PSA deberá entregar os vehículos, híbridos enchufables da marca de alta gama DS, antes do 21 de xaneiro
O Goberno galego fixo públicos este martes os documentos de formalización dos contratos coas dúas empresas financeiras, dos grupos PSA e BBVA, que lle subministrarán baixo a figura de arrendamento financeiro ou leasing con opción de compra 191 novos vehículos de todo tipo [aquí as características de toda a contratación]. Entre eles están os novos vehículos oficiais de representación do presidente e os conselleiros e conselleiras, híbridos enchufables, dos que agora se sabe que serán de cor negra, como o viñan sendo ata agora, agás o do presidente, un DS-9 E-Tense de cor azul escura do que a Xunta deberá dispoñer antes do 21 de xaneiro.
No caso dos novos vehículos de representación do Goberno galego, que inclúen a berlina DS-9 E-Tense para o presidente e doce SUV DS-7 Crossback para os conselleiros, o contrato foi adxudicado a PSA Financial Services Spain EFC, S.A. A firma forma parte do grupo Stellantis que ademais da marca DS, que ela mesma denomina “premium” ou de alta gama, fabrica Citroën ou Peugeot.
O contrato agora feito público foi formalizado o 21 de decembro, data a partir da que empeza a contar o prazo de 30 días para que a empresa entregue os vehículos á Xunta. O documento tamén permite coñecer por primeira vez a cor dos novos vehículos, que non se indicaba nin nos pregos de condicións fixados pola Xunta nin no que ela mesma fixo público das ofertas presentadas polas empresas candidatas. Así que é agora cando se sinala que o DS-9 que segundo a propia Xunta será empregado polo presidente será de cor azul e os vehículos tipo SUV para os conselleiros serán negros.
Segundo a páxina web da marca DS, que permite configurar os seus vehículos, para o DS-9 hai dispoñibles as cores midnigth blue, negro perla, gris platino, crystal pearl e branco nacarado. A nova cor azul escura supón unha mudanza a respecto dos coches oficiais que viñan empregando os presidentes da Xunta nos últimos anos, de cor negra cando menos desde os últimos anos da presidencia de Manuel Fraga, que nos seus primeiros anos si empregou un Volvo azul. Os dos conselleiros, pola contra, seguirán sendo negros, como ata agora.
A Xunta pon o foco en que “a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos” e di que agora hai un 89% menos con “coche e condutor en exclusiva” que durante a coalición de PSdeG e BNG, pero en renovacións previas o Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou
Como avanzou Praza.gal, detallando a marca e modelo dos 191 vehículos que se alugarán, a Xunta lembra que “a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos, senón que se estende a toda a Administración co obxectivo de incrementar a seguridade dos desprazamentos do persoal, reducir os gastos correntes en combustible e reparacións e reducir as emisións ao medio ambiente de gases e partículas contaminantes”, di a Xunta, que remata salientando que “polo tanto, a maioría dos novos vehículos serán para desprazamentos do persoal da Xunta no cumprimento das súas funcións, e tamén para labores de repartición de correspondencia e portes”. En anteriores renovacións do parque móbil o Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta.