Cando Rajoy colaborou “na construción da autonomía galega”: A visión do ex-presidente no seu libro

Presentación do libro de Rajoy en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

As memorias céntranse en xustificar a xestión das crises económica e catalá, pero tamén ofrecen a súa opinión sobre feitos previos relacionados con Galicia, desde a censura contra Albor ata o 'Prestige', no que non ve “nin un só motivo” de crítica

Una España mejor, o libro co que Mariano Rajoy dá a súa visión da súa labor de goberno nos últimos anos, céntrase en xustificar a súa xestión das crises económica e catalá, pero tamén ofrece a súa opinión sobre algúns feitos previos relacionados con Galicia que marcaron a súa traxectoria política, desde a moción de censura contra Albor ata o Prestige, en cuxa xestión non ve “nin un só motivo” de crítica. Presentado o pasado luns en Santiago, repasamos as principais referencias a Galicia no libro de Rajoy.

Se no libro de Pedro Sánchez, Manual de resistencia, presentado a comezos de ano, o principal protagonismo da terra foi o inoportuno para o seu autor da data das autonómicas de 2016, presentadas como “outro obstáculo” para a gobernabilidade de España, no libro de Rajoy Galicia tampouco é o cerne da obra, pero aparece bastante máis na longa introdución do que foi a súa carreira política ata a súa chegada á presidencia do Goberno central en decembro de 2011 tras unha vitoria electoral que considera “o recoñecemento a toda unha vida dedicada á política”. 

“É indubidable que non cheguei á Presidencia do Goberno en 2011 por casualidade; probablemente a miña carreira política fose a máis extensa que tivo calquera Presidente do Goberno de España neste período democrático”, di Rajoy, para a continuación lembrar os seus comezos na política local pontevedresa. Do seu paso pola presidencia da Deputación, Rajoy lembra como exemplo de como calquera político en calquera posto pode “facer cousas útiles pola sociedade” a rehabilitación do castelo de Soutomaior, onde posteriormente o PP inauguraría durante anos cada setembro o curso político ata que “a chegada ao Goberno da Deputación do Partido Socialista trouxo consigo que tiveramos que abandonar aquela contorna para nós tan querida”. 

Imaxes do libro de Rajoy nas que aparece nun Consello de Ministros, con Feijóo no castelo de Soutomaior nun acto do PP e na mesa de idade do Parlamento de Galicia a comezos dos 80 CC-BY-SA Praza Pública

Do comezo da súa carreira nos anos 80 Rajoy salienta como clave para a consolidación do PP en Galicia a integración nas súas listas en 1983 dunha “maioría de alcaldes da UCD” e lamenta a imposición de candidatos desde Madrid

Unha época como político local da que Rajoy salienta como clave para a consolidación do PP en Galicia a integración nas súas listas en 1983 dunha “maioría de alcaldes da UCD”. “Se non o fixésemos, as cousas non terían ido así, e a miña carreira política sería doutra maneira. Non sabemos cal”, valora. Igualmente, algo máis adiante lembra que sufriu nas súas “propias carnes o tortuoso proceso para a elaboración das listas electorais da Coalición Popular, polo demais unha idea moi respectable, e a arrogancia con que se nos tratou naquel momento aos dirixentes territoriais do partido”, aos que, di, se lles “impuxeron” candidatos “con escasos méritos” por parte “dese concepto abstracto e indeterminado que se chama ‘Génova, 13’”, en referencia á sede central do partido en Madrid.

“Colaborar na construción da autonomía galega, ademais de constituír unha íntima reivindicación da figura do meu avó, axudoume a valorar máis as virtudes do modelo de Estado que consagra a nosa Constitución”

Na súa “vocación non planificada” Rajoy di que “algo influíu a lembranza do meu avó, Enrique Rajoy Leloup, concelleiro en Santiago e artífice principal, xunto con Alexandre Bóveda, da redacción do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia alá polo ano 1936”. Pero a continuación matiza que tanto o seu avó, represaliado, como o seu pai nunca falaron moito daqueles feitos, polo que “non se lles pode acusar nin a un nin a outro de alimentar o meu interese pola actividade política”. Porén, ao seu avó volve cando lembra o seu paso pola política autonómica, como deputado primeiro en 1981 e como vicepresidente do goberno de Albor en 1986. Da primeira etapa salienta que “asistir e participar naqueles plenos, cando tiña vinteseis anos, foi para min unha escola de política e de parlamentarismo do bo, absolutamente inesquecible e que me marcaría para o futuro”. E engade: “Colaborar na construción da autonomía galega, ademais de constituír unha íntima reivindicación da figura do meu avó, axudoume a valorar máis as virtudes do modelo de Estado que consagra a nosa Constitución”.

