A Xunta aluga unha ducia de coches de alta gama doce anos despois da campaña do PP contra o "luxo" de PSdeG e BNG

Un dos vehículos cos que se fará a Xunta é un DS 9 E-Tense 225, híbrido enchufable, "berlina de alta gama", como o define a marca © DS Automobiles

O Goberno galego ultima un ‘leasing’ de 4 millóns de euros en catro anos por 191 vehículos de distinto tipo, entre eles varios de representación fabricados en China

A Xunta está a piques de adxudicar un contrato de leasing ou arrendamento financeiro para renovar parte do seu parque móbil con 191 vehículos de distinto tipo entre os que haberá unha ducia de coches de alta gama. O concurso público, dividido en varios lotes nos que non é posible identificar o custo do arrendamento de cada vehículo individualmente, xa conta con proposta de adxudicación. Será para o BBVA no caso de 106 vehículos. E para PSA Financial Services Spain EFC (o grupo empresarial de Citroën e Peugeot) noutros 85, entre eles os de gama máis alta, da marca DS, segmento premium do grupo francés Stellantis, que fabrica na China o DS 9 do que a Xunta se fai cunha unidade, e en China e en Francia o DS 7 do que recibirá varias unidades.

En total, o Goberno galego pagará algo máis de 4 millóns de euros, sen contar IVE, polo leasing dos 191 vehículos durante catro anos, segundo as ofertas finalmente seleccionadas e tras estar disposta a pagar ata os 5,45 millóns (sen IVE) de prezo de partida en que licitou o contrato. O concurso chega doce anos despois de que o PP recuperase a Xunta tras unha campaña na que acusou o anterior Goberno de coalición de PSdeG e BNG de entregarse ao “luxo” polos coches oficiais de marca Audi que empregaban.

Os populares recuperan esta estratexia cada certo tempo. Así está a ocorrer nos últimos días en Pontevedra, onde critican que o Concello mude o Audi con 24 anos de antigüidade que viña utilizando o alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, por outro vehículo da mesma marca por uns 60.000 euros.

Interior dun DS 9 nunha imaxe promocional da marca © DS Automobiles

A autorización para “renovar” parte do parque móbil da Xunta “con vehículos de etiqueta medioambiental cero ou eco”, como os publicitou, foi aprobada polo Goberno galego o pasado 15 de xullo nun Consello semanal que non estivo presidido polo presidente Feijóo -en Madrid na homenaxe de Estado ás vítimas da COVID- senón polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda. El foi quen explicou que o concurso buscaría vehículos híbridos ou eléctricos sempre que fose compatible co uso a darlles para “aumentar a seguridade, reducir os gastos correntes en combustibles e reparacións, reducir as emisións e cubrir as necesidades de mobilidade” da Xunta. “Seguimos buscando o que buscabamos nos dous primeiros plans, no do ano 2009 e no do ano 2011, que é reducir custos, racionalizar o servizo e ter un parque móbil sustentable”, argumentou.

A autorización para o concurso, publicitado como unha "renovación" de tipo "medioambiental", foi aprobada nun Consello da Xunta presidido polo vicepresidente Alfonso Rueda, non por Feijóo

O concurso foi convocado o 8 de agosto e aos seus varios lotes, con todo tipo de características técnicas e posibilidades de mellora por parte dos interesados, presentáronse ofertas de entidades financeiras ligadas á banca (BBVA, Caixa Rural Galega) ou a empresas automobilísticas (PSA Financial Services, Toyota Kreditbank). Pero é agora, ao rematar a valoración das ofertas, cando a Xunta revela os modelos que están detrás das características presentadas por cada empresa.

Polo primeiro lote, no que se inclúen 80 vehículos “híbridos conectables”, a Xunta pagará a PSA 2,32 millóns de euros. Nese lote, o Goberno galego definiu á súa vez características para cinco subtipos de vehículos, entre eles unha berlina de cinco prazas que finalmente será un DS 9 E-Tense de 225 cabalos. Un coche cuxo prezo, se a Xunta o mercase e non o alugase cun leasing como fai, estaría en arredor dos 60.000 euros, segundo as tarifas da propia marca, que o presenta como unha “berlina de alta gama”.

Xunto con el, recibirá dous DS 7 Crossback E-Tense de 300 cabalos e outros 10 de 225 cabalos, e dous Peugeot 3008 Hybrid tamén de 300 cabalos, vehículos todos eles que superan segundo as súas propias marcas os 40.000 e mesmo os 50.000 euros. Ademais, dentro dese primeiro lote tamén recibirá 65 Citroën C5 Aircross Hybrid de gama inferior.

PSA tamén está proposta como adxudicataria dun lote de cinco furgonetas eléctricas por 115.000 euros, que serán Citroën E-Berlingo, mentres que os outros dous lotes do concurso foron gañados por BBVA. O máis numeroso, para 95 vehículos híbridos non conectables, foi gañado polo banco cunha oferta de 1,42 millóns de euros que prevé o modelo Toyota Yaris Hybrid e coa que gañou a outras ofertas presentadas pola financeira do propio grupo Toyota e por Caixa Rural. BBVA tamén entregará outras 11 furgonetas diésel Peugeot por 200.000 euros.

Proposta de adxudicación dun dos catro lotes do concurso para un 'leasing' de vehículos para a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A documentación oficial non detalla o destino final de cada coche dentro do parque móbil da Xunta

Dentro do primeiro lote, o gañado por PSA, o número de cada tipo de vehículo de alta gama (unha berlina, dous SUV de 300 cabalos e os outros dez de 225 cabalos) lembra á configuración do Goberno galego coa presidencia, dúas vicepresidencias e nove consellerías. Non obstante, o concurso non detalla o destino final de cada coche dentro do parque móbil da Xunta. Praza.gal preguntou a pasada semana ao Goberno galego polo destino dos vehículos de alta gama e se van ser empregados polo presidente e os conselleiros pero aínda non obtivo resposta.

No parque móbil da Xunta, os vehículos de representación do Executivo teñen uns dez anos de antigüidade, cando se deixaron aparcados os anteriores Audi, mercados boa parte deles durante a presidencia de Manuel Fraga. Daquela, o Goberno de Feijóo fíxose con vehículos de representación da marca Citroën non fabricados en Vigo, senón noutras plantas do grupo PSA, ao contrario do que prometeran os populares durante a súa campaña contra o bipartito.

O Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforraron as mudanzas no parque móbil 

Tras chegar á Xunta, os populares tardaron varios anos en lograr desfacerse dos Audi, como prometeran. Logo de fracasar cunha poxa inicial, acabaron colocando en 2015 os 8 Audi que lle quedaban, todos mercados en tempos de Fraga, ao Banco Pastor nunha operación de arrendamento doutros 84 coches similar á actual. Sobre os sucesivos plans de renovación do parque móbil, o Consello de Contas acabou concluíndo a súa incapacidade para “verificar, de forma precisa” canto se aforrou. 

Un DS 7 Crossback nunha imaxe promocional da marca durante unha visita a China do presidente francés Emmanuel Macron, que o elixiu como coche oficial cando tomou posesión do cargo © DS Automobiles

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.