Alfonso Rueda será o novo presidente da Xunta e do PPdeG tras ceder o coruñés Diego Calvo e sumarse a Ourense e Lugo

Alfonso Rueda nunha das múltiples imaxes practicando deporte que comparte nas súas redes sociais © @ARueda68

O presidente do PP da Coruña di agora que Rueda "é a persoa idónea para asumir a presidencia da Xunta e do partido" tras ser o último barón en respaldalo como novo líder no goberno e no partido nunha xeira que iniciou e decantou Baltar

Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, presidente do PP de Pontevedra e home de confianza de Feijóo desde 2006 era a persoa mellor colocada e el será finalmente quen o substitúa tanto á fronte do Goberno galego como do PPdeG. Así o queren os outros tres presidentes provinciais do partido, Manuel Baltar por Ourense, Elena Candia por Lugo e Diego Calvo pola Coruña. Este último foi o máis reticente, e non fixo público o seu apoio ata a tarde deste mércores, cando os outros dous baróns e o propio Feijóo xa se pronunciaran en favor da “unidade” e de que unha mesma persoa asuma de xeito inmediato a dirección no partido e na Xunta.

Diego Calvo e Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo di agora Calvo, a súa postura sempre foi a de defender un congreso extraordinario que de forma rápida dese “liberdade aos afiliados para expresar a súa opinión”. “E é precisamente desde esa liberdade desde a que dou o meu apoio a unha posible lista de consenso e unidade encabezada por Alfonso Rueda”. “Creo que Alfonso Rueda é a persoa idónea para asumir a presidencia da Xunta e do partido", setencia agora Calvo

O luns a xunta directiva do PPdeG fixará a data do congreso extraordinario que dentro dun mes investirá o novo presidente do partido

Tras unhas primeiras declaracións de Baltar hai dúas semanas dando por feito que Rueda era a persoa mellor colocada para suceder a Feijóo na Xunta e advertindo de que no partido reclamaría que Ourense tivese o peso que lle corresponde, a pasada semana Calvo deixou no aire a posibilidade de que Rueda fose a persoa elixida. Este martes Baltar foi un paso máis alá e amosou expresamente o seu apoio a Rueda tanto para a Xunta como para o partido, decantando os apoios de xeito definitivo

Este mércores o propio Feijóo apelou á “unidade” do partido, avanzou que en cuestión de días será convocado un congreso extraordinario para decidir o futuro do partido -na tarde deste mércores anunciouse que o luns a xunta directiva do PPdeG fixará a data- e amosou a súa preferencia por que unha mesma persoa asuma os dous cargos que el deixa: “Quen ten responsabilidades de goberno o lóxico é que teña responsabilidade orgánica”. Feijóo tamén dixo que con toda probabilidade a súa sucesión na Xunta quedaría resolta antes que a do partido, pero segue sen concretar a data da súa dimisión.

Alfonso Rueda presidindo o Consello da Xunta do pasado 24 de febreiro en ausencia de Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras as verbas de Feijóo a presidenta lucense, Elena Candia, que ata agora non se pronunciara en ningún sentido argumentando que daría a súa opinión nos foros correspondentes do partido e que non a faría pública ata que estes así o decidisen, tamén amosou este mércores o seu apoio a Rueda como novo líder do PPdeG. “Se decide dar o paso, eu estarei ao seu lado e tamén o votarei na sesión de investidura cando chegue o momento”, dixo.

Finalmente a media tarde deste mércores Calvo acabou cedendo e fixo público un comunicado no que asegurou que o seu interese era que se celebrase un congreso extraordinario o antes posible no que a militancia puidese opinar, algo do que se congratula que vaia suceder. “E é precisamente desde esa liberdade desde a que dou o meu apoio a unha posible lista de consenso e unidade encabezada por Alfonso Rueda”.

“Creo que Alfonso Rueda é a persoa idónea para asumir a presidencia da Xunta e do partido, pois o mellor é que unha mesma persoa dirixa tanto o Goberno autonómico como o partido que o sustenta. En canto dea o paso, pode contar co apoio e a colaboración desde A Coruña, igual que fixemos sempre co presidente Alberto Núñez Feijóo”, remata o comunicado de Calvo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.