Rajoy considera "escasamente edificante" a moción de censura que apartou a Albor, do que era vicepresidente, pero rehabilita a figura do seu impulsor, Barreiro Rivas

Da súa segunda etapa autonómica, como vicepresidente de Albor, Rajoy mesmo chancea coa moción de censura que en 1987 os apartou da Xunta. “Fixen un maxisterio en peripecias políticas do máis accidentadas, incluída unha moción de censura que me enviou de volta ao rexistro da propiedade de Santa Pola. Curiosamente, moitos anos máis tarde, outra moción de censura me enviaría de novo a Santa Pola”, di. 

Daquela censura, tras eloxiar a Albor como “un galeguista convencido, un home que traballou pola concordia e o consenso”, Rajoy di que, ao igual que a que o apartou do Goberno en xuño do ano pasado, foi “lexítima” pero “escasamente edificante”. Asegura que ningunha das dúas estivo xustificada nin polo interese xeral “nin pola vontade dos votantes”, pero a continuación rehabilita a figura do home clave daquela operación, o seu antecesor como vicepresidente José Luis Barreiro Rivas, que abandonou a Albor para pasar a apoiar ao socialista González Laxe. Tras cualificar como “reconfortante” a aperta que Barreiro e Albor se deron hai uns anos na entrega dun premio, Rajoy salienta que “hoxe, José Luis Barreiro escribe nas páxinas de La Voz de Galicia -desde a súa ben gañada independencia- unha das columnas que analiza os avatares da política nacional con maior brillantez e agudeza”. Nada di Rajoy no libro da condena por prevaricación de Barreiro Rivas.

Sobre o 'Prestige' di que se o foco se puxo nos 'hilillos de plastilina' foi porque "no fundamental, isto é, na xestión da crise e as axudas aos afectados, non houbo nin un só motivo para a censura”

O outro gran momento que Rajoy dedica a Galicia nesa longa introdución que é a primeira parte do libro previa á súa presidencia do Goberno aparece cando lembra a crise do Prestige “cuxos hilillos de plastilina acompañáronme ao longo da miña carreira política”. Segundo a súa “modesta (e admito que pouco obxectiva) opinión [...] no fundamental, isto é, na xestión da crise e as axudas aos afectados, non houbo nin un só motivo para a censura”.

Fragmentos do libro nos que Rajoy conta a súa visión da crise do 'Prestige' CC-BY-SA Praza Pública

"Algúns puxéronse dos nervios", di Rajoy da vitoria do PP en Muxía tras o afundimento do 'Prestige'

Naquela crise, que tivo que xestionar como vicepresidente de Aznar, Rajoy salienta que viu “a cara máis perversa da política, aquela que sen o menor escrúpulo é quen de empregarse a fondo para obter rendementos electorais das desgrazas ou as catástrofes”. Sen identificar a ninguén, pero incluíndo tamén a algúns medios de comunicación, Rajoy engade que esa actitude “non sempre rende os resultados agardados” e lembra que pouco despois o PP foi quen de gañar as eleccións municipais en Muxía con maioría absoluta. “Algúns puxéronse dos nervios”, conclúe.

Noutra referencia xenérica aos medios de comunicación, Rajoy tamén di no seu libro que respecta a súa independencia. “Nin mangoneei nin compadreei, porque a experiencia ensinoume que, á larga, ambas condutas resultan inútiles. Non subordineei nin a miña estratexia nin as miñas decisións ao ditado dos medios de comunicación, pero tampouco os enganei nin os intentei intoxicar”, di, malia que ese tipo de actuacións si estiveron presentes en diversos departamentos do seu Goberno.

