Recordouno Nunca Máis e recórdao agora tamén Greenpeace. Os responsables políticos da catástrofe do Prestige non só non foron sancionados xudicialmente, senón que ascenderon ou continuaron coa súa carreira política, incluso acadando postos de responsabilidade máis altos que os que tiñan hai dez anos cando a marea negra de chapapote tinguía as costas e o mar galego.
Xusto dez anos despois, e coincidindo co inicio do xuízo na Coruña, tanto a plataforma cidadá como a organización ecoloxista lembran que os responsables políticos daquela desfeita ecolóxica non sentarán no banco dos acusados da vista que dá comezo este martes e na que os dous principais imputados son o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, e o ex director xeral da Mariña Mercante, López-Sors.
"A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume do 'señor de los hilillos", di Nunca Máis
Xa o lembraba Nunca Máis a pasada semana, cando os seus voceiros advertiron do feito de que dous dos xefes de executivos dos que na actualidade dependen os galegos tivesen na época do Prestige altas responsabilidades. "A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume do señor de los hilillos polas súas declaracións", dixo Xurxo Souto, en referencia a Rajoy, tras lembrar tamén que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, era daquela vicepresidente con Manuel Fraga. "Nós sabemos perfectamente quen é Rajoy e sabemos tamén ben que farían el e Feijóo se tivesen que volver actuar", aseguraron.
Agora, é Greenpeace quen fai un repaso ás actuacións das persoas que daquela tiñan responsabilidades tanto na xestión do accidente como da marea negra ocasionada por mor das decisións tomadas. A listaxe é grande e empeza, nada máis e nada menos, que co actual presidente do Goberno de España.
Mariano Rajoy
Mariano Rajoy era en novembro de 2002 vicepresidente e portavoz do Executivo, ademais de ministro da Presidencia. Foi o encargado de asumir a coordinación da xestión da crise e, como voceiro, acusado "de non informar axeitadamente á sociedade sobre os datos realis da catástrofe ambiental do Prestige". Para a posteridade quedan xa declaracións súas, como aquelas nas que aseguraba que a marea negra non alcanzaría as costas ou que do buque saían "pequeños hilillos de plastilina en estiramiento vertical".
Pero antes, sobre o 23 de novembro, aseguraba que o vertido "afectaba a unha parte importante da Coruña", pero que "non era unha marea negra", ademais de intentar tranquilizar á poboación explicando que "o fuel do Prestige" era "o menos tóxico de todos cantos vertidos sufrira Galicia". Ademais, tamén son lembrados os seus rexeitamentos da versión portuguesa da evolución da marea ou aquela frase do 4 de decembro, cando negaba que o cru chegase ás Rías Baixas, mentres milleiros de mariñeiros loitaban xa contra a marea negra cos seus propios medios. O 5 de decembro vese obrigado a recoñecer que o fuel seguía saínda do Prestige, aínda que o facía coa célebre frase dos "hilillos de plastilina". Tan só uns días despois, recoñece que eses fíos son 125 toneladas de fuel ao día.
"Ningunha das funcións que tiña outorgadas Mariano Rajoy daquela foi desempeñada con solvencia", denuncia Greenpeace
Para Greenpeace, "ningunha das funcións que tiña outorgadas Mariano Rajoy daquela foi desempeñada con solvencia, xa que como voceiro non informou nin comunicou á sociedade con claridade nin fundamento". Ademais, como ministro da Presidencia, "non foi capaz de coordinar os diferentes ministerios", o que provocou "unha xestión ineficaz da catástrofe".
"Nova anos despois -recorda Greenpeace- Mariano Rajoy foi elixido presidente do Goberno sen ter que responder por ningunha das súas faltas e erros cometidos nos seus cargos en 2002 e sen ter que personarse no macroxuízo que comeza o 16 de outubro".
Francisco Álvarez-Cascos
O presidente de FORO Asturias e ex presidente do Principado era en novembro de 2002 ministro de Fomento. Tal e como recorda Greenpeace, o seu departamento era "o responsable da elaboración e posta en marcha dos plans de emerxencia en caso dunha catástrofe como a do petroleiro". Malia aprobarse en 2001 o Plan Nacional de Continxencias por Contaminación Mariña Occidental, "ningunha das actuacións se levaron a cabo segundo este plan e a falta de coordinación foi espectacular".
