de ser o responsable do "retroceso" do partido na provincia da Coruña nas últimas eleccións autonómicas.
Así o declarou Caballero durante unha rolda de prensa este luns no Parlamento, na que insistiu en que a imaxe de Formoso "de ganchete" con Fejóo nalgúns actos durante os últimos anos "desdebuxan" a capacidade do PSdeG para amosarse como alternativa ao PP en Galicia.
Case ao mesmo tempo, desde Betanzos, Formoso apelaba ao "carácter práctico" á hora de aplicar o ideario "socialista" que teñen os concellos que goberno o PSdeG e que, segunod dixo, deben ser o exemplo a seguir pola dirección galega.
Un deses "bo exemplos" e que "o socialismo non só se predica, senón que, sobre todo, se practica", é o da alcaldesa de Betanzos, María Barral, a quen visitou Formoso, rexedor tamén das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.
Formoso reivindica as políticas municipais do PSdeG e que a "fórmula" de concellos, grandes cidades e deputacións é "aplicable tamén na Xunta de Galicia"
Para o aspirante a liderar o PSdeG, as "políticas socialistas" que se aplican en Betanzos "desde hai décadas" representan "os alicerces fundamentais" do ideario do partido "máis auténtico", como son a "redistribución" da riqueza, a fiscalidade "progresiva" ou "a protección dos máis desfavorecidos e a loita pola igualdade de oportunidades". "Políticas que permiten cambiar a vida da xente" e que, ao seu xuízo, é o importante das políticas socialistas.
"Do mesmo xeito que esta fórmula é aplicable nun concello, nas grandes cidades e nas deputacións, tamén o pode ser na Xunta de Galicia", engadiu Foromos, que lembrou que o fundador do PSOE, Pablo Iglesias, "dixo claramente" que era necesario aplicar unha "visión práctica" da política e non "recrearse exclusivamente" na "grandeza" das ideas.
Desde Santiago, Caballero acusou a Formoso do "retroceso" do PSdeG na provincia da Coruña nas últimas eleccións autonómicas e destacou que o desa circunscrición electoral foi "o peor resultado" de todas.
"Quen ten que explicar a situación é quen quere dirixir o partido", engadiu Caballero en alusión a Formoso, de quen di que representa un proxecto "máis conservador" e de maior "convivencia" con Feijóo. "Un sistema mási de cadros e baronías que de militancia", insistiu, tras aclarar que el, pola contra, representa unha aposta pola "esquerda, o galeguismo e o ecoloxismo".