Rajoy dedica palabras de eloxio a Albor, Fraga, Romay e Pastor, pero a referencia a Feijóo é secundaria

Ademais dos seus comezos na política e a crise do Prestige, Rajoy tamén dedica no seu libro palabras de valoración de diversos políticos galegos cos que tratou. Ademais da antedita mención especial que dedica a Albor, Rajoy di de Fraga que foi “Ministro e Vicepresidente do Goberno de España” pero sen referirse ao franquismo e engade que posteriormente “fixo que Galicia vivira unha das mellores etapas da súa historia” ademais de considerar como “un dos máis destacados” dos seus “servizos a España” a creación do PP en 1989. Sobre Romay Beccaría, di que é, ademais dun político dun “gran nivel”, “unha persoa elegante e de vasta cultura, que foi un brillante ministro de Sanidade”. 

Pero as súas verbas máis persoais para un político galego son as que dirixe a Ana Pastor: “É a miña amiga desde hai anos, por eso nada me agrada máis que comprobar os eloxios que suscita a súa xestión nos variados cargos que lle tocou desempeñar ao longo da súa carreira. Sempre consegue mellorarse a si mesma, algo do que moi pouca xente pode presumir e que a min me causa sincera admiración”. Malia a antedita reflexión acerca do comportamento dalgúns políticos e medios nas catástrofes, e a que viviu de preto xunto con Pastor, cando ela era a súa ministra de Fomento, o accidente do Alvia en Angrois en 2013, nada di Rajoy no libro dese momento nin da xestión posterior do mesmo por parte da súa amiga.

Imaxes do libro de Rajoy, entre elas unha da visita de Merkel a Santiago na que di que os alemáns descubriron os percebes e os pementos de padrón e que "foi todo un acontecemento na cidade" CC-BY-SA Praza Pública

Fronte a esas valoracións doutros políticos, os dous únicos recoñecementos que fai Rajoy en todo o libro a Feijóo son mínimos. Cando fala das críticas internas que tivo xusto antes do congreso do seu partido en Valencia en 2008 no que foi reelixido á súa fronte, Rajoy salienta “o apoio de numerosos dirixentes territoriais que confiaron en min e apostaron pola miña continuidade: Javier Arenas e Paco Camps, que se envorcaron no meu apoio, pero tamén moitos outros como Juan Vicente Herrera, Alberto Núñez Feijóo, Pedro Sanz ou Ramón Luis Valcárcel estiveron comigo”. A outra única referencia a Feijóo é para citar a súa segunda vitoria electoral de 2012 e como tras ela o seu Goberno non pediu o rescate económico de España, como di que se sospeitaba que estaba a agardar á espera de que pasasen os comicios. A falta de protagonismo no libro, Feijóo foi o encargado o pasado luns de presentar a obra en Santiago, facendo así as veces da xornalista Mercedes Milá que presentara a comezos de ano en Madrid o libro de Pedro Sánchez.

“Se tivera que seleccionar unha das medidas do meu Goberno das que máis satisfeito me sinto citaría sen dubidar a reforma laboral”

Sobre a cuestión do rescate ou non de España, e a xustificación das súas políticas económicas, centra Rajoy o núcleo central do seu libro: “Non deixa de ser paradoxal que un Presidente de Goberno do Partido Popular se vira obrigado a acometer unha suba de impostos, nacionalizar boa parte do sistema financeiro do seu país e montar unha operación de endebedamento público para evitar a quebra dalgunha comunidade autónoma. Non está mal para Don Tancredo!”, resume. E engade que “se tivera que seleccionar unha das medidas do meu Goberno das que máis satisfeito me sinto citaría sen dubidar a reforma laboral”.

A parte final do libro dedícaa Rajoy a defenderse da moción de censura que apartou do Goberno tras ser condenado o PP por corrupción e a xustificar a súa actuación fronte ao nacionalismo catalán. Sobre a primeira, distánciase da mesma e limítase a dicir que “nalgún caso equivoqueime defendendo a persoas que sinceramente cría inocentes, e lamento non poder axudar máis a outras que si o era e que pasaron un auténtico calvario ata que resultaron exoneradas”.

Sobre o problema territorial Rajoy defínese "conservador no mellor sentido da palabra: non me nego aos cambios pero si aos saltos no vacío”

Sobre o problema territorial, Rajoy di que nunca se negou a unha reforma constitucional, pero só sabendo “que se quere facer, como se vai facer e contar xa cun amplo consenso para levalo a cabo”. “Asumo que este é un plantexamento conservador, pero eu son un conservador no mellor sentido da palabra: non me nego aos cambios pero si aos saltos no vacío”, conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.