Álvarez Cascos decidiu afastar o buque sen consultar con experto independente ningún
Ademais, e esa é a principal critica que recibe, nin expertos independentes nin profesores universitarios foron consultados á hora de decidir afastar o Prestige das costas, nunha iniciativa que non contou con ningún informe científico a favor.
“Asumo a ratificación de todas as decisión das capitanías, oídos os prácticos dos portos, e ausmo a responsabilidade de telas apoiado e de non ter introducido modificación ningunha" chegou a asegurar Cascos. Dez anos despois, será o daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, quen sente no banco dos acusados e cargue con toda a responsabilidade dunha decisión fatal para o desenlace da catástrofe. Nove anos despois, e tras fundar o seu partido, Álvarez-Cascos foi proclamado presidente de Asturias tras vencer nunhas eleccións, aínda que só duraría dez meses no cargo logo de convocar eleccións anticipadas.
Miguel Arias Cañete
Na época da catástrofe do Prestige, Arias Cañete era ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, e aínda que as súas competencias non debían ser importantes na xestión da marea negra, as súas decisións e opinións sobre o problema acabaron por enchelo de responsabilidades na xestión. Greenpeace acúsao de "minusvalorar a dimensión ambiental da catástrofe e de ser corresponsable coas decisións gubernamentais".
Arias Cañete asegurou no principio da catástrofe que os caladorios de pesca podería abrirse en quince días
Segundo a organización ecoloxista, a consecuencia das súas actuacións foi a "completa descoordinación coas consellerías de pesca, os pescadores, os mariscadores e os mariñeiros". Lémbrase cando, ao pouco de que o Prestige lanzara o seu primeiro SOS, Arias Cañete aseguraba que en quince días se poderían abrir os caladoiros de pesca.
“Co remolque do Prestige a augas internacionais conseguiuse evitar un desastre ecolóxico do que o sector pesqueiro tería tardado anos en recuperarse", chegou a dicir Arias Cañete, queu foi célebre por dicir tamén, aos poucos días da catástrofe, que o vertido estaba "controlado" e que non derivaría "en consecuencias para as poboacións pesqueiras nin para as especies mariñas grazas á rápida actuación das autoridades".
Dez anos despois, Miguel Arias Cañete volve liderar o Ministerio de Agricultura, Alimentación e MEdio Ambiente e conta con máis de 325.000 euros en participacións en empresas petroleiras.
Jaume Matas
Ministro de Medio Ambiente naquela época, é sinalado por Greenpeace e moitos outros colectivos como "responsable da ineficacia da limpeza das praias e de que non se realizara ningún plan integral para paliar os danos causados pola marea negra". "O Goberno actuou con dilixencia, eficacia e coordinación. Desde o primeiro momento tomou as medidas necesarias para evitar danos maiores ante un desastre desta natureza", asegurou nas primeiras semanas da catástrofe.
En 2007 deixou a política logo de perder as eleccións ao Parlamento balear. Está imputado por doce delitos relacionados por corrupción cometidos durante a súa etapa no Govern. En marzo de 2'12 foi condenado a seis anos e dous meses de prisión.
Arsenio Fernández de Mesa
Fernández de Mesa era o delegado do Goberno durante a época do Prestige e nomeado tamén daquela vogal da Comisión interministerial para o seguimento dos danos causados polo buque. Mantivo "unha polítia de desinformación desde o principio e participou na decisión de afastar o petroleiro das costas galegas sen que expertos cualificados examinasen o barco".
"O destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín", dixera Fernández de Mesa, agora director xeral da Garda Civil
Quedan xa para a historia algunha das súas frases nas comparecencias ante a prensa. "O destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín", chegara a manifestar, logo de non aclarar en ningún momento os riscos ou de asegurar que era "case imposible" que o cru chegase ás Rías Baixas. Na actualidade é director xeral da Garda Civil e as súas manifestacións seguen sementando a polémica.
Ademais, Greenpeace destaca na súa listaxe outros responsables políticos que daquela, polos seus cargos, tomaron decisións fundamentais en canto á xestión da catástrofe ou das súas posteriores consecuencias e que tampouco se sentaran no banco dos acusados durante o xuízo. Así, cita a Federico Trillo, daquela ministro de Defensa, que propuxo bombardear o Prestige e que agora é embaixador de España no Reino Unido; Ana Pastor, ministra de Sanidade e Consumo daquela e agora de Fomento; Javier Gárate, por entón director de Sasemar; Ángel del Real, capitán marítimo da Coruña; Serafín Díaz, inspector de Capitanía Marítima; Enrique López Veiga, conselleiro de Pesca,